Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A USC non foi capaz de aproveitar a presencia dos galegos no exterior"

Lourenzo Fernández Prieto

"A USC non foi capaz de aproveitar a presencia dos galegos no exterior"

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático de Historia Contemporánea e vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, o lugués Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961), salienta nestas liñas a evolución experimentada pola institución académica nas últimas tres décadas, nas que a “USC pasou de ser un guirigay a convertirse nunha universidade con capacidade para comunicar coa sociedade”.

Estamos no ano da memoria, que recorda do parecido da universidade de hoxe a da súa época de estudante?
Cheguei a Santiago en 1979. Aquel outono choveu pouco e iso favoreceu as importantes mobilizacións estudiantís polo asunto dos pisos. Cheguei á unha universidade do posfranquismo, que era como unha escola de vida nunha situación de efervescencia e de mudanzas. Lembro que nos matricularamos moitos alumnos en Historia e, como non sabían onde meternos, puxéronnos na aula máis grande, a todos xuntos e atendidos durante varios días por don Carlos Alonso del Real, Daquela sabíamos que todo era un guirigay, pero agora hai moitas diferenzas, pois está todo máis normalizado e a USC ten capacidade para responder ás demandas da sociedade e para comunicar con ela.

En que pretende diferenciarse o actual goberno da USC do anterior, liderado tamén por Senén Barro?
Houbo un cambio de composición evidente, derivado da presenza de Universidade Aberta nesta equipa. A diferencia maior é que a Universidade ten agora un goberno que semella ser forte e coa responsabilidade de desenvolver tarefas aprazadas, de tomar decisión e de afrontar riscos... O nomeamento dun xerente e o desenvolvemento dunha nova estructura xerencial, nun período de poucos meses, xa é unha boa mostra disto.

Que cometido cumpren as relacións diplomáticas ou institucionais no seo das universidades modernas?
A vicerreitoría que dirixo ten o cometido de relacionar o equipo de goberno da USC con outras moitas institucións e entidades coas que se podería colaborar. Asinar convenios, acordos... Parte destas funcións tamén as desenvolve o reitor, unha figura á que temos que substituír na súa ausencia.

Podería dicirse que as institucións académicas tamén están, cando menos en certa medida, implicadas ou impregnadas polo chamado fenómeno da globalización?
Sí, por suposto. De feito, o propio nome de universidade demostra que había un xeito de formar á xente de maneira universal. As universidades e, en concreto a de Santiago, están capacitadas e dispoñen das ferramentas precisas para ser axentes activos dos elementos máis positivos da globalización.

Que transformacións tiveron que acometer as institucións académicas para adaptarse a esta nova realidade social?
Moitas, pois as universidades teñen unha capacidade de adaptación social considerable. Un dos cambios que tiveron que acometer as institucións académicas foi o de adaptarse a unha sociedade de masas que demandaba unha universidade de masas, nos anos setenta, e fixérono bastante ben.

Cal é o rol que desenvolve actualmente a USC no novo contexto esbozado pola internacionalización das universidades?
Os programas de mobilidade estudantil, a transferencia de tecnoloxía, non só científica, senón tamén social, os posgraos interuniversitarios... son probas desta nova dimensión da USC.

A USC é unha institución académica que goza de gran prestixio e ten una tradición histórica incuestionables, pero de que xeito inflúen estes méritos na vida cotiá da Universidade?
O prestixio é unha arma de dobre fío, pois o peso da historia tamén pode ser un peso morto, aínda que nós queremos facelo vivo. É un risco que sempre corremos e que a veces impide moverse. A USC é unha institución con prestixio, pero agora as universidades están a ser cuestionadas. O prestixio non basta só con telo, senón que hai que coidalo.

Como definiría o posicionamento da USC en Iberoamerica?
A USC non foi capaz de aproveitar aínda a presencia dos galegos no exterior e agora queremos converter as redes da emigración en canles que sirvan para atraer futuros estudantes e que contribúan a facer de Galicia un espazo universitario. A Universidade está a deseñar un novo plano de internacionalización, no que Iberoamérica e, concretamente espazos como Brasil, terá unha importancia central. 

Poderíase falar da USC como a universidade europea de referencia nos países iberoamericanos?
Non podemos dicir eso agora, pero aspiramos a poder dicilo.

O reitor Senén Barro presentou recentemente os datos provisionais da matrícula deste curso, mais non aportou a cifra de estudantes de intercambio, que importancia lle da vostede á mobilidade?
Teñen unha importancia crecente, pois este colectivo de estudantes de intercambio son un dos parámetros que se emprega para medir o grao de internacionalización das universidades. Asemade, o espazo europeo de ensino superior, só será unha realidade na medida que haxa intercambio de estudantes, de profesores e tamén de investigadores.

Confía en que o aumento das axudas se traduza nun incremento dos intercambios?
As axudas xa comezan a notarse, pois buscan dotar dunha base económica sólida as posibilidades de intercambio. A Administración pretende prestixiar así as becas erasmus, a Xunta ven de aportar fondos para convenios bilaterais, por primeira vez, e tamén hai achegas de entidades privadas.

O Estatuto de Galicia vén de cumprir o seu primeiro cuarto de século e xa se ultiman as negociacións para un documento estatutario. Vostede cre que Galicia e nazón só no preámbulo?
Son dos que pensa, como Vilar Ponte, Castelao ou Paz Andrade e tantos, que Galicia é unha nación. Disto non teño dúbidas. Galicia é unha nacionalidade histórica, porque hai uns noventa anos abrollou un movemento galeguista que madurou esta idea.

Como debe contemplar o ensino superior e a investigación o novo estatuto de Galicia?
O estatuto de 1936 falaba de Universidade, mentres que o de 1981  apenas fai referencia a esta cuestión. O novo estatuto agardo que reflexe a Universidade como eixo fundamental para o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e da I+D+i, como eixo, por tanto, do futuro.

Volvendo ó caso da memoria, correspóndelle á USC contribuír á recuperación da historia? Parece evidente que si, pero cómpre que sexa sen demasiados aspaventos. O rexeitamento do doutorado honoris causa a Franco xerou moito debate e iso é bo. É máis, agora a USC xa traballa nunha homenaxe a todos os universitarios que foron represaliados no 36.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 29 de novembro de 2006