Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A configuración académica do campus de Lugo non caeu na mimetización"

Laureano Álvarez Val, Responsable da Unidade de Orientación Universitaria da USC

"A configuración académica do campus de Lugo non caeu na mimetización"

Laureano Álvarez Val
Laureano Álvarez Val
  • Ignacio Rodríguez

Laureano Álvarez Val, integrante do cadro de Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela e resonsable da Unidade de Orientación Universitaria, está vencellado á tarefa de orientación dende o comezo da súa relación laboral coa institución académica, aló polo ano 1982.

Segue sendo importante a orientación para os estudantes universitarios?
Evidentemente. Creo que é un compoñente da calidade dunha institución universitaria ofertarlle aos seus estudantes unha orientación e asesoramente profesionalizado á hora de ir tecendo o seu currículo diante da opcionalidade que atopa na oferta formativa. Aos que estamos dentro da institución pódenos parecer relativamente sinxelo pero cando se chega dende os niveis previos do ensino, a moitos non lle resulta doado sacar todo o proveito que poden acadar cunha planificación sensata e realista de súa formación. Asemade, neste momento está á vista unha forte transformación que fai máis necesaria se cabe unha boa orientación.

A demanda de información era a mesma na década dos oitenta?
Podemos dicir que o obxectivo que se buscaba era o mesmo. Pero as circunstacias eran daquela moi diferentes. Eramos a única universidade en Galicia. Estábase saíndo dunha universidade “preconstitucional”, veu a lei da reforma universitaria e todo o que iso supuxo. Por outra banda, a universidade non dispuña aínda do Gabinete de Comunicación nin da Oficina de Relacións Exteriores, por poñer un exemplo, e, polo tanto, a difusión do mundo universitario tiña case como única referencia as persoas que traballaban en orientación e información universitaria. Tampouco podemos esquecer que a situación no ensino universitario non era a mesma.

E despois da segregación?
Ao crear as outras dúas universidades galegas, nós quedamos coma un servizo propio da Universidade de Santiago, pero a demanda que nos chegaba era de toda Galicia e sobre moitos e variados temas. Pouco a pouco fóronse establecendo colaboracións con servizos análogos doutras universidades. E tamén nos centros de ensino medio foron especializando a súa demanda. Dende hai xa uns anos a nosa tarefa quedou máis definida: Acercar a Universidade a todos os seus potenciais estudantes, as súas familias e aos profesionais do ensino non universitarios.

A actividade da orientación cambiou?

Claro. Ao irse consolidando e institucionalizando cada vez máis o labor de orientación cara os niveis non universitarios. Hoxe estamos integrados na Vicerreitoría de Estudantes e Relacións Institucionais e todas as tarefas están agrupadas no programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, un ambicioso proxecto de cara aos futuros estudantes e á sociedade en xeral.

Agora estamos na era da calidade, de que maneira pode esta esixir unha mellor orientación aos potenciais universitarios?

No plano estratéxico de calidade da USC contémplanse —e estase a levar a cabo— unha serie de iniciativas para acercar o máis posible a oferta da universidade aos seus futuros estudantes, coa implantación de materias ponte ou de nivelación antes do inicio de cada curso académico, para determinadas carreiras; as titorías personalizadas, encontros con profesores de ensino medio para analizar contidos de diversas materias co fin de facer mais accesible o paso dun nivel a outro. Con todo isto preténdese acadar os mellores resultados na formación dos estudantes, o que será bo para eles e para a sociedade.

Considera importante o labor que neste senso fan os departamentos de Orientación de centros de ensino medio?

A miña percepción é que a súa implantación e progresivo asentamento é un aspecto moi salientable dos últimos anos. Para nos é un lugar de referencia na nosa relación cos niveis de estudo non universiario e pola nosa parte estamos sempre a súa disposición para prestarlles apoio e colaboración nas súas actividades. Dende hai varios anos temos cada curso, alomenos, unha xornada de encontro á que convidamos a todos os equipos de dirección e orientación dos centros de ensino medio de Galicia cunha asistencia masiva e moita participación no deseño das actividades que se organizan. Personalmente, con moitos deles teño unha relación de amizade que se foi fragando en moitas horas de compartir e debater esperanzas e ilusións na mellora da formación dos estudantes.

Cales son as cuestións universitarias ou a temática que máis lles interesa aos estudantes que queren ir á Universidade?

Teñen bastante información, aínda que ás veces un tanto confusa. Aparte de buscar información sobre contidos de determinados estudos interésalles tamén servizos que ofrece a Universidade, tales como residencias, idiomas, informática, oferta deportiva, estancias no estranxeiro.... Teñen preocupación pola súa futura inserción laboral e polo complexo mundo do traballo: o paro e a elevada precariedade.

Os programas de intercambio despertan interese nos estudantes que aínda non son universitarios?
Si. De entrada son moitas e moitos os que agardan completar a súa formación fóra, tanto noutras universidades do Estado como do exterior, a través dos distintos programas bilaterais e dos Séneca e Erasmus.

Algúns din que o programa ‘A Ponte’ ten como único obxectivo a captación de estudantes?

Todos os que formamos parte do equipo de A Ponte e penso que os moitos colaboradores de facultades, escolas e servizos da USC, estamos convencidos de que vir estudar a nosa universidade vale a pena e que é unha moi boa eleción formarse nela. Obviamente, isto nótase ao presentar a nosa Universidade. Pero debo dicir tamén que todas as accións de cara a darlle aos potenciais estudantes da USC unha información e orientación que lles permita vir aos nosos centros académicos coa mellor preparación e coñecemento posible inténtanse deseñar dende unha posición de honestidade cos estudantes e coa sociedade. Coñecer o que ofrece a USC é o mellor reclamo para que moitos escollan estudar en Compostela ou en Lugo.

Considera que a especialización do campus de Lugo, cunha orientación agroforestal e veterinaria, facilita a chegada de estudantes aos centros de este campus?

É un feito que o campus lugués ten proxección e prestixio dentro e fóra de España. Pódese afirmar que xa é unha sé universitaria consolidada. Quizais unha das causas sexa que na súa configuración académica non caeran na mimetización doutros campus, digamos anteriores, a base de duplicidade por sistema.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 10 de maio de 2006