Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A duplicidade de graos non será problema se inclúen elementos atractivos e diferenciadores"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

"A duplicidade de graos non será problema se inclúen elementos atractivos e diferenciadores"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Ignacio Rodríguez

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que fai un balance “positivo” do primeiro ano do novo goberno da USC, recoñece certos retrasos no proceso de constitución do espazo europeo de educación superior, que se presenta como unha oportunidade para correxir disfuncións académicas. Asemade, Barro salienta que “a duplicidade de títulos non ten que ser un problema se inclúen elementos diferenciadores”.

Un dos retos que ten nestes momentos a educación superior é o da harmonización das ensinanzas universitarias en Europa. Como avanza a USC neste proceso?
Como o resto de Universidades do Estado español. A ralentí, condicionada pola lentitude no desenvolvemento normativo por parte do Ministerio de Educación e Ciencia, que a súa vez impide que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poida definir o marco no que o Sistema Universitario Galego debe avanzar na construcción do Espazo Europeo de Educación Superior.

Albisca atrasos da universidade española neste período de adaptación?
Efectivamente vamos con certa demora respecto á maioría de países europeos. En todo caso, o problema non é tanto ir rápido como facelo ben. O pasado 28 de maio estivo na USC o Director Xeral de Universidades do MEC e tivemos unha moi interesante reunión cos responsables das Facultades e Escolas. Segundo nos comunicou, moi pronto se produciran avances normativos significativos e poderemos encetar o proceso de elaboración dos graos que substituirán aos actuais títulos de primeiro e segundo ciclo. Co posgrao xa comezamos hai dous anos, pero tamén esta oferta académica necesita para conformarse de modo máis completo dunha definición previa da oferta de grao.

O EEES traerá de novo á actualidade o debate sobre a duplicidade de títulos no Sistema Universitario Galego, pero a USC conta agora con titulacións idénticas, impartidas en campus distintos e con plans de estudo tan diferentes que incluso dan problemas á hora de convalidar materias. ¿Hai razóns que xustifiquen esta singular realidade académica?
Se existe unha demanda suficiente e somos capaces de aportar elementos diferenciais e atractivos ás titulacións non debe ser un problema ter algúns títulos duplicados. En todo caso, a necesaria reforma será unha oportunidade para corrixir algunhas disfuncións que se teñen producido durante a progresiva conformación da oferta de títulos no SUG, e tamén, e pode que incluso sobre todo, para facer cambios metodolóxicos e organizativos no proceso de ensino-aprendizaxe.

O último informe sobre o uso das TIC nas universidades sitúa á USC nas posicións de cabeza. ¿Cre que o ordenador relegará a libreta a un plano secundario no ensino universitario?

Creo que na educación, como en calquera outra actividade, o computador é un instrumento que ben utilizado pode apoiar de modo importante a labor docente e o proceso discente. A USC está facendo un importante esforzo, non tanto por incorporar masivamente as TIC como por definir e desenvolver boas prácticas e proxectos con afán de mellora sobre o existente e con continuidade no tempo.

Son os docentes verdadeiros impulsores do uso das TIC no eido universitario?
En xeral temos unha boa experiencia cos nosos docentes. O número de profesores que seguen os cursos de formación para o uso das Tecnoloxías da información e da Comunicación (TIC), como unha ferramenta de apoio á docencia, que participan en USC virtual, o noso campus en Internet, e que melloran a súa competencia no uso das TIC nas aulas, é importante e crecente. Non pretendemos converternos nunca universidade virtual. Sería absurdo. Pero si estamos empeñados en mellorar a docencia, e ben utilizadas as TIC poden ser unha axuda neste cometido.

Vostede foi promotor da Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas. Que repercusión ou influencia pode ter esta iniciativa na transformación do tecido empresarial galego?
Trátase dunha iniciativa inédita no espazo iberoamericano, que seguro será unha peza importante para a construcción de ese espazo iberoamericano do coñecemento do que os políticos comezan a falar. A USC impulsou esta iniciativa, asinándose o convenio de creación o pasado 15 de decembro, en Santiago de Compostela, conxuntamente coa Universitat de Barcelona e o Banco Santander. O pasado 4 de maio quedou conformada a plataforma universitaria de arranque con nove das Universidades máis importantes de Iberoamérica e a USC foi elixida como a Universidade coordinadora para a elaboración e seguimento do plano de acción que guiará a actividade da rede durante o período 2007-2009. Somos, sen cuestión, un referente internacional neste campo. Queremos que este liderado internacional teña unha especial incidencia no noso país. Para nos ese concepto que algúns expertos deron en chamar “glocalismo” –pensar en global e actuar en local-, non é obxecto de mera reflexión senón de aplicación, polo que estamos convencidos dos importantes retornos que esta iniciativa vai a achegar a Galicia.

A Universidade de Santiago de Compostela, pode definirse como emprendedora?
Sen dúbida. Somos un referente no que se chama a terceira misión das universidades ou universidades emprendedoras. Eu utilizo este termo cunha semántica máis ampla, ambiciosa e interesante que o usual. A do emprendemento integral e responsable, que busca un desenvolvemento económico, pero tamén social e sostible. A USC está apostando pola transferencia de resultados de investigación, a responsabilidade social, o compromiso ambiental, e un longo etcétera de iniciativas coas que estamos demostrando que ser unha Universidade histórica non está rifado con ter iniciativa e ser unha Universidade moderna. Queremos ser a máis moderna das Universidades históricas e a Universidade con máis historia entre as Universidades modernas.

