Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A complexidade das enfermidades que aflixen o cerebro fai imposible predecir cando se poderán erradicar"

María Celina Rodicio Rodicio, coordinadora do programa interuniversitario de Neurociencia

"A complexidade das enfermidades que aflixen o cerebro fai imposible predecir cando se poderán erradicar"

María Celina Rodicio Rodicio
María Celina Rodicio Rodicio
  • Ignacio Rodríguez

A profesora titular de Bioloxía Celular no Departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía da Universidade de Santiago e coordinadora do programa interuniversitario de Neurociencia, dende o seu comezo, María Celina Rodicio Rodicio, sostén que “a complexidade das enfermidades que aflixen o cerebro fai imposible predecir cando se poderán erradicar”

Vostede é a coordinadora do primeiro posgrao interuniversitario de Neurociencia do SUG. Coida que o apuntalamento e reforzo desta opción formativa vai repercutir directamente na mellora da calidade de vida das persoas?
Dada a importancia que as enfermidades neurolóxicas, mentais ou as adiccions teñen na sociedade occidental hoxe en día e a intensa investigación que neste eido se está a facer nas universidades e hospitais de Galicia, coido que unha formación de calidade dos novos investigadores non pode máis que redundar en beneficio da sociedade.

Trátase esta dunha liña de investigación que esperta un gran interés entre o estudantado e os egresados universitarios?
O actual programa de doutoramento de Neurociencia está entre os máis demandados de Galicia, de feito non só estudantes galegos acceden ao mesmo, senón tamén estudantes de Portugal e Iberoámerica. Isto explícase porque o coñecemento do cerebro é o último gran reto da bioloxía, e a investigación conducente ó tratamento e á prevención das enfermidades que o aflixen é prioritaria a nivel mundial, como o demostra o feito de que as empresas farmacéuticas adiquen a meirande parte dos seus gastos en investigación e desenvolvemento aos novos fármacos que as palíen.

O carácter interdisciplinar das persoas e tamén dos enfoques investigadores que conflúen neste posgrao contribúe ao seu maior enriquecemento, pero non resulta difícil coordinar con certa harmonía intereses e inquedanzas tan dispares?
A confluencia dos enfoques biolóxicos, psicolóxicos e clínicos, xunto coas novas tecnoloxías por enriba das tradicionais e o que permite os espectaculares avances da neurociencia na actualidade. En Galicia somos moi afortunados porque temos especialistas en todos os campos e tecnoloxías, e a unión de todos nós nunha aposta común e o que nos permite ofertar o que tal vez sexa un dos programas de posgrao máis completos e ambiciosos de España, con especialidades en neurobioloxía médica, neurociencia cognitiva, neurobioloxía comparada e modelos do cerebro. A súa coordinación require moitas horas de adicación, pero vén facilitada polo bo facer de todos os profesores que participan no mesmo.

Na investigación que resulta primordial, a persoa ou o equipo de traballo?
Coido que na actualidade non é doado para unha soa persoa realizar unha investigación competitiva. É importante un bo equipo de traballo. Canto maior sexa a calidade de cada un dos seus membros, mellor será o equipo.

Vostede manifestou fai pouco tempo, co gallo da inauguración da Semana do Cerebro na USC, que o cerebro humano, formado por billóns de células, é a estrutura máis complexa coñecida. Xustifica isto a disparidade dos nosos comportamentos, incluso aqueles máis inexplicables?

Actualmente acéptase que toda conduta é o resultado do funcionamento das células do cerebro que están conectadas en redes. Polo tanto, os nosos comportamentos poden entenderse como o conxunto das operacións levadas a cabo polo noso cerebro. A maior complexidade das redes neurais, maior disparidade de condutas. Cando comprendamos o que desencadea un determinado comportamento e as operacións que o cerebro realiza para levalo a cabo deixará de ser inexplicabel.

