Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Os galegos somos moi preiteantes por cuestións de propiedades e herdanzas"

Ángel Luis Rebolledo Varela, catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago

"Os galegos somos moi preiteantes por cuestións de propiedades e herdanzas"

Ángel Luis Rebolledo Varela
Ángel Luis Rebolledo Varela
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Luis Rebolledo, que tamén dirixiu o Curso de Experto en Dereito de Sucesións, recientemente clausurado, entende que a Ley de Dereito Civil de Galicia inclúe moitas particularidades, que non aparecen recollidas no Código Civil e coas que se pretende unha maior aproximación á realidade e ás costumes da poboación galega.

Presenta moitas particularidades o Dereito de Sucesións en Galicia?
Si. Hai singularidades importante no texto normativo vixente e tamén no proxecto de reforma da lei que se está a tramitar no Parlamento galego. É mais, diría que as diferencias son cada vez maiores. A Lei de Dereito Civil de Galicia recolle moitos temas referidos á propiedade dos montes comunais, así como importantes concreccións en materia de sucesións.

Podería concretar cales son algunhas destas singularidades?
No eido das sucesións hai moitas. A Lei de Dereito Civil de Galicia permite, por exemplo, o pacto sobre a mellora, o testamento mancomunado ou os dereitos do cónxuxe viúvo, que, no caso de Galicia son máis, xa que a normativa permite dividir unha herdanza sen que antes se acadara o acordo e a pertinente autorización de todas as partes implicadas.

Son as herdanzas un dos principais motivos de preito?
Dende logo, os temas de herdanzas son causa de moitos litixios. É lóxico, pero tanto en España como en Galicia, pois hai moitos preitos por temas de pasos, servidumes, herdanzas... Aínda así, tamén é certo que os galegos somos moi preiteantes por cuestións de propiedades, porque os propietarios queren que todos os fillos leven algo. Sen embargo, a nova normativa fará posible evitar moitos dos preitos por temas de herdanzas.

Vostede fai fincapé no especial carácter dos galegos en canto á propiedade e ás herdanzas, pero coida que o minifundismo que preside a nosa xeografía é unha consecuencia destas actitudes?

O Código Civil español ten boa culpa da actual distribución das terras, pois esta normativa obrigraba a que todos os fillos tiveran que levar unha parte dos bens da herdanza. Deste xeito e durante moitos anos, a normativa fixo que as propiedades se dividiran en partixas cada vez máis pequenas. Este costume é moi propio de Galicia, pero aquí tamén hai outras institucións, tales como o Dereito de Labrar e Posuír, en virtude do que o testador pode deixar a casa e a eira a un fillo, que logo tería que aboar en cartos a parte correspondente aos outros herdeiros.

As herdanzas son causa de litixios e moitos veces tamén provocan verdadeiros conflictos familiares, pero é posible deixar a un fillo sin herdanza algunha?

Legalmente, é posible, aínda que técnicamente moi complexo, posto que se teñen que dar unhas conductas moi graves, que non se producen con demasiada frecuencia e que, ademais, son moi difíciles de probar á hora da verdade. De feito, é por todos sabido que moitos dos nosos maiores non reciben o trato que deberían por parte dos seus fillos, que logo van ser os beneficiarios das súas propiedades.

E se nos poñemos na situación contraria, que sucede cando un herdeiro rexeita o legado que lle corresponde ou lle asigna un testador?

Cando un herdeiro renuncia a súa herdanza, a súa parte vai parar a outras persoas que tamén son herdeiros. Se se trata dun beneficiario único, o normal é abrir a herdanza intestada, que sempre vai atopar algún beneficiario e, en Galicia, no último caso, os bens irían para á Xunta, que é o último herdeiro.

Coida que son importantes as partidas que recibe a Administración autonómica por esta vía?
Dentro dos orzamentos da Xunta, hai unha partida adicada a herdanzas. A Xunta herda moitas veces e, nalgunha ocasión, non recibe pouca cousa. O que sí lle podo dicir é que, con relativa frecuencia, á Xunta de Galicia chegan herdanzas sorprendentes.

E se falamos de doazóns, son habituais en Galicia?
As doazóns non son representativas, pois os bens que conforman unha herdanza acostuman a moverse no eido da familia.

Nen tan sequera aquelas nas que as propiedades pasan a pertencer á Igrexa?

Nos seus tempos, hai anos, non eran poucos os supostos nos que a Igrexa era a beneficiaria dos bens, pero, agora, a xente non se decanta maioritariamente por doar os seus bens.

O testamento é un documento con moita tradición na cultura galega, pero manténse este costume na actualidade?

Os casos de herdanzas sen testamentos son moitos, ao meu entender, máis dos que deberían.

A que atribúe este comportamento?
Pois mire, entendo que non hai causas significativas, pois os testamentos fanse agora igual ca antes. O que sucede é que cando non se quere facer distinción entre os beneficiarios, o testador non deixa testamento feito. A situación cambia cando se trata de bens patrimonais moi complexos, cando si é conveniente facer testamento. Asemade, tamén hai outro factor sociolóxico, pois á xente non lle gusta falar da morte, polo que, moitas veces, non se decide a facer testamento.

No asunto das sucesións, un dos elementos máis actuais alude aos impostos que hai que pagar e as súas anunciadas modificación. Vostede cre necesario rebaixar estas tasas?

Na actualidade, o imposto de sucensións non é demasiado gravoso nos casos de familiares directos, pois éstes poden acollerse a unha serie de deducións fiscais. Cando se fala de parentescos máis lonxanos, o importe deste gravamen pode chegar ata o 40% do valor total da herdanza. O imposto de sucesións non é moi gravoso no caso das familias, pero coido que debe manterse, aínda que represente poucos ingresos para a Administración.

Xa no eido universitario e como xurista, como explica a existencia de catro facultades de Dereito en Galicia?

Os estudos de Dereito son baratos, cando menos, non son tan custosos como as ensinazas técnicas ou experimentais. É certo que o número de facultades de Dereito existentes en España pode ser demasiado elevado, pero tamén hai que ter en conta que os estudos xurídicos aportan unha formación moi ampla e versátil que redunda nunha mellor inserción laboral.

Aínda así, as perspectivas de traballo dos avogados xa non son tan boas na actualidade.

Dentro das dificultades laborais do panorama actual, os licenciados en Dereito aínda teñen moitas oportunidades para atopar emprego.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 24 de maio de 2006