Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O primeiro é cubrir os déficits de profesorado máis sangrantes"

Mª Dolores Domínguez

"O primeiro é cubrir os déficits de profesorado máis sangrantes"

María Dolores Domínguez
María Dolores Domínguez
  • Iolanda Casal

A universidade do século XXI debe ter máis en conta á hora de planificar a seu cadro de profesores que estes, ademais de dar clases, son investigadores. María Dolores Domínguez, a nova vicerreitora de Profesorado e Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asume a necesidade deste cambio, pero advirte de que o primeiro que debe facer o seu departamento, antes que nada, é dotar de máis persoal ás áreas sobrecargadas de docencia. Despois poderase empezar a falar de reforzar "as áreas mal chamadas excedentarias" valorando as necesidades investigadoras, pero tamén outras actividades docentes que non son dar clases.

¿Que prioridades se fixa para unha área tan delicada como é a de Profesorado?
Penso que primeiro hai que cubrir os déficits de profesorado máis sangrantes procurando o reequilibrio entre as áreas. Refírome ás áreas deficitarias desde o punto de vista docente, porque mentres non tes cubertas as necesidades básicas, neste caso as de dar clases, creo que é difícil trascender a outras necesidades como a investigadoras. Por iso eu creo que antes de nada habería que tentar tomar algunha medida que corrixise, aínda que fose minimamente, esta situación, case como medida de urxencia.

¿Afecta a moitos casos esta carencia de docentes, a pesar da caída de alumnos dos últimos anos?
Si, hai bastantes casos. Non me gustaría poñer un número, pero hai áreas con déficits bastante importantes e tamén outras con carencias menores.

Supoño que serán estas as prioritarias na elaboración da nova relación de postos de traballo (RPT), ¿cando estará lista?
Claro, esa será a prioridade. Non podo dicir con exactitude cando estará lista a nova RPT, pero será antes de final de ano. Agora temos que avaliar a situación, ver como están as áreas, pero evidentemente a creación de novas prazas debería paliar eses déficits docentes.

Despois diso sería entón cando se podería empezar a falar de valorar máis a actividade investigadora como criterio para dicir se unha área precisa medrar en persoal, porque co peso que ten agora esa faceta moitas das áreas que máis investigan se queixan de que ven hipotecado o seu crecemento...
Si, teño na cabeza reconsiderar os criterios e valorar máis a actividade investigadora, pero tamén outras actividades docentes que non son dar clases.

Esas outras facetas serán cada vez maiores no Espazo Europeo de Educación Superior. Titorías, prácticas... O Goberno traballa nesta reforma, pero, ¿hai algún compromiso a nivel de financiamento?
O EEES é un cambio importante que vai requirir moito máis profesorado. O que pasa é que de momento todo se pensa a custo cero, e a custo cero é moi difícil cambiar a situación da docencia.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego, do 9 de decembro de 2006