Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O campus traballa xa en varias propostas de másters e posgraos"

Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo

"O campus traballa xa en varias propostas de másters e posgraos"

Carlos Herrero
Carlos Herrero
  • Ignacio Rodríguez

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, que comezou o seu segundo mandato coa presentación dun acordo entre Universidade, Xunta e Concello de Lugo para poñer en valor en restos arqueolóxicos do templo de Mitra e a construción no devandito solar dun edificio anexo á sé da vicerreitoría, confía en que esta nova actuación axude a estreitar a vinculación da institución académica co resto da sociedade luguesa.

O acordo recén acadado entre Xunta, USC e Concello para a musealización dos restos do templo de Mitra e a posterior construción dun pequeno auditorio no devandito solar supón un bo comezo do seu segundo mandato como vicerreitor de Lugo.
Por suposto que si. Pois este acordo é o resultado dun proxecto no que a Universidade empezou a traballar aló polo ano 1998. Estamos a falar dun recorrido xa moi longo, pero a Universidade soupo ter paciencia e coido que mereceu a pena retrasar o comezo das obras, pois iso permitiranos levar a cabo una actuación responsable.

Coida que esta nova infraestrutura universitaria servirá para achegar un pouco máis o campus á sociedade luguesa?

Entendo que así debe ser. De feito, a Universidade colaborou coas administracións para poñer en valor o xacemento arqueolóxico descuberto nas excavacións, o que permitirá o seu disfrute por parte de todos. Ademais, o edificio que se vai construir inclúe unha doble actuación. Dun lado está previsto facer un pequeno auditorio, que acollerá boa parte das actividades de índole cultural que agora se celebran noutros espazos do campus. Asemade, é lóxico que a USC tamén acorde coa Administración na organización de actividades encamiñadas a dar a coñecer os restos que se atoparon aquí. Doutra banda, na parte superior deste novo complexo farase unha pequena sala de exposicións, o que tamén poderá ser aproveitado por todos.

A construcción deste novo edificio é a primeira das corenta medidas específicas que o reitor Senén Barro anunciou que ía facer no campus de Lugo neste mandato. Cales serán as seguintes actuacións?
Fálame de novas infraestruturas ou refírese a cuestións académicas.

Preguntáballe polas obras.

Pois mire, se falamos de infraestruturas é pasando por enriba o novo edificio que albergará os servicios centrais de investigación do campus, que, prácticamente, xa está rematado, o primeiro proxecto no que se vai poñer a traballar a Universidade é o referido ao edificio destinado a acoller as enxeñerías civís que agora se imparten na escola Politécnica, pero que precisan de espazos propios para o seu correcto desenvolvemento académico.

Suporá a creación deste novo complexo un cambio na actual configuración académica da escola Politécnica?

É lóxico pensar que se hai dous centros, un acollerá aquelas titulacións de grao que teñan unha orientación agraria e forestal, mentras que o outro albegará as enxeñerías civís. Pero non podemos pensar só nas titulacións actuais, senón que, no futuro espazo europeo tamén será preciso que artellar a correspondente oferta de másters e posgrados. Aínda así, gustaríame precisar que o novo centro non se restrinxiría á creación de máis aularios, senón que estará dotado de laboratorios de prácticas e de investigación, ademais doutros espazos necesarios para cubrir outras obrigas docentes.

Podería avanzar cando vai ser realidade este novo centro?

Uf! Non. Podo dicirlle que a Universidade empezará a traballar neste proxecto despois do verán, pero tamén lle recordo que a Xunta é o organismo con competencias para a creación de novos centros. Por contra, a Universidade tan só pode presentar toda a documentación que xustifique a creación desta nova infraestrutura no campus.

Antes falaba da implantación de títulos de grao e de másters. Está definido o novo catálogo?

De momento aínda non se publicou o catálogo dos títulos de grao, pero o futuro dalgunhas titulacións antóllase máis ou menos claro. No caso das titulacións da Politécnica, penso que van quedar dou ou tres títulos de carácter agroforestal e que tamén se manterán, non sei con que estrutura académica nin con que denominación, as actuais enxeñerías de Topografía e Obras Públicas.

Vostede dixo en máis dunha ocasión que a implantación do espazo europeo de educación superior reforzará a oferta académica dos centros do campus. A facultade de Humanidades ofertará o vindeiro curso un máster en Servizos Culturais, pero hai máis propostas doutros centros?
Sí. Hai varias propostas de másters e de cursos de especialización, tamén de posgrao. Entendo que non é preciso que cada centro universitario teña que definir un posgrao específico para cada titulación, pois tampouco sería o máis proveitoso, pero sí hai proxectos de máster en colaboración con varios centros e tamén con outras universidades. Asemade, segundo comunicou a Xunta, tampouco é imposible que un mesmo máster se imparta en dúas universidades distintas.

A adaptación da USC ao espazo europeo de educación superior é un obxectivo prioritario, pero a comunidade universitaria lugesa reivindica dende hai xa moito tempo máis departamentos para este campus. Contempla o equipo de goberno da USC esta reclamación na súa axenda de traballo?

A reorganización dos departamentos universitarios é outra das propostas recollidas no noso programa electoral e na que comezaremos a traballar despois das vacacións de verán.

Contará o campus de Lugo con máis sés departamentais?
É posible, pois é moi probable que o actual departamento de Enxeñería Agroforestal teña que dividirse en dous por motivos obvios, xa que algunhas áreas de coñecemento das enxeñerías civís pouco teñen que ver coas titulacións agroforestais. Podería crearse tamén un departamento na facultade de Administración e Dirección de Empresas. Pero, todo isto é un proceso complexo.

Pasados xa máis de corenta días das eleccións ao reitorado, cre que a Universidade segue a estar fragmentada ou xa se superaron as diferenzas?

Todo proceso electoral leva consigo un confrontación de ideas e de propostas e xera tensions. A USC non ía ser allea a esta realidade, pero esta tensión vai diminuindo cunha acción responsable do equipo de goberno.


Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 21 de xuño de 2006