Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A USC non é a responsable última da súa situación deficitaria"

Xosé Ántón Freire,vicexerente do campus de Lugo e da área económica da Universidade de Santiago

"A USC non é a responsable última da súa situación deficitaria"

Xosé Antón Freire Campos
Xosé Antón Freire Campos
  • Ignacio Rodríguez

O vicexerente do campus de Lugo e da área económica da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antón Freire Campo, aproveita estas primeras semanas do ano para tomarlle o pulso á sé universitaria luguesa, da que, según sinalou, “as xentes de Santiago consideran que funciona ben”.

Que impresión da este campus periférico a alguén que procede da sé central da Universidade?
Xa coñecía o campus de Lugo, aínda que agora vou pasar aquí máis tempo ca antes e coñecerei máis ás persoas que traballan aquí. A visión que hai en Santiago deste campus non é a mesma ca que se ten aquí e agora xa entendo algunhas das reivindicacións.

Que imaxe se ten de Lugo en Compostela?
En Santiago hai a visión de que este campus funciona ben, que ten unhas deficiencias históricas, algunhas delas coido que solucionables.

O Consello de Contas facía referencia no último informe a que a praza da Vicexerencia do campus de Lugo estivo meses sen cubrir...
É certo, pero coido que o Consello de Contas facía fincapé nunha distribución de competencias que non era a axeitada.

Agora que está en Lugo máis a miúdo, aprecia xa deficienzas de personal e de prestacións de servizos nesta sé respecto da de Compostela?
Hai diferenzas entre Lugo e Santiago, sobre todo no eido da formación. Aquí é máis difícil potenciar a formación do personal de administración e servizos (PAS), porque son menos e, en ocasión, non habería demanda suficiente. Sen embargo, imos experimentar novas posibilidades para potenciar a formación presencial e tamén virtual. Asemade, algunhas das deficiencias entre os dous campus ás que vostede fai referencia xa se resolveron coa regulación de todas as prazas na RPT e coido que outras poderán quedar resoltas coa aprobación do novo convenio colectivo para o personal laboral.

A transversalidade é unha das características da nova Xerencia da USC, que vantaxes ten este modelo respecto do anterior?
É unha vella aspiración dos PAS que a Xerencia esté conformada por un equipo e non por unha persoa e que teña unha distribución das súas competencias por áreas temáticas. Enténdese que isto redunda nunha mellora da xestión e posibilita unha maior eficacia e coordinación dos servizos.

No bo funcionamento dunha universidade prima a negociación política ou a boa xestión?
...Uh! Creo que as decisións políticas deben descansar nunha boa xestión, pero son necesarias as dúas cousas.

As últimas propostas da Xerencia da USC suscitaron máis dunha polémica —apertura de bibliotecas, prescindir do servizo de vixiantes de seguridade...—, pero garanten estas decisións o correcto funcionamento dos servizos universitarios?
Gustaríame aclarar que é o equipo de dirección o que decide que bibliotecas abre ou non. Esta decisión aséntase tamén sobre uns estudos previos de ocupación que apuntan que as dependencias abertas aos estudantes son suficientes. Doutra banda, teño que a Universidade ten contratado o servizo de vixilancia a unha empresa, coa que estamos moi satisfeitos, aínda que o mantemento deste servizo de seguridade ten uns custos elevadísimos para as arcas universitarias, o que obriga a explorar outras posibilidades para controlar o acceso aos centros.

Activar agora medidas de aforro na USC significa que antes houbo despilfarro?
Non se pode falar de despilfarro, pero si é certo que houbo tempos nos que os recursos eran suficientes e non era preciso esmerarse demasiado na súa xestión, aínda sen chegar a despilfarrar. É máis, penso que a USC non é a responable última de ter esta situación deficitaria, que se debe sobre todo a non ter recibido as achegas suficientes.

Unha medida de contención de gastos tamén sería a restricción das moitas dietas que ten que sufragar a Universidade...
Ter dous campus universitarios implica tamén ter máis gastos que se so houbera un, pero tamén hai que dicir que esta estrutura ten máis vantaxes que inconvintes. Non obstante, son dos que penso que se debería recortar esta partida de gastos.

Dende o sindicato ao que pertence falaban de reducir os cargos de goberno e o número de asesores da USC como medidas para conter o gasto.
Creo que hai que aplicar medidas cando sexan necesarias e razoables, pero non por demagoxia.

O déficit que arrastra a institución permitirá á USC competir en igualdade de condicións con outras universidades no futuro espazo europeo de educación superior?
Espero que sí. A débeda que temos agora é importante e creo que esta situación vai condicionar algo a actividade da Universidade. Sen embargo, a pesar da súa situación financeira, a institución académica compostelá está mellor posicionada que outras moitas universidades españolas. Non sempre o financiamento determina os resultados.

O novo escenario deseñado polas acordos recollidos na Declaración de Boloña obrigan ás universidades a cumprir unhas ratios —profesores, PAS, alumnos...— O cumprimento destas premisas traerá consigo que a Universidade aumente o seu plantel de traballadores ou, pola contra, bastará con facer unha redistribución máis eficiente dos recursos que xa ten?
No eido do persoal docente e investigador as súas funcións están más especificadas e teñen xa obrigas establecidas. Sen embargo, no que atinxe aos PAS, queremos facer unha análise das funcións e das cargas de traballo. Este estudo sería unha ferramenta de traballo moi útil para aplicar logo as medidas correctoras que se estimen oportunas.

O campus de Lugo está pendente de novas infraestruturas, tales como un edificio para albergar as enxeñerías civís. Os orzamentos da Deputación arbitran xa unha partida de dous millóns para este obra e tamén a posta a disposición dos terreos, pero ten a USC capacidade para aportar o resto da financiación requerida?
Por suposto que sí, pois a construción deste edificio xa está contemplada na programación plurianual da Universidade. Asemade, cómpre agradecer a colaboración recibida das distintas administracións, tanto da Deputación coma do Concello.

Esta nova infraestrutura non semella ser un proxecto inmediato, pero atreveríase a dar prazos?
Non, de obras nunca se sabe.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 14 de febreiro de 2007