Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Se non mellora o financiamento, o nivel da USC é insostible no tempo"

Miguel Vázquez Taín

"Se non mellora o financiamento, o nivel da USC é insostible no tempo"

Miguel Vázquez Taín
Miguel Vázquez Taín
  • Iolanda Casal

En 2007 a Universidade de Santiago de Compostela (USC) terá rematado o plan de equilibrio iniciado hai tres anos para facerlle fronte á forte débeda contraída. Miguel Vázquez Taín (A Merca, 1966) era entón o responsable da Vicerreitoría de Economía. Hoxe é un dos dous vicerreitores que repiten no segundo mandado de Senén Barro, de novo en Economía e xa cunha situación que define como "reconducida". Pero a súa principal mensaxe está lonxe de triunfalismos: "O financiamento que recibimos non se corresponde coa universidade que temos. Se non mellora, o nivel da USC é insostible no tempo".

Como é agora a situación e a perspectiva económica da USC de cara a uns anos claves para asumir a converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)?
Sempre dixemos que a situación económica está reconducida no senso de que os ingresos cobren os gastos actuais, pero iso non quere dicir en absoluto que teñamos os recursos suficientes para facer frontelle ás necesidades que se nos presentan no futuro inmediato. Non hai máis que ver o último informe da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE). En financiamento estamos no furgón de cola, no posto 37 das 47 universidades públicas do Estado, o cal quere dicir que recibimos a metade do que chega ás que están na parte de arriba. Non obstante, en case todo, desde investigación ata dotacións das bibliotecas, estamos entre as cinco ou dez primeiras. Isto débese en parte a un sobreesforzo moi importante da comunidade universitaria, e tamén explica as dificultades dos últimos anos. Pero se non mellora o financiamento, o nivel da USC é insostible no tempo.

Aínda que o plano de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) vai do 2005 ao 2010, o novo Executivo comprometeuse a melloralo xa en 2008. Hai xa contactos? Cales son os obxectivos da USC nesa renegociación?
Aínda non se abriu nada, pero esperamos que en 2007 poidamos empezar a poñer cifras enriba da mesa. Sexa cun novo plan ou cun complemento do actual, fan falta recursos suficientes para as nosas necesidades.

Pero volverá pedir a USC unha compensación especial? O plan de equilibrio remata, pero agora hai que ir devolvendo os préstamos...
Non estamos pensando en reivindicar nada puntual como universidade, só consideramos que debe terse en conta cales son as nosas necesidades cara ó futuro tanto en docencia como en investigación ou mesmo patrimonio, que si merece un tratamento especial no plan. Certo é que é a sociedade galega a que ten que valorar se quere que sexa así, pero está acreditado que calquera investimento en coñecemento formación e investigación é bo para o conxunto da sociedade.

E que hai dos recursos para levar a cabo a reforma do EEES? Teñen xa algunha referencia desde o Ministerio de Educación ao respecto?
Desgraciadamente, en relación co EEES hai moitas dúbidas, e o financiamento está entre elas. Nós reivindicamos unhas directrices xerais estatais que eviten que haxa 17 tipos de universidades con diferenzas importantes. De feito, o reitor xa tomou algunha iniciativa nesa liña na CRUE.

No futuro a USC tamén deberá executar importantes proxectos urbanísticos, como o Campus da Saúde. Como se financiarán?
Aínda que se reforme o plan de financiamento das universidades, temos que buscar fórmulas alternativas. Nese sentido, o noso nivel de consecución de fondos nas convocatorias europeas Feder é moi alto e tamén esperamos apoio da Administración para o Campus da Saúde porque estamos falando dun polo biomédico que vai ter consecuencias moi importantes para toda Galicia. Noutros casos, como nos edificios históricos como Historia ou Fonseca, aí podemos contar co Consorcio.

O Consello de Contas chamou a atención á USC pola xestións das súas sociedades, que asumen servizos que van desde a Unitenda ata a edición dixital..
Respectamos as opinións do Consello, pero moitas son valoracións subxectivas. En calquera caso, o noso compromiso é analizar estas actividades e ver se ten sentido que a USC siga presente en cada unha delas. Se é así, haberá que ver se deben seguir coa fórmula empresarial ou integrarse na propia universidade. E se acontece o último, non nos doerán prendas en cumprilo.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego, do 7 de decembro de 2006