Hai moitas diferenzas entre o cerebro humano e o doutras especies animais?
A función de todos os cerebros e recibir e procesar a información procedente do mundo exterior e xerar as respostas axeitadas. O rasgo exclusivamente humano é a nosa capacidade de participar nunha gran variedade de redes socias o que vén falicitado polo uso da linguaxe, e cada unha delas require un conxunto de diferentes condutas. A capacidade de coñecernos a nós mesmos axúdanos a xerar as condutas axeitadas a cada situación.

Apunta tamén vostede que o gran reto da investigación pasa por descubrir os misterios do cerebro. Será posible facelo nun prazo curto de tempo?
Os neurocientíficos estamos obrigados a atopar unha explicación das mesmas en termos de neuronas (as principais células do cerebro) e as súas conexións, pero este é o reto máis difícil ao que nos enfrentamos, e polo tanto, é previsible que sexa o último en resolver.

E máis, confía en que a ciencia artelle pronto terapias ou fármacos efectivos contra enfermidades como o Alzheimer, a esquizofrenia ou os infartos cerebrais?

Coido que os investigadores temos a gran responsabilidade de non crear falsas expectativas entre os cidadáns. Nas enfermidades que aflixen ao cerebro inflúen a nosa herdanza, experiencia e o ambiente ao que estamos expostos. Estase a traballar moito neste campo, e melloráronse os tratamentos a aplicar, pero a complexidade das mesmas fai imposible predicir cando poderemos erradicalas.

A actividade do cerebro, como elemento que rexe o comportamento do noso organismo, supoño que tamén estará ligada coas adiccións á droga ou outras substancias nocivas. A qué se deben estes comportamentos?

As drogas activan os circuitos cerebrais que median a gratificación e o placer, é máis, os opiacios teñen potentes efectos analxésicos, o que explica o seu abuso, pero estas substancias tamén actúan sobre outros circuitos producindo os devastadores efectos negativos que todos coñecemos.

Os avances da investigación están supeditados en boa medida á disposición de recursos financeiros. Entende preciso incrementar as partidas orzamentarias adicadas a este capítulo en Galicia?

Hoxe temos claro que os investimentos en investigación son investimentos en benestar. En Galicia aínda estamos moi alonxados de países punteiros en materia de investigación, polo que se necesitan moitos esforzos nos orzamentos para pornos ao día.

Coida que o novo plan de I+D+i esbozado pola nova Xunta contribuirá a mellorar a investigación no país?

Sen dúbida, todos os esforzos van nesa dirección.

E que me di dos recursos humanos existentes na actualidade, é dicir, o nivel de excelencia dos nosos investigadores?

O nivel de excelencia docente e investigador dos membros do programa de Neurociencia está avalado pola Mención de Calidad, outorgada polo Ministerio de Educación y Ciencia.

A Semana do cerebro constitúe, entre outras cousas, un gran foro de divulgación e de debate científico. Podería falarse xa dalgún resultado tanxible derivado destas xornadas?

Creo que estas xornadas ademais de proporcionar á sociedade información sobre o cerebro e sobre como a investigación que se está a realizar sobre o mesmo repercute na mellora da súa calidade de vida, están a lograr que a sociedade sexa consciente de que os investigadores somos parte da mesma, traballamos para mellorar o benestar xeral e estamos abertos a compartir con todos as nosas ilusións e coñecementos.

No programa de Neurociencia hai profesores do Campus de Lugo, como ve o potencial investigador da sé universitaria desta cidade?
Coñezo a investigación en Neurociencia que están a realizar os grupos dos departamentos de Anatomía e Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da facultade de Veterinaria, e a profesora desa cidade adscrita ao departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía. A súa investigación, que versa sobre a estrutura e desenvolvemento de cerebros de animais e sobre as enfermidades neurodexenerativas que os aflixen, ten un alto nivel, tal como o mostran os seus traballos que están publicados nas mellores revistas da especialidade.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 5 de abril de 2006