Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A reciclaxe dos profesionais é unha obriga das universidades"

José Manuel Gándara Rey, presidente do comité organizador do I Congreso da AAAAUSC

"A reciclaxe dos profesionais é unha obriga das universidades"

José Manuel Gándara Rey
José Manuel Gándara Rey
  • Ignacio Rodríguez

A Asociación de Antigos Alumnos e  Amigos da USC vén de celebrar o seu  primeiro congreso logo de dez anos de  historia. Significa isto que a Universidade é unha realidade de crecente interese na sociedade actual?
A Asociación celebrou este congreso  con motivo do décimo aniversario da súa  fundación no ano 1996 e, ademais, coincidiu co X Encontro da Federación de  Asociacións de Antigos Alumnos das Universidades Españolas. O feito de que  neste congreso participaran representantes de vintecinco universidades indica a  repercusión social que ten a Universidade, e penso que o interese é progresivo.
 
Coida que a etapa universitaria  está chea de mitos ou pensa que é un- ha fase vital que deixa unha profunda  pegada nas persoas?
Creo que ambas as dúas cousas. Os  que pasamos pola Universidade, nos primeiros anos, todo eran ilusións, pero a  medida que a formación aumentaba ías  adquirindo unha serie de coñecementos  que máis tarde condúcennos á realidade  da vida, en calquera ámbito, e deixa unha  pegada profunda na persoa. Creo que todos rememoran o seu paso pola Universidade cun grato recordo.
 
Unha vez rematado este congreso  chega a hora de facer balance. O seu é  positivo?
Foi moi positivo, pois como dicía ao  principio asistiron representantes de moitas universidades e contamos con ilustres  conferenciantes e relatores ao longo dos  tres días que durou o congreso, onde se  analizaron diversos temas de actualidade. Eu persoalmente destacaría a mesa  redonda onde os participantes expuxeron  os seus puntos de vista da maneira de  axudar e colaborar, dalgunha forma, coa  Universidade. Ao final do congreso che- gouse a unha serie de conclusións que o  noso reitor mos pediu para poder analizalas logo na CRUE.
 
Prevé que este tipo de encontros  demostra que a Universidade ten que  preocuparse cada vez máis pola formación continua das persoas?
Unha das funcións e obrigas da Universidade é a formación continua e a re- ciclaxe dos profesionais. E neste camiño  estamos. A proba máis evidente témola  nos numerosos cursos que se organizan  e ofertan aos distintos profesionais, coa  posibilidade de que actualicen os seus  coñecementos e para levar a cabo a reciclaxe da súa profesión. Esta é unha misión que debe cumprir a Universidade para axudar á sociedade e polo tanto ás  persoas.
 
Vostede, que é vicepresidente da  AAAAUSC, ve necesario recoñecer a  realidade multicampus de Galicia?
Non hai que recoñecela, é unha realidade. No relacionado coas asociacións  de antigos alumnos das universidades  galegas debemos ter en conta que son  moi recentes e a maioría dos asociados  son antigos alumnos da Universidade de  Santiago, polo que espero que, nun futuro non moi lonxano, todo esto sexa unha  realidade ben fundamentada. A proba de  todo isto é que a Universidade de Vigo xa  conta cunha asociación que será a encargada de organizar as xornadas do undécimo encontro. Teño a esperanza de que  moi pronto contaremos cunha asociación  de ex alumnos en cada un dos campus  de Galicia.
 
A cuestión académica mudou moito nas últimas décadas, pero cales  son para vostede os principais cambios que experimentou a Universidade  neste tempo?
A Universidade en xeral cambiou a  súa mentalidade en todos os sentidos.  Para min, con respecto aos meus tempos  de estudante, o cambio que máis se notou foi a relación alumno/profesor e a forma de participar os alumnos no funcionamento da Universidade, facendo que sexa máis dinámica.
 
Coida que estamos a falar de cambios positivos?
Son moi positivos, sobre todo para a  formación do alumno.
 
Se nos referimos aos estudantes,  atisba moitas diferenzas entre o perfil  dos alumnos do terceiro milenio e os  da súa época?
As diferenzas con respecto aos meus tempos son abismales. En primeiro  lugar, a distancia que existía nas nosas  épocas co profesor, donde prácticamente  non podías falar con el, cousa que hoxe  non existe, posto que a mesma Universidade che esixe esta relación por outros  medios, tales como poden ser as titorías.  Hoxe o alumno é mais participativo e polo tanto está máis próximo ao profesor,  non só nas aulas, senón tamén no desenvolvemento das actividades da propia  facultade e incluso do departamento. Daquela, os alumnos non participabamos  para nada. 

Co paso do tempo, a Universidade  deixou de ser unha oportunidade para  convertirse case nunha obriga. Aprecia motivos que xustifiquen este cambio de actitude nos estudantes?
Fundamentalmente creo que o desenvolvemento tecnolóxico, o poder adquisitivo da propia sociedade e as múltiples axudas coas que contan hoxe en día  os estudiantes, entre outros factores, fan  posible este cambio de actitude e ó mesmo tempo case é unha obriga o pasar polas aulas da Universidade, posto que as  facilidades son moitas.
 
A dificultade para acceder ao mercado laboral pode ser unha das causas  que xustifique o aparente desinterese  que amosan algúns universitarios?
As dificultades cada día son maiores  e moitos estudantes poden caer nese pozo de falta de interese polas poucas posibilidades que poden existir para acceder  ao mundo laboral, aínda que moitas veces debía servir de estímulo para aumentar a súa formación.
 
Vostede é catedrático do departamento de Estomatoloxía da USC e dirixe un máster en Medicina Oral, Cirugía  Oral e Implantoloxía que goza de gran  prestixio. Pódese deducir disto que a  especialización que aportan os progamas de posgrado é precisa para acadar éxito no mercado laboral?
A especialización cada vez é mais  necesaria para o desenvolvemento da actividade profesional, de aí que os programas de posgrado e formación continua  sexan máis precisos para o mundo laboral. A proba máis significativa é que o  máster que eu dirixo conxuntamente co  profesor García recibe cada vez máis solicitudes de acceso. Temos un promedio  de 50 a 60 peticións e só podemos ofrecer tres plazas por ano, posto que nos  condiciona unha serie de factores axenos  a nosa vontade.
 
Na saúde bucodental tamén é necesaria a prevención?
A prevención non só é precisa, senón que é imprescindible. Máis vale  previr que despois lamentar e en Odontoloxía isto non ía ser menos.
 
A Odontoloxía experimentou moitos avances nos últimos anos. Lugo  tamén se beneficiou destas melloras?
Tanto Lugo capital como a provincia  experimentaron un gran desenvolvemento nos últimos anos. Existen grupos de  profesionais de gran prestixio nacional e  internacional en todas as subespecialidades da Odontoloxía acadando un gran nivel. Ademais, tamén hai grupos de investigación, o que di moito no seu favor e  tamén repercute no resto dos profesionais. Un dos logros acadados polos odontólogos de Lugo, e esto é indicativo  da súa actividade profesional, foi a creación do Colexio Profesional, independizándose do da Coruña, o que denota a  gran unión e compañeirismo que existe  entre os colexiados.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 14 de xuño de 2006