Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O audiovisual é unha aposta razoable tanto en termos industrais como culturais"

Xoán Piñeiro Cochón, profesor de Comunicación Audiovisual da USC

"O audiovisual é unha aposta razoable tanto en termos industrais como culturais"

Xan Piñeiro Cochón
Xan Piñeiro Cochón

Xoán Piñeiro Cochón é profesor  asociado na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela,  onde imparte as materias de Guión e  Linguaxe Audiovisual. Responsable da  productora Cetali-Audiovisuais, que  fundou hai dez anos, poeta e narrador, con premios importantes no seu  poder. Escribe guións e fai labores de  creativo publicitario. Unha intensa laboura que lle leva a afirmar que “o  audivisual é unha aposta razoable”

Vostede procede da rama de imaxe, unha especialidade na facultade de Ciencias da Información  da Compultense, que diferencias atopa entre eses  estudos e os de audiovisuais de agora?
Supostamente a filosofía é a mesma, e o deseño curricular está orientado á formación de futuros profesionais de radio, cine e televisión, pero no eido tecnolóxico cada década supón un mundo de diferencias nos  medios a utilizar. Pense que nós, como alumnos, aínda  empregabamos celuloide e moviola, e as poucas cámaras que había eran en branco e negro como agasallo da  televisión pública por estar xa fóra de servizo. Igualmente, na radio, as gravacións eran en cinta de cuarto de pulgada, en bobinas que agora figuran  ser pezas de museo.

Por que se tardou tanto tempo en  implantar a titulación de Comunicación Audiovisual en  Galicia?
É unha titulación relativamente nova. Antes estes saberes formaban parte  da licenciatura en Ciencias da Información, que non había en Galicia. A principios da década dos noventa créase  na USC a licenciatura en Xornalismo, algo máis adiante, á Universidade de Vigo danlle Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual queda no  aire. Supoño que é debido ao localismo que sempre  mancou e manca a Galicia. Para acabar de rizar o rizo,  agora teñen Comunicación Audiovisual as tres universidades galegas. Parecía lóxico que o audiovisual medrase á beira do xornalismo e viceversa, pero os que  distribuíron as titulacións nas universidades galegas,  fixérono como lles pareceu, disgregando os saberes.

Se falamos dos licenciados en Comunicación  Audiovisual, a que se poden dedicar en Galicia?
O abano de opcións é ben amplo. Vai desde as  emisoras de radio privadas ou públicas onde, normalmente, se comeza facendo prácticas cunha beca, ata as  diferentes empresas do eido da imaxe, incluindo produtoras de cine. Só hai que fixarse que nun contorno no que van abrir case medio cento de novas emisoras  de televisión local, a promoción dos alumnos que remata neste curso non acada ese número. Aínda así,  sempre é recomendable realizar estudos de posgrao.

Vostede ten traballado como guionista en radio e televisión, e agora imparte Guión Audiovisual,  podería dicirse que hai no contorno galego un bo  nivel entre os guionistas?
Quizás por non ter unha voz moi radiofónica, é  certo que case sempre me tocou facer guións. Gardo un  excelente recordo de persoas como o xa falecido Joaquín Prat ou de Alfredo Amestoy, ao que considero un  auténtico mestre, aínda que tamén colaborei con outros  como Jesús Quintero ou Pepe Domingo Castaño. En  realidade os requerimentos dun guionista, as cualidades básicas, son as mesmas que hai anos e entre nós  hainos excelentes, tanto nos equipos que son quen de  levar adiante algunhas das series que vemos como nos  que de xeito individual son o soporte real dos programas. E moi poucos comprenden a importancia dese labor realizado desde a soedade do folio en branco.

Como ve o sector do audiovisual en Galicia?
O feito de que estean censadas case duascentas  empresas pode parcecer engañoso. Porque o certo é  que son moi contadas aquelas que poden afrontar grandes produccións. Pero o mundo das chamadas BBC’s,  é dicir, vodas, bautizos e comunións e mesmo o das te levisións locais máis humildes non resulta desprezable  porque, entre outras posibilidades, adoita ser unha excelente vía de aprendizaxe para os que se inician.

No plano económico, ¿ve o audiovisual coma  un sector estratéxico en Galicia?
É unha aposta razoable, tanto en termos de realidade industrial, que ocupa e  realiza productos que  son parte de imaxe de  Galicia no exterior, como no aspecto cultural, en canto que o  audiovisual é vital na  normalización do país. 

Tamén imparte  vostede Comunicación Comercial, é dificil formar vendedores?
En absoluto, só que ás veces existen barreiras expresivas que proceden da nosa propia formación e que  custa eliminar. Unha delas pode ser a de pensar que falarlle aos clientes en galego e a certos niveis pode resultar contraproducente.

No que leva publicado, hai quen ve unha tendencia súa a tratar todo con humor.
Posiblemente é así, teño dito que, diante de certos  acontecementos, o humor actúa como unha auténtica  billa do noxo.

Vostede foi delegado dunha emisora en Lugo,  que lembra daqueles tempos nesta cidade?
Pasaron case vinte anos, e véñenme á memoria  aquelas obras para o aparcadoiro da Praza de Santo  Domingo. O campus aínda parecía un futurible. Botei  alí medio ano e só podo falar dese tempo cunha señardade doce e agradecida.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 16 de maio de 2007