Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Veterinaria urxe un esforzo extraordinario da USC para renovar a acreditación europea"

Ana María Bravo del Moral, decana da facultade de Veterinaria da USC

"Veterinaria urxe un esforzo extraordinario da USC para renovar a acreditación europea"

Ana María Bravo del Moral
Ana María Bravo del Moral

A decana da facultade de Veterinaria de Lugo, Ana María Bravo del  Moral, amosa certa preocupación ante o proceso de renovación da  homologación europea do devandito  centro universitario e urxe un “esforzo extraordinario” da Reitoría da USC  para acadar unha avaliación positiva.  Bravo resalta tamén o “salto cualitativo” que experimentou a facultade  luguesa, que comezará a impartir o  próximo curso a primeira edición do  máster en Seguridade Alimentaria.

A renovación da homologación europea é o gran  reto que ten por diante a facultade de Veterinaria.  Como vai o proceso?
Xa comezamos a traballar e estamos a elaborar o  informe de avaliación interna que agardamos poder enviar a finais de ano á comisión de avaliación, que ten  previsto visitar a facultade en abril ou maio do 2008.

Antóllase un proceso complexo?
O cumprimento dos requerimentos mínimos esi- xidos por Europa e que cada vez son máis estrictos é o  máis difícil para este centro, sobre todo despois de ver  como a facultade de Murcia quedou sen acreditación  de xeito provisorio por non contar cunha granxa de vacún de leite. Así pois, as facultades de  Madrid e a de Lugo  son as únicas españolas que contan na actualidade con esta distinción. A pesares  desto, en Lugo seguimos sen granxa de prácticas.

Que requerimentos son máis difíciles de acadar para o centro lugués?
Respecto ao número de animais e ao volume de prácticas clínicas, coido que cumprimos os estándares esixidos. O problema  vén dado pola porcentaxe ou relación entre estudantes  e docentes e persoal de administración e servizos  (PAS). Nos últimos anos reducimos a oferta de novas  prazas de matrícula, pero esto non é suficiente, pois seguimos a ser a facultade española que presenta unha  ratio de alumnos/docentes/PAS máis elevada. De feito,  este centro só conta con 87 profesores a tempo completo. Un feito que nos pon diante dunha cuestión moi  difícil de solventar se o consello de dirección da USC  non fai un esforzo orzamentario extraordinario para  correxir a situación.

É, pois, pesimista ante o desenlace?
Certamente, teño moita preocupación polo futuro  da facultade. Aínda que me gustaría dicir que non imos  ter problemas para validar a acreditación europea, tal  afirmación respondería a un optimismo excesivo.

Postos no peor dos casos, que pasaría se a facultade de Veterinaria de Lugo perde a súa homologación europea?
Home, a Asociación Europea de Centros de Ensino de Veterinaria sempre deixa un prazo para correxir  as eivas máis importantes. Chegado o caso e se os problemas non se resolven, a facultade de Lugo quedaría  excluida da listaxe, tal e como sucedeu coa de Barcelona, que aínda non superou o trauma. É certo que o  funcionamento cotiá da facultade non mudaría moito,  aínda que tamén é verdade que a homologación europea ten moita importancia á hora de que os titulados  egresados poidan acceder a bolsas ou posgraos europeos, así como a cursos especializados...

O prestixio deste centro no contexto internacional tradúcese tamén nunha producción científica de relevancia?
O potencial científico da facultade é salientable,  tanto no campus de Lugo, como no contexto nacional  e incluso no ámbito europeo. Este centro conta con  grupos de investigación punteiros, de prestixio e con  recoñecemento internacional.

Resalta vostede o labor investigador desenvolvido na facultade, pero manténse esta boa liña no  que atinxe á formación de novos investigadores?
Penso que temos un número bastante elevado de  estudantes nos distintos programas de doutoramento e  cada vez hai máis facultativos que desenvolven a súa  tese no departamento de Clínica Veterinaria.

E se nos referimos á inserción laboral dos novos veterinarios titulados?
A maioría dos egresados tarda entre seis e nove meses en atopar o seu  primeiro traballo. Logo, non hai demasia- dos problemas, aínda  que sí é certo que hai  precariedade.

De volta a Europa, pero neste caso á reforma que se  aveciña dos estudos  universitarios, que cambios experimentará a titulación en  Veterinaria no futuro inmediato?
Pois mire. O grao de Veterinaria estrutúrase en 300 créditos ECTS,  impartidos en cinco cursos. Asemade, nas últimas reunións dos decanos de Veterinaria acordouse limitar a  optatividade da carreira a un máximo de 30 créditos — o 10%—, que se impartirán no último ano. Outro 40%  dos créditos resérvase para materias clínicas, mentras  que os 150 créditos restantes quedarán para materias  básicas, tales como producción animal, sanidade animal, hixiene, tecnoloxía de alimentos, prácticas...

Con toda esta voráxine de cambios, que vai pasar co máster en Seguridade Alimentaria?
Esta iniciativa segue en pé e esperamos comezar  a impartilo no segundo cadrimestre do 2007 e no primeiro do 2008. Asemade, as consellerías de Sanidade  e de Medio Rural sufragarán a metade do custo da  matrícula —uns 5.500 euros— aos alumnos, que tamén se poderán beneficiar doutras axudas.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 23 de maio de 2007