Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O financiamento da USC debe contemplar o custo de manter o seu patrimonio"

Elías Torres Feijó , Vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago

"O financiamento da USC debe contemplar o custo de manter o seu patrimonio"

Elías J. Torres Feijó
Elías J. Torres Feijó
  • Iolanda Casal

O vicerreitor de Cultura centra o seu traballo en abrir o legado da institución á sociedade e potenciar un novo tecido asociativo.  A clave, a interacción entre universitarios e cidadáns

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) debe abrirse á sociedade. Esta é unha das premisas do programa do vicerreitor de Cultura no mandado 2006-2010, o profesor de Lingua e Literatura Portuguesa Elías Torres Feijó (Tui, 1964), que aposta tamén pola promoción dun novo tecido asociativo que permita “a interrelación efectiva entre sociedade e universidade”. Para iso conta xa co compromiso económico de varias institucións, o mesmo que pide para que o novo plano de financiamento do Sistema Universitario garanta fondos específicos para conservar o patrimonio histórico da USC en Compostela.

¿Cal é o reto fundamental para a vicerreitoría de Cultura?
Aumentar a calidade de vida das persoas, entendida desde moitas dimensións: material, de saúde, de desfrute, de coñecemento... E refírome á comunidade universitaria e á sociedade en xeral. Quero que a sociedade sinta a universidade como propia e que nese sentimento saiba ademais apoiala como un instrumento estratéxico para o desenvolvemento de Galicia.

¿Con que instrumentos?
Somos unha universidade con 500 anos e un patrimonio moi importante que non ten diñeiros específicos para o seu mantemento. Esa carencia de financiamento obríganos, e moi positivamente, a estar en contacto con outras administracións e entidades públicas e privadas. Esa cooperación con todo tipo de administracións, sobre todo coas públicas, será un dos instrumentos fundamental.

Pero ademais de buscar novas canles, ¿debería o plano de financiamento que se renegociará en 2007 incluír partidas específicas para o patrimonio?
Naturalmente, o financiamento da USC debe contemplar o custo do mantemento do seu patrimonio. Non se pode presumir da historia vinculada á USC se despois non temos financiamento para mantela. Moitas veces faise un esforzo económico e humano importante, en detrimento doutras necesidades, para que a USC, neste caso en Santiago, siga ofrecendo a propios e visitantes algo do que se lucra toda a sociedade galega.

¿Teñen calculado canto custa ese mantemento?
Estamos traballando niso. Pero hai un criterio fundamental: restaurar é sempre moito máis custoso que conservar. Se non temos financiamento para a conservación, algún día botaremos as mans á cabeza. Por iso deberiamos coñecer unha sensibilidade específica no próximo plano de financiamento.

¿E que pensan facer para difundir máis ese patrimonio?
A partir da primavera esperamos contar con varios circuítos de visitas estábeis para a cidadanía por todo o patrimonio, non só histórico-artístico, senón tamén de pensamento científico, etcétera. Iso significa miles de persoas ao mes asistindo directamente ao coñecemento do patrimonio. Agora xa só coas exposicións temos cinco ou seis mil visitantes ao mes.

¿Como pensa coordinar todos estes traballos?
Hai tres comisións con profesores de moito prestixio á fronte. Unha delas está dedicada á posta en valor do patrimonio; outra, á universidade e á sociedade; e unha terceira, a favorecer o debate social, económico, político... Actuarán coordinadas pola Vicerreitoría, mais con toda a liberdade e independencia.

E sempre buscando a interrelación cos veciños de Santiago e Lugo, coa sociedade...
Si, sempre con esa idea. Nesta liña, para nós é moi importante a promoción do tecido asociativo cultural. Xa temos un preacordo con varias secretarías e direccións xerais da Xunta, concellarías de Lugo e Santiago e outras institucións para construír un plano ben dotado economicamente. A interlocución con todas as administracións foi magnífica e creo que será unha iniciativa que axudará sobre todo a construír un tecido asociativo diferente. Poderá, por exemplo, permitir a colaboración entre un decanato e unha asociación de veciños nun programa de difusión de calquera tema, ou crear novas asociacións con universitarios e non universitarios.

Cultura inclúe os deportes, ¿que plans hai nese campo?
Queremos feminizar a acción deportiva, cun plano que ofreza unha oferta en función das necesidades e desexos das mulleres. Outro aspecto é levar o deporte aos centros, con actividades de pouco tempo, entre 40 e 60 minutos, que poderían substituír o cigarro e o café, e que se poidan practicar nas propias facultades, en espazos pequenos e sen facer moito ruído, como poden ser tai-chi, expresión do corpo e da voz, ioga ou danza do ventre. Tamén queremos organizar camiñadas ao final da tarde, dunha hora e media, máis ou menos, sempre coa idea de pasalo ben e favorecer prácticas saudables.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego, do 24 de novembro de 2006