Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A Politécnica comeza a dar froitos propios dun centro maduro"

Xoán Carlos Carreira Pérez, director da escola Politécnica do campus de Lugo

"A Politécnica comeza a dar froitos propios dun centro maduro"

Xoán Carlos Carreira Pérez
Xoán Carlos Carreira Pérez
  • Ignacio Rodríguez

O profesor do departamento de Enxeñería Agroforestal e director da escola Politécnica do campus de Lugo dende o ano 2006, Xoán Carlos Carreira Pérez, abandonará a vindeira semana as súas actuais funcións para asumir o cargo de vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago de Compostela.

Vostede é o primeiro profesor do campus de Lugo que vai dirixir unha vicerreitoría con competencias nas dúas sés da USC. Como afronta esta nova etapa?
Coa idea de responder ás expectativas xeradas por esta candidatura nos membros da comunidade universitaria.

Despois de tantos anos nesta cidade, vai cambiar agora Lugo por Compostela?
Supoño que non me terei que ir de Lugo, pois o meu posto de traballo segue a estar neste campus, onde teño a miña praza de profesor.

Pero falamos dunha vicerreitoría de carácter transversal e que atinxe a toda a Universidade
Está claro que o despacho da vicerreitoría vai estar en Santiago, pero virei a Lugo sempre que me requiran, aínda que a maioría dos asuntos relativos a infraestruturas do campus resolveranse dende a vicerreitoría de Coordinación de Lugo.

As súas verbas apenas dan importancia a que un profesor de Lugo pase a desenvolver un cargo académico en Santiago. Por que se lle deu entón tanto bombo á súa vicerreitoría durante a campaña electoral?
É un cambio cualitativo na estrutura do goberno da Universidade. A institución académica compostelá conta con dúas sés universitarias, que van continuar ao longo dos próximos anos, e hai que concienciarse de que todos os profesores da Universidade, traballen en Lugo ou en Santiago, teñen os mesmos dereitos e as mesmas obrigas e responsabilidades. Non sei por que non vai poder ser reitor da Universidade un profesor do campus de Lugo. Non hai ningún motivo, pero son os docentes os primeiros que teñen que abrir a súa cabeza á realidade bicampus desta Universidade.

É moi cedo para falar de obxectivos, pois aínda non tomou posesión do novo cargo, pero si podía adiantar as liñas xerais que marcarán o seu novo cometido profesional.
O programa electoral xa recollía as accións que este equipo reitoral quere levar a cabo nos próximos catro anos. Aínda así, entendo que o meu labor ceñirase a facer unha planificación administrativa das infraestruturas do conxunto da USC. Isto podería traducirse en actuacións máis concretas, tales como poden ser rematar o plan de ordenación dos campus ou artellar un programa plurianual de reformas e mellora das infraestruturas da Universidade.

O destino é curioso, pois despois de pedir tantas veces un edificio para as novas titulacións da Politécnica, agora terá vostede que decidir sobre esta nova dotación.

O reitor electo dixo que este novo complexo docente ía ser realidade ao longo deste mandato e espero que sexa así. No entanto, en cuestión de obras non me gusta falar de prazos, pois xa sabemos o que pasa.

Xa que logo, falemos do pasado. Que balance fai da súa etapa á fronte da dirección da escola?
Uf!... Penso que a actual escola Politécnica é moi distinta á que había hai seis anos.

Podería precisar algo máis?
Pois mire, collemos o centro nun período de masificación de alumnos, cando tiña máis de 4.000 estudantes, co que era moi difícil poder impartir todas as prácticas —ás veces por falta de profesores e outras porque non había medios—, e só con titulacións do eido agroforestal. Agora, a escola Politécnica presenta unha relación profesor/alumno moito máis equilibrada, en parte grazas ao progresivo descenso do número de estudantes de nova matrícula, o que constitúe un problema que comezará a ser grave se continúa o descenso de alumnos. Outra das cousas nas que avanzou este equipo de dirección ten que ver coas TICs, pois agora tódalas aulas teñen canóns de vídeo, e tamén se multiplicaron por catro os postos de ordenador nas salas de informática...

As melloras acadadas son notables, pero supoño que tamén lle quedarían proxectos sen rematar.

Pois si. Gustaríame ter solucionado o asunto da finca de prácticas, que despois deste tempo aínda está pendente dunha solución definitiva. Entendo que tamén sería bo afrontar o tema da calidade na docencia en maior profundidade. Outra das eivas podería ser a conexión da escola co sector agroforestal e tamén co seu entorno social. Avanzamos neste camiño, pero aínda queda moito camiño por diante.

A finca de prácticas é o talón de Aquiles da escola Politécnica, pero o Concello e a Deputación de Lugo parece que van colaborar para correxir este problema.

Espero que algunha das iniciativas chega a ser realidade ou incluso as dúas. Penso que as necesidades desta escola de contar cunha finca de prácticas quedarían cubertas cunha parcela nas inmediacións do centro, que se dedicaría a usos determinados, e con outra máis lonxe.

Os estudos agrarios contan xa cunha longa tradición na cidade e tamén con certo prestixio, pero a escola Politécnica como tal non estaba consolidada cando vostede tomou as rendas do centro. Acadouse este obxectivo nestes anos?

Atreveríame a dicir que si. A escola Politécnica ten poucos anos e aquí chegou profesorado moi novo, que, como é lóxico, estaba preocupado por estabilizar a súa praza. No entanto, pasados uns anos, coido que a Politécnica de Lugo normalizou a súa situación e converteuse xa nun centro de referencia, tal e como o corrobora a existencia de bos e recoñecicos grupos de investigación.

Xa que fala de investigación, ve satisfactoria a produción científica da escola?
Non cabe dúbida de que a produción científica da EPS medrou dun xeito salientable nos últimos anos. É máis, penso que a Politécnica xa empeza a dar froitos propios dun centro universitario maduro. De feito, ademais das melloras xa sinaladas, esta escola tamén foi un dos primeiros centros que puxo en marcha un plan experimental de implantación de créditos ECTS.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 7 de xuño de 2006