Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Luis Pimentel disputou a Bal y Gay a voz galega da Xeneración do 27"

Araceli Herrero Figueroa, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC

"Luis Pimentel disputou a Bal y Gay a voz galega da Xeneración do 27"

Araceli Herrero Figueroa
Araceli Herrero Figueroa
  • Ignacio Rodríguez

A profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, Araceli Herrero Figueroa, ofreceu a lección maxistral do acto académico de San Tomé, que se desenvolveu baixo o título Lugo e Luis Pimentel. Na súa intervención, esta estudosa luguesa, que tivo a oportunidade de coñecer ao autor e compartir conversas con él cando xa asomaba ó remate da súa vida, repasou algúns episodios da perenne relación do poeta coa cidade que o víu nacer e analizou algúns dos trazos que marcan a escrita do “poeta de Lugo”.

Por que merece Pimentel o alcume de poeta de Lugo?
Coido que está xustificado dicir que Luis Pimentel é o poeta de Lugo por excelencia, xa que entendo que a faceta da súa poesía que máis o caracteriza é precisamente a de poeta cidadán. Con esto non quero dicir que sexa un escritor monocorde, tal e como xa apuntara no seu momento Epifanio Ramos.

Falamos dun caso único ou tamén hai outros nomes?
É indiscutible que Pimentel é o poeta de Lugo, pero convén non esquecer outros nomes, tales como o de Aureliano José Pereira, que foi unha personalidade moi interesante e, aínda sen chegar á altura de Pimentel, ten publicado un romancero de Lugo.

A identificación de Pimentel coa súa cidade é patente por moitas razóns, pero sería lícito calificalo de localista?
Na mesma liña de Correa Calderón o mesmo de Bal y Gay, Pimentel tratata de ir ao xeral a través do particular, do local, da súa cidade. Luis Pimentel era un home culto e nunca quixo limitarse nin empobrecerse co localismo.

É dicir, un home de provincia, pero non provinciano?
Exactamente. Unha cousa é que o autor cantara Lugo e a súa provincia nos seus versos e outra moi distinta é que fora provinciano.

Cosmopolita logo?
Diría eu que era un home moi lido, e que a súa obra reflexa claras influencias de autores extranxeiros.

Como se explica o bilingüismo de Pimentel, un acomodado burgués de provincias, nos primeiros anos do século XX?
O que achegou a Pimentel ao galego foi a súa relación con Correa Calderón e logo con Bal y Gay, pero fundamentalmente co primeiro. Despois destes dous persoeiros, creo que tamén tivo importancia a insistencia de Ramón Piñeiro, quen chegou a dicir que un libro de Luis Pimentel era unha boa defensa para todas cantas trabas procederan do Señor Aparicio [... el director general de Madrid].

Existe algún feito que permita probar esta marcada influenza ou intriga dos seus amigos?
Pimentel comeza a publicar poemas en galego no 1927 e, curiosamente, faino naqueles xornais ou publicacións coas que tamén colaboraba Correa ou ben tiña algún tipo de presenza.

Fóra xa das amizades, se falamos de orientación política, ¿cal era a orientación da súa escrita?
Pimentel nunca escribíu ningunha poesía que puidera denominarse partidista, pois o único texto destas características que se lle atribúe sospeitase que é un apócrifo.

A Luis Pimentel tocoulle vivir nuns anos, nos que as correntes artísticas se sucedían con moita rapidez. ¿En que ismo encadraría a este autor lugués?
Non é unha tarefa doada esta, pois... Coido que sería moito máis exacto dicir que Pimentel é un autor que tivo notables influenzas doutros escritores estranxeiros e, doutra banda, habería que dicir tamén que Pimentel disputou a Bal e Gay a voz galega da Xeración do 27.

Xa que fala da Residencia de Estudantes de Madrid e da Xeración do 27, cómo se aproximou Pimentel a este grupo de efervescencia artística que deixaría unha profunda pegada en España?
Germán Alonso, o padastro de Luis Pimentel, foi o que fomentou a relación deste rapaz lugués cos membros da Residencia de Estudantes de Madrid.

Falamos de Pimentel, o médico apaixoado pola lírica ou o poeta que estudou Medicina, pero que trazos salientaría da súa poética?
O que máis caracteriza os versos de Pimentel é a poesía de interior burgués, na que se amosa a vida dun médico, que goza dunha boa posición económica, nunha capital de provincia. Un médico que acha na poesía un refuxio.

Gústalle este tipo de lírica?
Si. Gosto moito da poesía de interior, da lírica do fogar, que transmite a felicidade da vida nas pequenas cidades, nas que non ten por que haber limitacións de índole cultural.

Considera que Pimentel é un autor ben estudado?
Dende logo que si. É máis, diría que hai moi bos traballos da súa obra, estudos de alta calidade. Basta lembrar que a poética de Pimentel foi obxecto de estudo de varias tesiñas, como as presentadas por López Casanova ou María Luz López Obermaier. Fernández de la Vega e Juan Soto, que foi o primeiro que falou de Cunetas, son outros dos autores que estudaron a Pimentel.

E ben recoñecido?
Pimentel é un autor importante, aínda que de segunda fila dentro da Xeneración do 27, co que se volcou Lugo, que é unha cidade agradecida.

As súas verbas denotan algo de ironía, supón iso que a condescendencia dos lugueses non foi igual para todos os seus persoerios?
Sería lícito afirmar isto no tocante ao sucedido con Rodríguez López, que se ben é certo que non acadou a talla de Pimentel, si que se preocupou pola defensa da educación da muller e contra a ignorancia. Aínda así e pasadas xa moitas décadas, Rodríguez López non forma hoxe parte do rueiro da nosa cidade.

Afastados xa do tempo e da obra de Pimentel, cómo calificaría a literatura luguesa do momento?
Coido que en Lugo hay bos poetas e tamén moi boa narrativa. O xénero teatral e, por así decilo, o menos destacado na cidade, aínda que na provincia está máis que ben representado na figura de Manuel Lorenzo.

E se falamos de Galicia?
Galicia non se defende nas letras, deféndese na economía, polo que o seu porvir depende de que haxa máis empresas que traballen en, para e por Galicia.

Móstrase reivindicativa.
Por suposto. En Galicia precisamos que a burguesía fale galego e que lle dé máis importancia e fortaleza á propia Galicia.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 31 de xaneiro de 2007