Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Calquera sociedade xoga o seu futuro na educación das persoas"

Rodolfo Luis Ferradás Blanco, decano da facultade de Ciencias da Educación da USC

"Calquera sociedade xoga o seu futuro na educación das persoas"

Lois Ferradás Blanco
Lois Ferradás Blanco
  • Ignacio Rodríguez

O profesor do departamento de Didáctica da Organización e decano da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Rodolfo Luis Ferradás Blanco (Boqueixón, 1951), sostén que a educación e a formación no seu senso máis amplo constitúe o eslabón clave onde calquera sociedade se xoga o seu futuro.

Que rol desenvolven hoxe as facultades de Ciencias da Educación no seo das universidades?
Cumpren varios cometidos. Primeiro, a formación de profesionais para o sistema educativo: mestres, orientadores, profesionais de educación social, inspectores... Asemade, ademais de suministrar profesionais deste tipo, as facultades de Ciencias da Educación tamén contribúen á creación de coñecementos e á formación de expertos en cuestións educativas.

A que atribúe a elevada demanda que están a recibir as diplomaturas de Mestre ou as súas correspondentes licenciaturas?
É dificil simplificar este feito, pois hai varios factores que inciden nesto, tales como pode ser que se trate de profesións relativamente coñecidas. Aínda así, cómpre suliñar que a de mestre é unha profesión que absorbe moitos titulados e cada ano convócanse novas prazas. A percepción social de que son carreiras accesibles e a concepción positiva que se ten da educación como motor da calidade de vida son outros elementos que figuran no abano de motivos que propician a elevada demanda destes estudos.

Coida que a laboura dos mestres xa gozou de épocas de máis recoñecemento do que ten na actualidade?
Como mestre que son e quizais tamén pola idade, coñezo o que foron outras épocas para os ensinantes e é posible que outrora houbera un maior temor reverencial á figura do mestre. Esto sucedía nun contexto no que as xentes tiñan menos cultura e, polo tanto, menos criterio. Hai persoas que botan de menos este trato, mais penso que os bos mestres seguen a ser persoas moi respectadas nun momento no que a educación está a ser avaliada todos os días p olos seus usuarios.

A formación de futuros formadores é unha tarefa complexa, pero, na súa opinión, a sociedade precisa máis de grandes profesionais (enxeñeiros, químicos, arquitectos, médicos...) ou de bos educadores?
Entendo que non se poden planear estas necesidades como unha disxuntiva, pois unha sociedade moderna, como é a nosa, precisa de profesionais que posibiliten e fomenten o disfrute social de todos os avances técnicos e tecnolóxicos. Mesmo así, todo esto sería imposible sen as profesións e os profesionais que teñen que ver co benestar das persoas e coa formación destes profesionais. As democracias avanzadas non terían sentido sen a existencia dunha colectividade de persoas cultas.

Vostede imparte unha materia sobre familia, escola e comunidade, sobre que versa a súa temática?
Estou moi vencellado á formación de mestres e á educación infantil. De feito, esta materia á que vostede alude ten como obxectivo fundamental a preparación dos futuros mestres, pero desde a concepción  de establecer comunicación da escola co entorno familiar dos rapaces e logo co resto de axentes sociais da comunidade na que se atopan.

É a familia un espazo educativo tan importante como a escola?
Sen dúbida. Máis incluso, diría. Nas primeiras etapas da vida de calquera persoa, a familia é o entorno educativo fundamental e, en ocasións, case único. Aínda así, na actualidade, os servizos educativos xa se comparten con outras institucións sociais desde idades moi temperás. A familia é decisiva no proceso educativo e a escola bota moitas veces a culpa á familia, pois cando ésta falla, a escola sofre as consecuencias. Coido que habería que artellar máis dinámicas de colaboración entre as familias e a escola.

As súas verbas denotan a existencia dunha interrelación directa entre o ámbito familiar e o educativo?
Existe esta relación, na que o neno é o mensaxeiro e o que ten que compartir todas as experiencias. A mochila que os nenos levan para a escola vai cargada de peripecias familiares, mentras que na que leva de volta á casa tamén hai todos os coñecementos e as situacións vividas na escola. O neno aprende a discurrir na casa e na escola.

Sería lícito atribuír o xa manido fracaso escolar á perda de valores ou pautas familiares?
En xeral, os nenos que fracasan na escola presentan, entre outros motivos, carencias no medio familiar, pois non chegan  ben equipados para poder facer fronte ás esixencias educativas. Non quero que isto se poida entender como un prexuizo para as familias, pois á hora de emitir este tipo de xuizos tamén hai que ter en conta as particularidades da sociedade que xulga (horarios laborais, falta de servizos de apoio á primeira infancia...) Acostumo a dicir que a cultura do móbil é a da búsqueda da satisfacción inmediata.

O espazo europeo de ensino superior é unha falacia ou coida que constitúe unha boa oportunidade para correxir eivas do proceso educativo?
Son conscente da existencia de críticas moi acentuadas contra este movemento, pero tamén son dos que me apunto a aproveitar esta ocasión para correxir inercias que xa non teñen razón de ser. No fondo, esta transformación vai supoñer que nos poñamos ao servizo da actividade económica, pero tamén é certo que non tería sentido seguir cos rollos académicos sen abrirnos ao diálogo social para prepararnos para aprender a aprender ao longo da vida.

Cre que este proceso de cambios vai rematar coa transformación da escola de Formación de Profesorado de Lugo nunha facultade de Ciencias da Educación?
É posible, pois as escolas de Maxisterio teñen unha honrosa existencia de máis de 150 anos e, nas antigas reformas, non tiveron problemas para manter a súa estrutura. A de Lugo, coido que cumpre ben a súa función e, aínda que non son partidario da duplicidade de titulacións, penso que, de consumarse a transformación, podería chamarse facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social ou, simplemente, facultade de Formación do Profesorado.

Vostede foi cofundador de ‘Preescolar na casa’. Poderíase falar dun existoso programa de innovación educativa?
En gran medida si. Agora cúmprense trinta anos das primeiras reunións de nais con nenos e nenas de cinco anos. Prescolar na casa foi testemuña de os pais puideran crear e participar na educación dos seus fillos. A situación actual do rural galego é moi diferente e coido que o futuro deste programa pasa por traballar en colaboración cos outros servicios e recursos educativos que xa existen.

Xa para rematar, é a educación, no senso máis amplo, o ben máis prezado dunha sociedade próspera?
Creo que si, pois é na educación onde calquera sociedade se xoga o seu futuro. Na educación e na formación das persoas é onde se ten que implicar toda a sociedade.
 

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 14 de marzo de 2007