Saltar ao contido principal
Xornal  »  "De non crer nas miñas posibilidades, deixaría o futuro da USC nunha candidatura oficialista"

Juan Casares Long, catedrático de Enxeñería Química e candidato a reitor da USC

"De non crer nas miñas posibilidades, deixaría o futuro da USC nunha candidatura oficialista"

Juan Casares Long
Juan Casares Long
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático de Enxeñería Química e candidato ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, concurre ás vindeiras eleccións que se celebrarán na USC o 10 de maio convencido das súas posibilidades de acadar o triunfo nas urnas para “cambiar o actual estilo de goberno da institución académica compostelá”.

Que forma de goberno universitario propón vostede?
Un estilo radicalmente diferente, pois entendo que na Universidade todos somos iguais. Por iso, é preciso que o equipo de goberno sexa un xestor de iniciativas que sexa capaz de conciliar intereses diferentes e ás veces contradictorios, a fin de procurar o ben xeral da Universidade.

Ten definido xa as primeiras actuacións que pretende levar a cabo?
A primeira actuación é que parto dende unha posición de independencia, que nestes meses me levou a falar cos membros dos distintos estamentos da USC para así coñecer as súas inquedanzas. Deste xeito e coa vontade de facer todo á luz de taquígrafos e con total transparencia, estou convencido de que a miña candidatura será respaldada pola maioría dos membros da USC.

Vostede confirmou de xeito oficial a súa candidatura ao Reitorado un mes antes da apertura da campaña electoral na USC. Non é moi cedo?
Penso que non é cedo. Sempre dixen que os meus tempos marcoos eu e do mesmo xeito que amosei a miña intención de ir ás eleccións o 16 de xaneiro, entendo que agora é o momento de convertir este desexo nunha realidade.

Nos últimos meses, vostede foi un asiduo do campus lugués, que carencias atisba nesta sé universitaria?
Penso que se podería falar delas, pero facelo dun xeito cuantitativo, sen cualificalas, sería un pouco frívolo nestes intres. Coido que temos que ollar ó noso redor e pensar nos desniveis de hai anos e logo extraer conclusións. Este exercicio correspóndello facelo ao electorado dun xeito reflexivo diante das urnas o 10 de maio.

Coida que a idea de respaldar unha candidatura alternativa esperta medos?
Podo dicirlle que nestes meses falei con moita xente, que sempre me recibiu ben e na maioría das ocasións compartindo algunha das ideas que lles plantexei. Non teño a idea de que a xente sinta medo a apoiar a miña candidatura, pois sería ilóxico que no século XXI un profesor universitario tivera aprensión algunha por este motivo.

Como valora o tempo que pasou desde que manifestou o seu desexo de aspirar ao Reitorado da USC?
Os comezos foron duros, pero o camiño resultou satisfactorio. Teño que dicir tamén que Lugo foi tan receptivo coma Santiago nesta travesía.

Insisto. Está convencido da aposta feita?
Estou absolutamente convencido. De non ser así, non faría este esforzo e deixaría o futuro da Universidade nunha única candidatura oficial. Aínda así, coido que xa se está empezando a ver a vontade dun cambio na institución académica.

Vostede confirmou xa a súa decisión de optar ao Reitorado da USC, pero ten perfilado xa o debuxo do seu organigrama de goberno?
O organigrama ou a estructura de goberno deseñarase en función dos contidos e das prioridades que se establezan no programa electoral, no que aínda estamos a traballar.

E conta xa cun equipo pechado para afrontar este reto?
Somos un grupo numeroso de persoas as que estamos a traballar neste proxecto. Hai un equipo razoablemente amplo, con xente moi capaz e que estamos a traballar.

Fala de equipo, pero por que non avanza nomes?
O importante é o equipo.

Si, pero o Real Madrid tamén é un equipo e...
[Sorríe] E o Barcelona tamén.

Acepto e ata comparto con vostede a importancia que ten neste cometido o equipo do que se vai rodear, pero vostede é o candidato.
Dende logo e como tal teño a responsabilidade de dirixir o meu grupo de traballo. Sen embargo, podo adiantarlle que as decisións que se tomen adoptaranse en equipo e serán colexiadas.

Fixa algunha prioridade para a súa acción de goberno se realmente acada a cadeira de San Xerome?
O mínimo que se lle pode pedir a calquera equipo de goberno e pode ter seguro que vai ser un dos eixos do meu traballo é o control riguroso do uso que se faga dos recursos financeiros da Universidade e da súa economía como ente público que é.

Xa que está en Lugo e aínda que non está disposto a descubrir os nomes das persoas que o van acompañar como colaboradores do seu equipo de goberno da USC, entendo que podería por de manifesto algunha das accións que ten previsto realizar na sé universitaria luguesa.
O compromiso deste equipo de goberno co campus de Lugo quedará manifesto antes do vindeiro día 10 de maio.
Coida que xa chegou a hora de deixar de falar de campus periférico?
Traballei durante anos nun campus periférico e sei o que se sinte e cales son os seus problemas.

Nas derradeiras eleccións na Universidade de Santiago, o campus lugués foi unha baza decisiva. Podería repetirse esta situación desta volta?
Quero pensar que a intención dos votos que se emitan no campus de Lugo vai ser importante e terá un peso relevante, do mesmo xeito que sucederá en Santiago.

Pronostica unha campaña electoral bronca e áspera?
Non teño por que facelo. É máis, podo asegurarlle xa que eu non estou dispoñible para entrar nesta dinámica.

Logo, non vai debater?
Por suposto que si. Haberá debate. Espero. E supoño que tamén haberá posicións encontradas. Sen embargo, entendo que todos os candidatos que concurran neste proceso electoral van ser responsables dos seus feitos e moi respetuosos cos demais.

Xa para rematar. Vostede coñece a realidade universitaria e tamén outros ámbitos administrativos máis ligados á vida política. Podería atisbarse neste proceso universitario algunha semellanza coas campañas políticas?
Eu non estou a facer política, senón que traballo e estou a esforzarme por facer universidade.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 29 de marzo de 2006