Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Os casos de represalia lingüística non desapareceron aínda da nosa sociedade"

Xosé Luis Regueira Fernández, director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago

"Os casos de represalia lingüística non desapareceron aínda da nosa sociedade"

Xosé Luis Regueira Fernández
Xosé Luis Regueira Fernández
  • Ignacio Rodríguez

O director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, o lugués Xosé Luis Regueira Fernández (Goiriz, 1958), reflexiona nas seguintes liñas sobre a conmemoración do Día das Letras Galegas, así como sobre outros aspectos da realidade cultural do país.

O Día das Letras Galegas é unha data simbólica, pero permite reforzar a identidade cultural do país?
Coido que é bo para un país fixar unha data para celebrar a cultura, porque pon de relevo signos de identidade esenciais e lembra persoeiros históricos que, coa súa vida, axudaron a construir Galicia. O Día das Letras Galegas é tamén un factor de diferenciación, porque a nosa segue a ser unha cultura subalterna, por construir.

Falamos logo dun símbolo?

Na cultura dun país ten que haber símbolos e datas de referencia. Poderíase dicir que o Día das Letras Galegas é como unha especie de festa patriota, pero que por si mesma non permite normalizar unha cultura nin unha lingua. Para acadar esta meta ten que haber un traballo calado e cotiá que permita facer unha cultura que aínda non está pechada.

Pero quen ten a responsabilidade de que Galicia acade unha cultura de seu?
Hoxe en día, nesta sociedade actual, a cultura é tarefa de todos. Non podemos poñer toda a responsabilidade na Administración, pero si debemos pedirlle ás administracións, concretamente á Xunta, que aplique o plan de normalización que ela mesma aprobou e que tome e aplique medidas que axuden e permitan facer a vida en galego.

Fai vostede a súa vida en galego?
Si, mentras estou en Galicia, teño a vida en galego.

E non resulta moi complexo?
No meu ámbito, na Universidade, non teño demasiados problemas, pero coido que no eido da empresa privada non sería tan doado ou incluso ata non sei se sería posible.

Está a dicir que a lingua é motivo de exclusión?

Os casos de represalia lingüística non desapareceron da nosa sociedade. En todo caso, a presión social é aínda moi forte. Non se pode obviar que hai moitos ámbitos que seguen a ser hostís ao galego. Basta pensar nos rapaces galegofalantes que cando chegan a un centro de fala castelán sempre atopan problemas e vense na obriga de adaptarse á unha nova realidade lingüística.

Vostede di que o ámbito universitario non rexeita o galego, pero cre que a Universidade de Santiago é coherente coa súa natureza galega?

A Universidade é un reflexo da sociedade na que está, pero, en termos xerais, é un ámbito protexido para esta lingua, xa que os seus órganos de goberno desenvólvense en galego en todos os edios de carácter oficial. Home, tamén é certo que a USC ten un regulamento interno do uso do galego que nunca se chegou a cumprir, pero...

Se nos atinximos ao nivel de implantación da fala en galego entre a comunidade universitaria, que me di?
Pois mire, que o uso do galego é moi heteroxéneo en función da situación laboral e profesional de cada persoa. Sen embargo, a docencia é o edio no que está menos implantado, pois non cabe dúbida de que os docentes constitúen o colectivo que menos emprega o galego na Universidade.

Coida que a lingua galega gañou prestixio nos últimos tempos?

Uf! É complicado dar unha resposta.

Por que?
Porque, en teoría, o galego gañou moito prestixio e recoñecemento social, a pesar de que nos últimos anos se perderon moitos falantes. De xeito parello, hai estudos indirectos que demostran que o galego é a lingua da xente que procede da aldea ou dos chamados nacionalistas urbáns. Élle bastante certa esta realidade, porque aínda non están superados os prexuizos que se dan nos ámbitos urbanos.

Das súas verbas deduzo que o biligüismo perfecto aínda é unha utopía en Galicia.
O bilingüismo non é perfecto, pero o que si resulta curioso é que nalgún eido social, o galego é a lingua alta —na política, por exemplo—, mentras que noutros moitos o español é o idioma dominante. [Os políticos e os grandes empresarios de Galicia poden usar o galego nas súas intervencións oficiais, pero logo non falan esta lingua coas súas familias].

Hai moitos mozos que se incorporan a falar en galego. Como explica este comportamento sociolingüístico?

O idioma que emprega a xente e, como non, a mocidade, depende das redes sociais nas que se move. Na Universidade, se un quere coñecer e participar de certos círculos ten que pasar a falar galego. Sen embargo, sospeito que a maioría da xente que se pasa ao galego faino por motivos ideolóxicos, pero non por cuestións de moda ou de modernidade. Basta lembrar que a caída do uso do galego entre os mozos nos últimos anos é importante. Frente a este comportamento, o que tamén percibo é que os galegofalantes son cada vez máis fieis á súa lingua.

Falamos da fala, pero como ve os continuos cambios na normalización da escrita?
Penso que non houbo tantos cambios, pois desde o ano 1982 a normalización da escrita en galego goza dunha estabilidade bastante grande. É certo que nos últimos anos asistimos a unha modificación consensuada, pero que tampouco supón cambios tan significativos. Logo, tamén cómpre sinalar que hai certos grupos que empregan ortografías alternativas á oficial.

Coida que a Universidade debería implicarse máis na celebración do Día das Letras Galegas?
Non pediría unha maior implicación da USC neste tipo de actos simbólicos, aínda que si lle demandaría que fixera un esforzo maior de cara a acadar a normalización cultural e lingüística. Polo demais, coido que a celebración dun acto solemne e institucional co gallo desta data é suficiente, porque logo veñen as celebracións e os actos dos organismos públicos, de centros de ensino... A data das letras galegas é unha festa para homenaxear a unha persoa que se distinguira polo seu traballo a prol da cultura.

Vostede fala de persoas e de homenaxes, pero son xustas as letras á hora de elixir os homenaxeados?
Pois, que quere que lle diga. Van alternando uns personaxes máis coñecidos con outros menos relevantes, pero tampouco é cuestión de facer un ránking. Entendo o Día das Letras Galegas como unha festa e unha aposta de futuro para que a nosa lingua e a nosa cultura acaden cada vez máis forza nunha fase de globalización no que a diversidade cultural está ameazada.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 16 de maio de 2006