Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O principal problema é a falta de espazos para investigación"

Xoán Carlos Carreira, vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago

"O principal problema é a falta de espazos para investigación"

Xoan Carlos Carreira, vicerreitor de Infraestruturas
Xoan Carlos Carreira, vicerreitor de Infraestruturas
  • I. Casal

A I+D centra boa parte dos novos proxectos de edificación da Universidade, pero o responsable das obras di que a ampliación non é a única solución ·· "Hai que impedir que haxa lugares infrautilizados mentres outros están colapsados"

A Vicerreitoría de Infraestruturas volve ser independente co novo mandado da Universidade de Santiago (USC), logo da anterior etapa, na que en plena crise, como xesto de aforro, se uniu á de Economía. En calquera caso, esta área segue moi da man da carteira das finanzas, e tamén da de Investigación, que se beneficiará de boa parte das obras proxectadas para os vindeiros anos. Aínda así, explica a seu responsable, Xoán Carlos Carreira, a USC precisa racionalizar espazos para responder á sempre crecente demanda da investigación aproveitan recursos xa existentes. Estes serán dous dos eixes do traballo deste profesor da Escola de Enxeñería Agroforestal de Lugo, un dos membros do equipo reitoral procedentes do grupo nacionalista Universidade Aberta.

 ¿Como se vai artellar o traballo de Infraestruturas?

Temos catro grandes liñas de traballo. Unha é a xestión dos espazos xa existentes. Queremos desenvolver unha ferramenta informática que nos permita coñecer con facilidade en que medida están ocupados e a partir de aí planificar a súa xestión. Outra liña é a mellora na xestión das instalacións, tanto no mantemento como na optimización enerxética. Un terceiro apartado é o das obras de renovación, anovación e mellora dos edificios, cunha planificación plurianual. A cuarta liña inclúe todas as grandes obras proxectadas, desde o Campus da Saúde e Ciencias da Educación, ás reformas de Química ou Historia e os centros de investigación de Química, Bioloxía ou Medicina, entre outros. Tamén hai que abordar con urxencia o problema de espazo de Física.
 
O plan de xestión dos espazos existentes, ¿rompería o tradicional repartimento de espazos por facultades e escolas? Hai unhas colapsadas e outras con espazos ás veces infrautilizados.
Hai universidades que teñen un modelo máis centralizado, con aularios compartidos por varios centros, pero son normalmente máis novas. No noso caso vimos doutra tradición, pero posiblemente mantendo a xestión descentralizada, nalgúns casos poderían poñerse condicións para que se compartan mellor os recursos, para que haxa unha maior racionalización e evitar espazos infrautilizados mentres outros permanecen colapsados. Por exemplo, isto evitaría que un centro tivese clases ata as nove da noite por falta de aulas mentres outro ao seu carón as tivese dispoñibles.
 
¿Podería ser esta forma de compartir una solución, polo menos provisional, para o problema de espazo de Física, que ve limitado o seu crecemento en investigación e desenvolvemento (I+D) por este motivo?
O principal problema que temos agora mesmo é o de falta de espazos para investigación. De feito, a maioría dos novos edificios que temos proxectados son para atender estas necesidades. E neles xa hai unha concepción distinta, na que habería que profundar para ser máis versátiles e, sobre todo, para permitir reorganizar os espazos de I+D en función das necesidades sen ter que ir necesariamente pola vía da ampliación, que é unha solución que non se pode manter para todo.
 
¿Pero cal sería a solución para Física?
É un tema que estamos tratando, pero teremos unha proposta este mesmo ano para poder empezar a actuar o próximo.
 
O que si está definido é o Campus da Saúde, ¿como vai a primeira obra, a do o aulario?
Vai realizándose segundo o previsto, aínda que non me gusta poñer prazos, porque nas obras sempre hai imprevistos. En calquera caso, esperamos que estea listo para o curso próximo.
 
¿Hai algún novo detalle sobre o financiamento?
Depende dos proxectos. O Centro de Investigacións en Medicina ten fondos europeos. Para o resto agardamos obter financiamento externo e séguense facendo xestións nese sentido.
 
¿Como se concretará a optimización enerxética?
Haberá que estudar como reorganizar os medios que temos, partindo ademais de que hai un plan de optimización enerxética que hai que ver en que medida está dando resultados e decidir se profundamos nel ou non. Trátase de buscar a maior eficacia tanto nas reparacións como no mantemento das instalacións de calefacción, así como dar resposta a problemas que en certa medida son novos: nalgúns centros é moi necesaria a climatización para paliar os problemas de calor no verán. Nalgúns sitios é case imposible traballar.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego, do 2 de novembro de 2006