Saltar ao contido principal
Xornal  »  "As misións pedagóxicas poderían servir agora para crear pontes cos inmigrantes"

Uxío Otero Urtaza, profesor da USC e comisario da mostra ‘Las misiones pedagógicas 1931-1936’:

"As misións pedagóxicas poderían servir agora para crear pontes cos inmigrantes"

Uxío Otero Urtaza
Uxío Otero Urtaza
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático de Teoría e Institucións Contemporáneas da Educación e comisario da exposición Las Misiones Pedagógicas 1931-1936, Uxío Otero Urtaza, apunta nesta entrevista algunhas reflexións sobre os cometidos que impulsaron a posta en marcha das chamadas misións pedagóxicas durante a II República e, a través dunha mirada retrospectiva, salienta tamén algunhas das contribucións social que posibilitou esta revolucionaria iniciativa, ideada por Giner de los Ríos a carón da Institución Libre de Eseñanza e levada á práctica baixo a coordinación de Manuel Bartolomé Cossío.

Poderíase falar das misións pedagóxicas coma dunha das primeiras tentativas da universialización do ensino e da cultura levadas á práctica en España?
Tal afirmación paréceme excesiva. Penso que sería máis axustado falar do primeiro intento de levar adiante un programa de cultura civil ao mundo rural español.

Falar de cultura civil nun escenario político republicano resulta cando menos contraditorio.
O obxectivo das misións pedagóxicas nacidas na II República non era outro que o de transmitir e fomentar unha cultura libre de calquera tipo de sumisión ou amarre respecto dos poderes densos e caciquís que daquela predominaban no mundo rural. O antecedente máis antigo de España e de Europa neste eido remóntase ao movemento de acción sociocultural no mundo rural.

Ademais da transmisión de cultura, estas misións tiñan un claro compoñente de acercamento entre dúas realidades sociais.
En certa medida si, pois a comezos dos anos trinta, o coñecemento que tiña do rural a xente que vivía nas cidades era moi pouco e viceversa. Asemade, os problemas que sufría o mundo rural da época eran en boa medida debidos a que non se tiña chegado a revolución agraria.

Sería lícito atribuír un contido político a estas expedicións?
Non podemos esquecer que estas misións querían prestar apoio aos mestres destinados no rural, onde non eran demasiado ben recibidos, posto que coa súa chegada os campesiños aprendían a ler e logo tornábanse máis rebeldes. A este compoñente que caracterizaba o labor dos mestres no rural hai que sumar outros, tales como o elevado grao de analfabetismo da súa poboación. En 1931, preto do 40% da poboación das cidades era analfabeta, mentras que esta porcentaxe chegaba ata o 80% no mundo rural, onde os mestres cobraban cinco ou seis veces menos que se traballaran na cidade.

A tradición oral antóllase coma unha ferramenta clave na tarefa de instruir unha sociedade analfabeta.
Diría máis. Unha das contribucións das misións pedagóxicas foi a posta en valor da tradición oral do campesiñado, que tamén era un xeito de coñecer os costumes e a forma de vida da sociedade rural. As xentes dantes viaxaban pouco.Vostede fala das miserias que sufrían os mestres das aldeas, pero qué acollida tiveron as misións pedagóxicas nos ámbitos rurais?

As misións pedagóxicas duraron pouco, porque a II República, que perseguía mudar moitas cousas en pouco tempo, tampouco se prolongou demasiado. Aínda así, é certo que os misioneiros eran moi ben recibidos polas xentes do campo. O padroado das misións tiña coidado de buscar xente que tivera certa empatía co campesiñado. Doutra banda, as xentes cultas que participaban nas misións tamén atopaban na tradición oral dos campesiños unha ferramenta moi útil para acadar os fins que pretendían os dirixentes da II República.

Das súas verbas entendo que as misións pedagóxicas da II República foron un instrumento vital para a modernización da España da primeira metade do século XX.
Por suposto que sí. A súa contribución á modernidade da sociedade foi salientable. Basta lembrar que estas misións, nas que, entre outros, participaron activamente persoeiros coma Luis Cernuda, Urbano Lugrís, María Zambrano ou Rafael Dieste, tiñan varios servizos: bibliotecas (en tan pouco tempo distribuiron 5.522 bibliotecas rurais), música (con gramófono), teatro (nos lugares menos accesibles había guiñol). Asemade, tampouco podemos esquecer que entre os obxecitvos destas expedicións estaban a formación dos mestres, a animación cultural das zonas rurais e a educación para a cidadanía, é dicir, a divulgación dos valores democráticos.

Preto de oito décadas despois, coida que hoxe tería lugar unha campaña semellante á das misións pedagóxicas?
Tal e como foron concebidas daquela non, pois aquel mundo rural xa non existe hoxendía. Sen embargo, creo que sí podería ser de utilidade artellar mecanismos semellantes para tratar de establecer pontes culturais e puntos de encontro coa población inmigrante, que cada vez ten unha presenza maior nas nosas sociedades.

De volta xa no pasado, os medios de comunicación recolleron nos seus comezos a pegada deixada polas misións pedagóxicas?
Nos anos trinta do século pasado, a electricidade aínda non chegara ás aldeas e logo, décadas despois, cando chegou a radio, a cultura que se transmitía non era unha cultura libre, senón que era a cultura nacional católica que caracterizou os anos do franquismo.

As misións pedagóxicas percorreron toda España, pero qué presencia tiveron en Galicia?
Rodríguez Cadarso, entón reitor da USC, foi un dos impulsores de traer a Galicia estas misións, que non chegaron ata o ano 1993, baixo a dirección de Rafael Dieste, quen montou o seu primeiro guiñol en Malpica.

Repasado xa o cometido histórico que cumpriron as misións pedagóxicas da II República, toca explicar os motivos polos que se acordou organizar agora esta mostra retrospectiva?
Pois mire, a mostra Las Misiones Pedagógicas 1931-1936 responde a unha iniciativa da Fundación Francisco Giner de los Ríos co gallo de rendir así unha homenaxe a todas as persoas que participaron nestas expedicións.

A exposición, da que vostede é comisario, permanecerá no Centro Cultural Conde Duque de Madrid ata mediados de marzo, pero vai ser itinerante?
De momento, barallamos a posibilidade de levala a outras provincias, pero aínda no está decidido.

Podería chegar a Galicia?
Poder podería, pero...

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 23 de xaneiro de 2007