Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A investigación xa non é con lapis e papel; custa moitos cartos"

Senén Barro

"A investigación xa non é con lapis e papel; custa moitos cartos"

Senén Barro Ameneiro, reitor da USC
Senén Barro Ameneiro, reitor da USC
  • David Gippini

Durante o seu primeiro mandato como reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro (As Pontes, 1962) tivo que facer fronte a unha grave crise económica na institución que aínda hoxe deixa sentir as súas consecuencias. Unha amarga experiencia que lle valeu para facer hai uns días unhas declaracións nas que comparaba o trato recibido polos clubs de fútbol co das universidades.

¿Cal era a súa intención ao facer esa comparación?
Evidentemente non busco para as universidades unha xestión coma a dos clubs de fútbol, porque a dimensión e os criterios deben ser distintos. O que pretendía era chamar a atención da sociedade sobre a necesidade dun apoio máis intenso, e non tanto dos responsables políticos, que xa son sensibles a este feito, senón á sociedade en xeral. Porque as veces non entendo ben cales son as nosas prioridades: pedímoslle sacrificios ás universidades que non lle esiximos aos clubs de fútbol, aos que o Estado lles perdoou a débeda en dúas ocasións e que volven a ter unha débeda enorme.

¿Tan grandes son as necesidades?
Moita xente pensa que polo feito de perder alumnos, as universidades precisan menos financiamento. Pero o certo é que as responsabilidades das universidades son cada vez maiores, cun esforzo investigador moi importante. E a investigación xa non é con lapis e papel; custa moitos cartos. E o certo é que o financiamento vai a rebufo, e a USC fixo un inmenso sacrificio por unha débeda que foi fundamentalmente o froito dun sistema de financiamento inxusto e mal concibido baseado no número de alumnos matriculados que deixou de lado as necesidades de investigación e de infraestruturas.

¿Vai sendo hora de modificar o sistema de financiamento?
O plan actual é insuficiente, pero a Xunta xa anunciou a súa intención de establecer un novo modelo no 2008 conceptualmente máis ambicioso e economicamente máis xeneroso. E teño que dicir que o actual Goberno autónomo parece ter comprendido a importancia de asumir un compromiso coas universidades como instrumento de progreso.

¿É viable o autofinanciamento das universidades?
É imposible e non é desexable. Hai certas actividades que non poden depender dos contratos obtidos con empresas, que por definición traballan con obxectivos a curto prazo e non contemplan investimentos en infraestruturas ou en investigación básica, por exemplo.

Pero parece claro que a colaboración co sector privado tende a intensificarse?
A universidade non pode ser allea a nada do que lle interesa á sociedade, e na USC fomos pioneiros nese aspecto sen que nolo tivera que dicir a Administración. Temos que abrirnos máis ao exterior para que nos coñezan, porque teño a impresión de que moita xente fala da Universidade pensando no modelo de hai vinte ou trinta anos, e a realidade actual non ten nada que ver. De tódolos xeitos, hai que facer autocrítica, e asumir que hai cambios que facer, carencias que corrixir e moitos aspectos mellorables a todos os niveis. E moitos deles sen custe, por tratarse só de cuestións de actitude ou de esquemas mentais novos.

“Hai que involucrar máis aos estudantes no proceso de adaptación ao espazo europeo”

Un dos grandes desafíos para todas as universidades no futuro inmediato é a adaptación ao espazo europeo de educación superior (EEES), que empezará a funcionar no 2010.

¿Qué vai significar este proceso?

Ante todo, un cambio na oferta docente, que incluso será máis profundo do que parecía ao principio porque os criterios do Ministerio de Educación danlle máis autonomías ás universidades, que hai que exercer con responsabilidade. O que isto supón é que as clases maxistrais darán paso a un traballo máis individualizado dos alumnos, que os estudios superiores terán unha maior compoñente práctica e que será necesario un maior compromiso coa calidade docente. Estaremos obrigados a controlar dun xeito máis intenso a actividade docente, e será necesario tamén que haxa unha maior conexión entre as materias, algo do que se queixan moito os alumnos.

Da a impresión de que os criterios do EEES, que foron concebidos para beneficiar aos estudantes, foron feitos sen contar con eles, e isó está causando un certo malestar.

É certo que neste proceso foron consultados moitos sectores, e non os alumnos, e dende logo sería bo involucrar máis aos estudantes neste proceso. En parte é responsabilidade das universidades, pero tamén é certo que nas experiencias previas que se teñen feito, vese que hai unha parte importante dos alumnos que non se senten cómodos cos cambios, porque lles esixen máis traballo. É un proceso que levará tempo, e sería bo que afectara tamén ás etapas formativas preuniversitarias.

¿Estas reformas poden ser unha boa ocasión para redeseñar o Sistema Universitario Galego?
Na medida en que obriga a replantexar a oferta de cada universidade, sen dúbida é unha boa ocasión para corrixir disfuncións no mapa de titulacións da comunidade. Pero o importante é que as universidades deixen de funcionar como elementos illados e constrúan xuntas unha oferta atractiva e complementaria.

Entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia, do 5 de febreiro de 2007