Saltar ao contido principal
Xornal  »  "As relacións entre ética e política son un campo aínda por explorar e desenvolver"

Luis García Soto, decano de Filosofía e tradutor da ‘Nouvelle Encyclopédie de Bioéthique’

"As relacións entre ética e política son un campo aínda por explorar e desenvolver"

Luis García Soto
Luis García Soto
  • Ignacio Rodríguez

O decano da facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, Luis García Soto (A Coruña, 1956), vén de traducir ao galego a publicación Nouvelle Encyclopédie de Bioéthique, orixinariamente editada en lingua francesa pola editorial belga De Boeck baixo a dirección de Gilbert Hottois e Jean-Noël Missa hai xa cinco anos. García Soto, que é profesor titular de Filosofía Moral na USC, conta xa cunha destacada produción bibliográfica, pois alén desta última tradución, este licenciado en Dereito e doutor en Filosofía, ten publicado moreas de artigos e conta tamén con varios libros, tales como Paz, guerra e violencia ou Aristóteles, que foron os dos últimos en saír ao mercado.

Que o levou a traducir ao galego esta obra do francés?
Pareceume que, polas súas características, podería ser moito útil para os profesionais (médicos e biólogos, sobre todo), e tamén para os estudantes, que cada vez son máis, que se achegan á bioética.

Coida que se trata dunha publicación que sobrepasa o interese científico e cultural?
É unha obra moito actual, na cal se abordan, cunha perspectiva aberta e plural, os temas bioéticos. Son cuestións que saen continuamente nos medios de comunicación e comezan a formar parte da nosa vida cotiá, polo que interesan hoxe a un amplo público.

E como se sente despois de que a Federación de Libreiros de Galicia distinguira esta publicación como o Mellor Libro do Ano 2005?

Estamos moito satisfeitos co galardón, que, sen dúbida, merecían tamén os outros libros finalistas. Vémolo como unha recompensa ao traballo feito, mais, sobre todo, como un recoñecemento da importancia actual da bioética e da oportunidade desta publicación agora en galego.

Vostede di que o proceso de tradución buscou sempre a accesibilidade e a manexabilidade da obra para o lector. Ve tanta complexidade nesta temática?
Hai que ter en conta que na bioética conflúen, polo menos, tres vocabularios: o filosófico, o médico e o biolóxico. É preciso, entón, ser coidadoso.

Á marxe desta publicación, outros dos seus traballos denotan que vostede presta gran atención á análise das relacións entre ética, filosofía e política. Débese isto a cuestións de gustos persoais ou entende que é preciso dar máis información ao respecto?

Ben, é que son profesor desas materias. Alén diso, as relacións entre ética e política son un campo aínda por explorar e desenvolver, no que hai moito que dicir e facer.

Xa que estamos a falar dunha enciclopedia de bioética, como ve a convivencia entre os valores éticos e os continuos avances científicos e tecnolóxicos?
En contra do que parece, non é unha convivencia difícil: unha maior cultura e desenvolvemento moral, a escala social, faríana máis fácil.

O respecto dos valores constitúe unha rémora ou un lastre para o desenvolvemento ou, pola contra, é o eixo fundamental sobre o que se debe asentar o progreso?
Ás veces, as rémoras e lastres teñen un papel ao cabo positivo. En xeral, o progreso debe facerse sobre os valores morais. É, polo demais, unha tendencia crecente na actualidade. Mesmo as empresas están a asumir a chamada “responsabilidade social”.

Vostede é licenciado en Dereito, doutor en Filosofía e gusta da literatura. É un home de letras, pero avoga por conservar no eido académico a xa vella dicotomía entre ciencias e letras?
Nos nosos tempos, as letras (filoloxía, historia, etc.) son unhas ciencias, que quizais non teñen, canto á definición de espazos profesionais, o recoñecemento que deberían. Outra cousa é o cultivo das letras.

Coida que a remodelación dos estudos derivada da implantación do espazo europeo de ensino superior vai incidir dalgún xeito nesta realidade?
De momento, resulta prematuro aventurar cales van ser os seus efectos. Por exemplo, se ás carreiras de letras se lles esixe unha saída profesional, e no entanto non se lles recoñece o espazo laboral propio, mal vamos.

Vostede, como decano dunha facultade de Filosofía, subliñaría os versos de Jorge Manrique nos que dicía “Cualquier tiempo pasado fue mejor”?

Non. Para o filosofía, o pasado non foi mellor. Ao longo da historia, aos filósofos e filósofas pasoulles un pouco como aos santos: que son venerados despois de mortos, mais as circunstancias da súa vida (mesmo da súa morte) foron verdadeiramente penosas.

Os estudantes diminúen e os temas filosóficos tampouco semellan espertar gran interese na sociedade. Sen embargo, fártanse de dicir que vivimos na sociedade do coñecemento. Como se explica isto?
Até agora, os estudantes de filosofía diminuíron como todos, inclusive menos que a media. Por “coñecemento” enténdese “saber usar a información”: niso, a filosofía representa só unha pequena parte, mais non é prescindíbel.

Penso, logo existo, dicía o filósofo. Perdeu vixencia esta máxima?
Non creo. Non poucas persoas desfrutan pensando, cavilando sobre a súa vida, as súas relacións, o seu traballo, etc.

Pero o certo é que pensar non está de moda?

Desde o momento en que non está prohibido (como pasou aquí outrora e sucede aínda en tantos sitios), pensar pode pórse calquera día de moda. Ademais, o pensamento non necesita estar de moda: en canto pode, a xente non deixa de pensar, de filosofar á súa maneira.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 19 de abril de 2006