Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O campus de Lugo debe abrirse a máis liñas que o sector primario"

Carlos Herrero

"O campus de Lugo debe abrirse a máis liñas que o sector primario"

Carlos Herrero
Carlos Herrero
  • Iolanda Casal

Carlos Herrero (Lugo, 1961) é xunto co vicerreitor de Economía un dos dous profesores que seguen no equipo de Senén Barro no seu segundo mandato como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Faino como máximo responsable en Lugo, un campus que busca afianzar a súa autonomía e a súa personalidade, marcada por una forte vinculación ao sector primario, pero que tamén quere abrirse a novos campos, como xa ten feito coa recente creación da titulación de Enxeñería Técnica de Obras Públicas.

A descentralización é un punto fundamental do seu programa. Por que é tan necesaria?
A descentralización trata de facer unha xestión moito máis próxima ao xestionado e, polo tanto, máis eficaz e eficiente, amén da vontade política de demostración de que esta é unha universidade bicampus. Este proces0 iniciouse no pasado coa creación dunha estrutura de equipo de goberno en Lugocon vicerreitorías adxuntas. Para que vexa a importancia disto, poreille un exemplo sinxelo. Ata hai uns tres anos, cando un profesor de Lugo pedía un proxecto de investigación tiña que desplazarse a Santiago para que o asinase o titular da Vicerreitoría de Investigación. Hoxe pode asinalo o adxunto de Investigación en Lugo. E isto mesmo pasa, se non con todas, coa maior parte das relacións administrativas.
 
Un seguinte paso nesa liña é a creación de departamentos propios do campus lugués?
O sistema departamental da USC creceu por agregación, a partir das expansións das diversas áreas de coñecemento. Polo tanto, sucede que hai departamentos que teñen un marcado carácter bicampus, aínda que outros son monocampus. Pero o que si é evidente é que o desenvolvemento departamental de Lugo aínda está por producirse. Esto non quere dicir que desde o equipo de goberno pensemos que debe existir unha proliferación desmedida de departamentos. En Lugo son necesarios uns cantos, máis ben poucos, sempre que estes melloren a capacidade docente e investigadora do persoal e que vertebren os centros, porque a inexistencia de departamentos supón en determinados casos handicaps.

O campus estrea un novo edificio, o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico. Cal vai ser a súa función?

Ata agora tiñamos tres servizos xerais de apoio á investigación –con equipos que van desde as resonancias magnéticas ata a información territorial (topografía, planimetría...)– repartidos entre a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e Veterinaria. Agora todos se ubican nun único edificio que nos permitirá optimizar o servizo e ter ademais un escaparate de conexión co ámbito empresarial lucense, posto que tamén acolle os servizos de transferencia de tecnoloxía.

Como definiría a relación coas empresas do contorno?

O campus de Lugo tivo nos últimos anos un desenvolvemento moi importante da investigación e o desenvolvemento (I+D). Nese contexto, a relación coas empresas está medrando, pero creo que todavía non é suficiente, creo que podemos facer moitas máis cousas.

En Santiago, de cara os vindeiros anos, hai unha morea de proxectos de novos centros de investigación. Que hai de Lugo?

Desde o Goberno central, Xunta e Concello estase traballando para que sexa realidade o Centro Tecnolóxico Alimentario, o Cetal. Dado o perfil de titulacións que temos en Lugo, a USC pode ter cousas relevantes que dicir no seu desenvolvemento. E tamén hai certas liñas de traballo para a consecución dun centro en materia láctea, no que a Aula de Produtos Lácteos tamén terá un papel fundamental.

Será tamén a rama agrobiolóxica pola que siga apostando Lugo no contexto da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior? Neste novo contexto, a especialización parece ser un punto positivo...

Non só imos apostar por esta rama. O campus de Lugo ten un perfil moi vinculado ao sector primario, pero debe abrirse a máis liñas. A especialización contribuíu a facer unha aposta singular, que hoxe fai que este sexa sen dúbida o primeiro campus non principal de Galicia, pero creo que esa aposta non pode ser a única, non hai que autoexcluírse de novas ofertas docentes e investigadoras. De feito, é algo que xa se fixo, e entre as últimas titulacións creadas en Galicia abrímonos á enxeñería de obras públicas. Ademais, hoxe este campus non se entendería sen Humanidades. Nesa complementariedade está a virtude, co cal non quero dicir que haxa que duplicar titulacións.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego, do 11 de decembro de 2006