Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Os premios á investigación deberían recoñecer os traballos que serven para solucionar problemas"

Eva Docampo Cabaleiro, investigadora da USC e membro de Enxeñeiros Sen Fronteiras:

"Os premios á investigación deberían recoñecer os traballos que serven para solucionar problemas"

Eva Docampo Cabaleiro
Eva Docampo Cabaleiro
  • Almudena Martín

Eva Docampo é enxeñeira de Montes pola USC no Campus de Lugo e o seu traballo de fin de carreira sobre os abastecementos de auga nos campamentos de refuxiados saharauís vén de acadar varios premios. Así, foi finalista do V Certame Arquímedes de Introdución á Investigación Científica e a Asociación Nacional de Enxeñeiros de Minas outorgoulle o Premio de Investigación ‘Carlos Ruíz Celaa’ por un artigo sobre este mesmo traballo.

¿Como xurdiu a idea?
No ano 2003 o profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo,Jorge Molinero Huguet  viaxou xunto con xente da ONG Enxeñería Sen Fronteiras por primeira vez a Tindouf en Arxelia e alí viron que o principal problema dos campamentos de refuxiados saharauís era a calidade e cantidade de auga. Xa en 2004 viaxaron sete persoas máis de ESF para reparar unha bomba de auga e coller mostras para facer unha investigación detallada sobre os problemas. Así é que eu decidín aproveitar estes datos para facer o meu traballo de fin de carreira e estudar dos acuíferos da zona.

¿Que ten este traballo de innovador?
Cando ESF chegou alí xa estaban traballando outras organizacións, en concreto ‘Solidaridad Internacional Andalucía’ e o ‘Consorcio Provincial de Aguas de Sevilla’, que trataban de mellorar o abastecemento. ESF decidiu avaliar a mellora das organizacións, a evolución do sistema e facer un estudo detallado da hidroxeoloxía da zona, ademais dunha análise completa sobre hidroquímica ou contaminación das augas, entre outros. De feito tivemos que pedir plantas potabilizadoras porque había contaminación microbiolóxica. A partir deste estudo xurdiron outras iniciativas de cooperación como é o caso do programa ‘Aqua Sáhara’ entre a Universidade de Santiago de Compostela e ESF e no que a USC se encarga da formación de persoas implicadas en proxectos deste tipo.

¿Que importancia ten para ti este recoñecemento ao teu traballo?
É un recoñecemento de que a investigación non só serve para dar diñeiro, senón tamén para solucionar problemas da xente sen discriminar unha parte da poboación, que países en vías de desenvolvemento poidan facer unha investigación que non dea beneficios a quen a fai senón para quen se fai.

¿Que dificultades atopaches no traballo de campo?
Cando traballas alí dependes da poboación, eles mesmos pídenche que vexas determinadas cousas e sérvenche de guías. Axudan moito a ESF, a poboación pon o transporte e o aloxamento e é moi importante que eles vexan o problema coma propio para axudar a solucionalo. A parte, loxicamente tiñamos moitos problemas polas altas temperaturas coas mostras, así que recolliámolas a primeiras horas da mañá e con neveiras... pero contabamos con moito apoio das autoridades locais.

¿Tes ganas de voltar?
Por suposto, moitas, para ver os resultados.

Independentemente ao traballo ¿Que se sinte ao ver a situación alí?
Ao principio chama moito a atención, xa sabes ao que vas pero sorprende o contacto social que teñen. Valoran moito a unidade da familia. Eles tratan de darche incluso o que non teñen e dáche pena, por exemplo que che poñan moita comida cando sabes que non a teñen.
Teñen moitas dificultades porque é unha situación complicada polo conflito político. Por moito que lles queiramos axudar mentres non solucionen a crise política non serve de nada. Nesta zona só tiñan cinco litros de auga por habitante e día, para beber, facer a comida, lavarse. É algo que está mellorando, pero non podemos ir máis aló. ESF traballa para o desenvolvemento a longo prazo e suponse que un campamento de refuxiados é unha emerxencia temporal. Ten que rematar o conflito político porque senón esa sociedade non se pode desenvolver. Cando traballas así tes un sentimento contraditorio porque notas que axudas pero tamén sénteste impotente porque non podes facer nada máis.

¿Como cres que pode axudar o teu traballo?
É un exemplo de investigación en cooperación e de facer cousas que serven á sociedade porque toda esta zona atopábase sen estudar e agora o traballo é unha base de coñecemento para futuras actuacións. Serve de apoio a outras iniciativas relacionadas, ademais da experiencia que gañamos tanto ESF coma eu.

¿Como pode axudar a sociedade?
Debemos ser conscientes de que  gran parte da sociedade non vive nas condicións que nós o facemos, e co tema do Sáhara é necesario ser críticos e reivindicar aos nosos gobernos e a sociedade que se solucione o problema político.

No plano persoal, ¿seguirás a traballar en relación a isto?
Estamos moi contentos cos resultados obtidos, pero ata que non remate o conflito non podemos facer nada máis. A USC ten un programa formativo que está en contacto permanente por satélite co departamento de hidráulica saharauí, e isto é o máximo que nós podemos facer agora. Xa no ámbito persoal eu seguirei sempre vinculada a este proxecto. Ademais agora estamos traballando noutro proxecto similar de cooperación, onde a USC colabora con  Ingeniería Sin Fronteras en Tanzania, para os abastecementos de auga ás poboacións rurais que viven no distrito de Same, na rexión de Kilimanjaro, ata onde viaxarei en xaneiro para facer traballos de campo durante seis meses, e por suposto teño pensado facer a tese de doutoramento sobre estes temas.