Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Moitos escritores de primeira fila carecen dunha edición completa das súas obras"

Luis Iglesias Feijoo, director do grupo de investigación Calderón de la Barca da USC

"Moitos escritores de primeira fila carecen dunha edición completa das súas obras"

Luis Iglesias Feijoo
Luis Iglesias Feijoo
  • Ignacio Rodríguez

O director do grupo de investigación Calderón de la Barca da Universidade de Santiago, Luis Iglesias Feijoo, que está a coordinar o proxecto de edición da obra teatral de Calderón de la Barca, defende o teatro como o único xénero que “da unha vitalidade que de momento non aportan as outras artes”, ao tempo que recoñece que “hai escritores españois de primeira fila que que non contan no mercado con edicións completas e fiables das súas obras”

Como xurde a iniciativa de editar as obras teatrais de Calderón de la Barca?
Desde hai doce anos estamos a investigar no teatro de Calderón. Recibimos diferentes proxectos da Xunta e do Ministerio e pasamos anos recompilando información e testimonios documentais ata artellar un plan de edición de toda a súa obra, fundamentalmente comedias, agás os autos, que prepara outro equipo. Os dous primeiros volumes das comedias (doce por tomo, coma no Século de Ouro) veñen de aparecer na Biblioteca Castro de Madrid.

A que atribúe a inexistencia dunha edición completa das obras de Calderón?
A inexistencia dunha compilación das súas obras completas é o sinal dunha anomalía da cultura española. Hai ducias de escritores españois de primeira fila dos que non se pode atopar agora no mercado unha edición completa e fiable.

O seu proxecto vai máis alá da compilación, pois abrangue contraste e análise. Sospeitan que as obras de Calderón pudieron ser alteradas?
O traballo de fixar o texto dun escritor é tarefa que se leva a cabo coa axuda da crítica textual ou ecdótica. Nós non facemos, de momento unha edición crítica, pero adiantamos o resultado da mesma. Atendemos no posible a todas as edicións do século XVII, sen deixar de analizar outras posteriores. O resultado proba que no caso do teatro, os actores e directores de compañía cortaban o texto cando lles petaba ou engadían o que lles parecía, e, ás veces, eses textos manipulados pasaban á imprenta. Hai moito traballo de depuración que facer.

A colaboración e investigadores estranxeiros débese á falta de estudosos españois ou denota unha dimensión universal do creador?
Hai moitos estudosos de Calderón que traballan en España con moito mérito. Hai medio século, boa parte dos mellores estudosos da literatura española en castelán eran os hispanistas estranxeiros, hoxe, o nivel da investigación feita en España é tanto ou máis importante da que se fai fóra. Aínda así, respecto a Calderón, quixemos contar con algúns dos máis importantes investigadores, pois cremos que é un escritor de resonancia universal.

España sempre foi máis coñecida polas súas letras que polas aportacións científicas, pero as áreas humanísticas semellan hoxe menos atractivas.
Penso que a especialización é necesaria e ineludible, pero tamén creo que a xente de ciencia debería ter unha maior formación humanística e, sobre todo debería ser obrigado o estudo da historia da ciencia.

Asistimos a unha sociedade polarizada pola obsesión científica?
Pode que sí. Pero por desgracia, quen acada maior proxección nos medios non é nin o home de ciencia nin o de letras, senon os do corazón.

E que opina sobre o sistema educativo e as súas constantes mutacións a todos os niveis?
O cambio é sempre inevitable e desexable, a permanencia é tamén imprescindible. Polo tanto, trátase de acadar o equilibrio xusto. Pensar nos nosos días que o sistema educativo pode pasar dúas décadas sen cambios é condenalo a ser obsoleto. Cambialo cada dous ou catro anos, é decir, cada vez que cambia o ministerio, é tamén perxudicial.

É posible que España conte de novo con autores da sona dos do século de ouro?
O meu amigo Xosé Carlos Mainer fixo famosa a expresión “idade de prata” en alusión ao primeiro tercio do século XX. A prata non é o ouro, e hoxe non temos escritores tan brillantes coma os do período 1900-1936.

E respecto do teatro, rendiuse este xénero fronte á televisión e ás TIC?
O teatro está en crise dende a ápoca dos gregos. Non é unha broma, xa entre eles existían os que falaban da decadencia do teatro. Tamén é certo que durante máis de mil anos, dende a época de esplendor de Roma ata case o final da Idade Media non houbo teatro en Europa. Son moi pouco partidario dos profetas catastrofistas. O cine ía matar o teatro: non pasou tal, e son dúas artes posibles. A televisión ía asasinar o teatro e o cine. Pois xa se ve. O vídeo acabaría con todo e acabou antes o vídeo. Pois co teatro digo o mesmo. Segue a existir, porque da unha experiencia viva que de momento as demais artes non proporcionan.

O drama non está de moda nunha sociedade case que dramática, como explicaría este feito?
Dende sempre, a comedia ten maior aceptación, porque é mais fácil de asumir. No cine, se hai un drama ben feito, por duro que sexa, o público vai ao cine, sexa para ver Mar adentro ou Million dollar Baby. O que non soporta, e fai ben, é o aburrimento.

É dos que pensa, como dicía Calderón, que a vida é un sono?
Dicíao Calderón e Shakespeare e Séneca e a Biblia… É un tópico moi estendido, que remite á idea da súa brevedade. E pode parecer que a vida vai tan rápida que pasa coma un sono...

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 20 de xuño de 2007