Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Galicia precisa urxentemente dunha ordenación integral do seu territorio"

Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático do departamento de Produción Vexetal da USC

"Galicia precisa urxentemente dunha ordenación integral do seu territorio"

Antonio Rigueiro Rodríguez
Antonio Rigueiro Rodríguez
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático de Produción Vexetal da Universidade de Santiago, Antonio Rigueiro Rodríguez, vén de propor á institución académica compostelá a creación dun Programa Oficial de Posgrao (POP) sobre Xestión Agroforestal Sostible, unha novidosa proposta formativa que, de ser aprobaba, comezaría a impartirse o vindeiro curso na escola Politécnica do campus lugués.

A xestión agroforestal é un concepto moi recurrido agora en Galicia, xusto despois dos desastres provocados pola vaga de lumes ou polas riadas. Pero, non había logo ningún tipo de planificación neste senso?
En Galicia si existe unha xestión agroforestal e do medio rural, pero está en crise. É máis, o medio rural galego está sumido nunha profunda crise que se traduce na diminución do número de explotacións agropecuarias e na perda de poboación que traballa neste sector. Coido que estamos ante unha situación preocupante, pois as consecuencias deste fenómeno penso que non van ser positivas.

Sería lícito falar dunha nova crise agraria en Galicia?
Dentro da agricultura, a actividade agraria é a que está máis en crise. Diminúe a súa produción e parte da superficie tradicionalmente dedicada a usos agrarios reconvírtise para usos forestais, ás veces non de xeito acertado.

Atisba necesario cambiar a política forestal?
A actividade forestal é moi importante en Galicia, xa que dous terceios da súa superficie —preto de dous millóns de hectáreas— son bosques ou monte raso. As potencialidades de produción forestal de Galicia son das máis elevadas de Europa, pero esto non reporta para o sector os beneficios que debería. Todo iso fai pensar en erros da orientación forestal, que tamén está moi desorganizada.

A que feitos atribúe vostede estas eivas?
No eido da organización forestal, entendo que unha das causas que levou á situación actual é que se optou por especies de crecemento rápido —piñeiros, eucaliptos...—. Lembre que dos seis millóns e medio de metros cúbicos de madeira que se talan cada ano en Galicia, preto de seis millóns corresponden a piñeiros e eucaliptos.

Que actuacións proporía vostede para invertir a situación na que se atopa inmerso o monte galego na actualidade?
O sector forestal ten que reconducir cando menos tres parámetros. Hai que facer axustes na estrutura da propiedade, a fin de superar así a tremenda parcelación existente; diversificar a produción forestal madeireira —prodúcese madeira en exceso de piñeiro ou de eucalipto, mentras que non se concede importancia a outras especies como o castaño ou a nogueira, que tamén se poderían dar en Galicia—, e artellar medidas efectivas de prevención de incendios forestalis a todos os niveis.

Está a dicir que a vaga de lumes que asolou este verán boa parte de Galicia débese á mala ordenación territorial?
Hai varios factores que, na miña opión, incidiron neste feito. Asistimos a un verán e a un ano hidrolóxico anormalmente seco, o que indica que xa comezamos a soportar os efectos dun cambio climático global ou, cando menos, dun ciclo moi seco. Asemade, os montes están abandonados, en parte pola súa pouca rendabilidade para os propietarios e pola dificultade de adoitar medidas preventivas axeitadas que implica o minifundismo forestal. Este ano ardeu preto do 4% da superficie forestal de Galicia —arredor de 90.000 hectáreas—, onde a media de lumes dos últimos exercicios sempre estivo entre 10.000 e 11.000 focos.

A que conclusións o levan estes datos?
Pois a que non estamos preparados para os incendios. Galicia conta cun bo sistema de extinción de lumes, pero esta fórmula non soluciona o problema de raíz. Aínda así, o penoso sería que esta situación voltara a repetirse nos vindeiros anos.

E se falamos dos efectos das riadas recentemente ocurridas na rexión máis occidental de Galicia?
Pois que quere que lle diga. Tampouco estamos preparados para afrontar as consecuencias das choivas torrenciais. Os últimos acontecementos demostran que Galicia está a vivir situacións climáticas máis propias das zonas mediterráneas que do clima altlántico e que moi posiblemente se poderían repetir nos próximos anos.

Cre que unha odernación territorial máis axeitada contribuiría a evitar ou, cando menos, a reducir os devastadores efectos destes fenómenos naturais?
Galicia precisa urxentemente acometer una ordenación integral do seu territorio. Os últimos acontecementos obrigan tamén a introducir cambios nas políticas forestais e do medio rural, así coma na formación e na sensibilización dos técnicos que traballan no eido forestal.

Por onde cre vostede que debería avanzar esta reordenación do territorio galego?
É unha laboura complexa, pero hai liñas e datos para a reflexión. Non podemos esquecer que o 98% da superficie forestal de Galicia é de titularidade privada. Moitos propietarios teñen pequenas fincas, que non sempre teñen a rendabilidade desexada. Esto leva a pensar que os propietarios non van levar a cabo por iniciativa propia as medidas preventivas máis aconselladas.

Denfende entón un certo intervencionismo da Administración no que atinxe á ordenación dos nosos montes?
En certa medida creo que sería necesario. Galicia conta con bosques naturais que hai que conservar, pero tamén ten un millón e medio de hectáreas de monte que precisan de planificación. Os propietarios destas parcelas non poden ter a liberdade de facer o que queiran nas súas propiedades rurais, porque esto tampouco está permitido nas propiedades urbanas. Doutra banda tamén é certo que a sociedade galega está deudora cos propietarios dos montes e deberían ser recompensados pola Administración.

Xa que falamos da Administración, que podería facer a Xunta?
Estamos nunha encrucillada, na que Galicia se xoga moito, porque pode desaparecer o rural galego, o que tería consecuencias desastrosas para a nosa paisaxe. Por iso, creo que hai que apostar por unha maior diversidade cultural e de especie, potenciar a agricultura ecolóxica e non perder comba na carreira da agroenerxía, a fin de aproveitar a biomasa para producir enerxía.

Xa noutro eido, a súa escola, a EPS, elixirá en breve un novo equipo de dirección, vai ser protagonista neste proceso?
Non o descarto. Recibín moitas presións

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 8 de novembro de 2006