Despois de cinco anos na Reitoría da USC, segue a crer vostede na capacidade de emprendemento dos funcionarios?
Créoo aínda máis. Entre os funcionarios somos moitos os que dun modo ou outro somos emprendedores. Durante estes anos puiden comprobar como cada vez son máis os membros da nosa comunidade universitaria os que participan dun modo entusiasta da nova misión que nos toca abordar. Unha misión que supón que a Universidade debe ser máis cómplice dos intereses do conxunto da sociedade; non ser allea a ningún dos problemas ou obxectivos que a sociedade se fixe e incluso alumear o camiño a seguir en sintonía cos valores que como Universidade e institución pública nos son propios.

As empresas da órbita da USC, Unixest S.L., Uninova S.L., Cursos Internacionais, as Sociedades de spin-off, Unitenda, Unidixital ... son exemplo de emprendemento?
Unhas máis que outras. Algúns exemplos que vostede pon son simplemente instrumentos que facilitan o desempeño dalgúns servizos que queremos aportar fundamentalmente á nosa comunidade universitaria. Outros si son realmente magníficos exemplos de emprendemento, incluso inéditos neste ámbito. Tal é o caso de Unirisco, a primeira sociedade de capital risco que nace dunha Universidade no Estado español. Ou Uninvest, unha iniciativa liderada tamén pola USC, absolutamente pioneira no mundo.

O campus de Lugo contará a medio prazo con alomenos dúas novas infraestruturas universitarias (centro de enxeñería civil e laboratorios de Ciencias), pero ten a Universidade orzamentos dabondo para conservar no futuro todas estas instalacións?
Gobernar non é solo preocuparse polo presente senón tamén polo futuro. Nos estámolo facendo. Por iso pensamos no necesario para que os nosos campus sigan desenvolvéndose harmonicamente. Pensamos nas necesidades de solo, edificios, infraestruturas… Non ter todos os cartos na man para facer o que creemos que debe ser feito non debe impedirnos ser previsores, ao contrario. Só esta previsión e a correcta planificación de necesidades, intereses, medios dispoñibles e tempos é o que nos permitiu nos últimos anos conseguir cifras multimillonarias en euros de fontes de financiamento externas. Nunca ata agora se obtiveran tantos recursos externos na USC para dotármonos de novas infraestruturas.

Recentemente participou en Lugo na constitución da fundación que rexerá o Cetal. Que rol vai desenvolver a USC no seo deste centro tecnolóxico?
A USC, nomeadamente o seu Campus de Lugo, ten moito que aportar e que recibir do Cetal. As ciencias e especialmente as tecnoloxías da alimentación son temáticas de máximo interese e a USC ten neste momento unha notable actividade investigadora neste ámbito. Incluso a recente creación da Fundación Dieta Atlántica por parte da USC poderá ser un instrumento de dinamización de actividades de investigación e desenvolvemento neste campo. 

Coida que sería positivo situar a sé deste centro tecnolóxico nalgunha das parcelas que aínda queda libre na superficie universitaria luguesa e non nos seus arredores?
Non é imprescindible para manter unha intensa colaboración entre USC e Cetal, pero si sería positivo, polo que a USC está disposta a favorecer esta opción.

Veterinaria urxiu un esforzo extraordinario da USC para validar a súa homologación europea. Hai medidas específicas para este cometido?
Temos o compromiso de apoiar á facultade de Veterinaria para superar este importante obxectivo, tendo presente que por encima de todo debe ser un empeño da propia Facultade. A comisión mixta da facultade de Veterinaria e do Consello de Dirección está traballando arreo para ter en conta os requisitos necesarios para superar a avaliación prevista para o ano 2008, e esperamos que entre todos poidamos logralo, sen hipotecar outros obxectivos e necesidades que poidan resultar incluso máis relevantes para o centro, aínda que menos visibles publicamente.

Doce meses, dous vicerreitores que se foron e a sensación de que a USC ten un goberno feble. Fai vostede o mesmo balance do primeiro ano do mandato presidindo un Consello de Dirección tripartito?

Os dous profesores que deixaron neste ano o Consello de Dirección fixérono por entender tanto eles como o seu contorno que debían prestar outros servizos á súa Universidade e eu fun comprensivo con este punto de vista. Son persoas que mentres formaron parte do Consello de Dirección se entregaron plenamente e só podo agradecerlles o seu traballo e a súa lealdade. Me consta que agora están coa mesma entrega desempeñando as súas actuais responsabilidades. A súa substitución fíxose rápido, sen traumas, sen sequera xerar o menor ruído. Isto é unha demostración de eficacia e fortaleza do goberno. En canto ao balance do primeiro ano do mandato, teño que dicir que estou moi satisfeito. Formamos un equipo plural, pero ben compenetrado e cada vez máis solvente. Presidir un goberno coa base de apoio más ampla que tivo ningún outro goberno en moito tempo é unha garantía de poder asumir con éxito reformas importantes para o futuro da Universidade.

O Claustro debate mañá, as liñas xerais de Programación plurianual (2007-2010), vostede como as definiría?
É un documento moi pensado, con compromisos moi claros e importantes e sen concesións á retórica. Fixémolo para que guíe á USC nos retos que ten de aquí ao 2010 e incluso máis alá. Identifícase cunha Universidade que, por primeira vez na súa historia, quere redefinirse en boa medida nos planos docente, investigador e nese concepto de universidade emprendedora ao que antes fixen referencia. Só un goberno forte como o noso pode acometer con éxito os ambiciosos compromisos que se reflicten no documento.

Cales son os aspectos básicos que fan necesaria a elaboración dun proxecto ético global da USC.
O Código Ético que se somete ao Claustro é un documento elaborado por unha comisión presidida polo valedor da comunidade universitaria. Penso que é un documento moi pertinente como compromiso individual de cada quen coa USC e desta co conxunto da sociedade. Está en liña co noso compromiso da USC coa transparencia, co rendemento de contas, co compromiso social en modo pleno.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 30 de maio de 2007