Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O noso plan para os colexios maiores é facer microapartamentos individuais"

José Manuel Mayán Santos

"O noso plan para os colexios maiores é facer microapartamentos individuais"

José Manuel Mayán Santos
José Manuel Mayán Santos
  • Iolanda Casal

Con tres residencias e tres colexios maiores con 1.400 prazas, a Universidade de Santiago de Compostela é a institución académica española cunha rede de aloxamento máis completa. Moitas das prazas subvenciónaas pola propia institución académica para garantirlles cotas axeitadas ás rendas máis baixas. Para o novo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos (Serra de Outes, 1945), esta é a principal acción social da universidade. Unha acción que quere manter, pero na que –apunta– debe implicarse unha administración que empeza a recoñecer o problema do acceso a un aloxamento digno para os máis novos. Por iso, un dos proxectos destacados do seu mandato será encetar a reforma dos colexios maiores.

Cales son os seus proxectos para o Sistema Universitario de Residencias (SUR)?

Penso que o SUR é a acción máis importante da USC xa desde hai tempo. Eu collo un servizo moi mellorado, xa organizado, o que pretendo é que sexa un servizo de futuro. Estamos traballando nun proxecto para os colexios maiores, que son os edificios máis vellos, os que antes poden quedar obsoletos. O noso plan para eles é facer microapartamentos individuais, con cociña e con baño. Pero para iso fan falta recursos e agardamos ter apoio da Administración tanto para o financiamento do sistema en si como para os futuros cambios, porque o SUR é un proxecto de sostibilidade para a mocidade. Pense que a nosa universidade non recibe máis cartos cás outras por ter este servizo, que lle permitiu a moita xente estudar.

Pero estes apartamentos imaxino que terán cotas máis altas. Non van supoñer estas reformas unha redución das máis asequibles?

Os colexios maiores teñen 330 prazas (en cuartos compartidos), que obviamente se reducirían, pero sempre quedarían cotas moi baixas nas outras dúas residencias de Santiago, o Monte da Condesa e o Burgo. Hai que mantelas, porque non queremos que ninguén quede sen estudar por ter unha renda baixa. Agora a cota mínima é de 42 euros ao mes ou 57 nun cuarto individual. Claro que nos apartamentos haberá que refundir cotas.

O programa electoral do seu departamento inclúe ademais un proxecto para que os estudantes residan na casa de maiores que viven sós. Pensa que terá boa acollida?
Si, de feito a USC foi pioneira en España neste programa. Hai dez anos creouse coa colaboración do Instituto Xerontolóxico (el é o director), a USC e o Concello de Santiago. Trouxemos a idea de Lyon (Francia) e mantívose durante catro anos. Desde entón é unha acción que se desenvolveu en moitas outras universidades. Agora gustaríame retomalo porque é tanto un apoio para estudantes que teñen dificultades económicas para pagar o aloxamento como para a xente maior. O proxecto está moi avanzado. Necesitamos que o Concello indique cales son os maiores que queren participar e nós temos que ver que rapaces poden estar interesados.

Para a terceira idade tamén ten previsto un proxecto para un centro de día que atenda os familiares maiores dos traballadores. Baixo que fórmula?

En Santiago non hai ningún centro de día para maiores. A nosa intención, que xa lle comunicamos á Vicepresidencia da Xunta, é poder darlle á comunidade universitaria este servizo. Podería ser propio da USC ou conveniado coa Administración, un centro que sería para toda a xente da cidade. Nós xa temos os vimbios porque formamos xerontólogos sociais.

 E que hai da gardería? A de Santiago queda pequena e a de Lugo aínda non saíu para adiante...
En Lugo esperamos poder solucionar o problema urbanístico que hai arredor dese proxecto e en Santiago a nosa intención é abrir unha nova escola infantil máis ampla no campus Sur, para a que de novo imos ter que buscar recursos externos, e en primeiro lugar da Administración.

Unha das actividades do seu departamento máis coñecidas fóra da USC é a do servizo de voluntariado e integración. Que plans ten neste apartado?
Nestes últimos anos a Oficina do Voluntariado incrementou considerablemente as súas actividades. Por iso decidimos cambiarlle o nome polo de Servizo de Participación e Integración Universitaria, un nome que dalgunha maneira recolle todo o que estamos facendo. Unha das accións é o voluntariado. Outra, a integración dos universitarios con necesidades especiais, na que estamos a piques de asinar un convenio que suporá a exención do pago da matrícula para estes alumnos. Tamén nos gustaría crear cátedras coas principais empresas de Galicia. Agora xa as hai de docencia e investigación, pero a nosa idea é que tamén as haxa de acción social, de modo que calquera compañía ou entidade financeira dea axudas para bolsas ou para calquera outro apoio á comunidade universitaria.

E tamén van traballar na cooperación exterior, non?

Esa é outra liña por potenciar para que a nosa actividade solidaria non sexa só aquí. Por exemplo, xa estamos colaborando con Enxeñeiros sen Fronteiras para buscar auga no Sáhara.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego, do 18 de decembro de 2006