Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Ese rexeitamento ó Plan Boloña non ten explicación"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

"Ese rexeitamento ó Plan Boloña non ten explicación"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Luis Pousa

Senén Barro Ameneiro (Pedra de Couto, 1962, lugar que cando el naceu pertencía ó municipio da Capela e agora ó das Pontes; casado, dous fillos; catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial; reitor da Universidade de Santiago de Compostela) ten moi claro que "unha universidade con maiúsculas ten que ser unha institución cun forte compromiso coa investigación"; tamén ten moi claro o cambio que supón o Plan Boloña e que, por primeira vez, a universidade pública "teña unha oferta de máster oficiais".

¿Qué opina sobre os datos do último informe PISA?
Á espera de coñecelo en detalle, non se aprecian grandes oscilacións dun informe para outro. Non é certo que España vaia para atrás, pois estamos falando dunha diferenza de 5 ou 10 puntos, algo desprezábel en cuestións deste tipo. Ocupa unha posición intermedia, e non é para rachar as vestiduras; ese é o posto que ocupamos en moitos outros ámbitos, incluído o do ensino superior, no que non estamos á altura do que é o peso como oitava potencia económica do mundo.

¿E no caso de Galicia?
Os resultados son relativamente bos ó comparalos co resto do Estado español. A puntuación é superior á media, non hai unhas enormes diferenzas na estrutura de centros de ensino secundario. A distribución é máis ben harmónica e a tendencia, positiva.

¿Qué consecuencias pode ter para a universidade?
Á universidade preocúpalle moitísimo como engarzar mellor cos centros de ensino secundario, para saber como podemos apoiarnos mutuamente, nunha relación bilateral de igualdade, e tendo en conta que moitos deses estudantes rematarán logo na universidade ou na formación profesional. De modo que, cando ese momento chegue, o acceso non se produza de xeito traumático.

¿O éxito do modelo educativo reside no profesorado, como suxire o caso finlandés?
Si, pero non son cuestións illadas. Un bo profesorado significa non só ter unha formación moi sólida na disciplina concreta, senón tamén unha boa formación pedagóxica. Trátase de que os titulados que se adiquen á docencia teñan unha mellor formación na forma de trasladar a súa disciplina ós alumnos e poder interactuar con eles e as súas familias, desde o punto de vista das sensibiliades, capacidades e intereses destes. Tamén se necesitan máis medios, como laboratorios, bibliotecas, etc. Pero non hai unha receita máxica, algo tan fácil como que duplicando o profesorado xa iamos estar como Finlandia. A mesma persoa, coa mesma formación e capacidade docente, cambia da noite ó día, segundo estea deprimida ou estimulada no seu exercicio profesional. Quero dicir que entran en xogo factores como o tipo dos alumnos que chegan, a súa actitude nas aulas, ou o apoio das familias. O que non se pode facer é pensar que a responsabilidade dos pais remata en meter os fillos nun centro formativo e que lle corresponde á Administración educativa devolvérllelos cun título debaixo do brazo. Non é así.

¿A universidade é unha fábrica de capital humano?
Imos dicilo entre comiñas, debe ser unha "fábrica" de profesionais altamente cualificados e de persoas. As dúas cousas teñen que casar. Nese senso, a USC é a primeira universidade do Estado español que se dotou recentemente, a través dun acordo do claustro, dun código ético. Con este código queremos ser un referente para o estudantado en facerlle público á sociedade cales son os parámetros nos que quere desenvolver a súa docencia, a súa investigación, a súa prestación de servizos, incluso a súa relación laboral coas persoas que nela traballan cada día.

¿A investigación é xa inherente á universidade?
 Unha universidade con maiúscúlas ten que ser unha institución investigadora e cun forte compromiso coa investigación. Non pode ser algo residual, ou algo interesante duns poucos docentes. Nas últimas dúas décadas as nosas universidades públicas aspiran a ser institucións fortemente investigadoras; desde logo, a USC éo.

 ¿Como marchan as relacións universidade-empresa?
Están a mellorar rapidamente. Antes a universidade daba titulados cunha formación útil para o exercicio profesional, pero dificilmente en I+D+i. Ahora a USC, pese a non ter unha orientación técnica moi acusada, pódelles ofrecer ás empresas investigación e desenvolvemento, innovación, asesoramento científico e técnico, consultoría e ata iniciativas de emprendemento, practicamente en calquera ámbito do saber. Nese senso somos unha universidade completa, con gañas de facer máis e mellor.

¿É xa firme o anuncio de que a Consellería de Educación destinará o 1 % do PIB de Galicia a financiar as tres universidades?
Estou convencido de que xa é firme. Sería un sen sentido que a conselleira de Educación anunciase publicamente que xa desde xaneiro comezará o proceso de deseño a reformulación do plan de financiamento, para concluílo en xuño de 2008.

¿Cales son os obxectivos a acadar con ese financiamento?
Hai dous grandes retos para os vindeiros anos: o espazo europeo de educación superior e o espazo europeo de investigación e calidade. Non fariamos ben os deberes nin con suficiente responsabilidade se non definiramos cales son os obxectivos; cales son os indicadores que nos permitirán coñecer en tempo real como imos camiñando cara a eses obxectivos; e en que medida eses obxectivos nos esixen uns recursos que agora non temos e que, en boa medida, os porá a Administración autonómica. O Goberno galego é consciente de que ten que facer un esforzo grande, porque o sistema universitario galego non está ben financiado en ­dous sentidos: un, ó non contar cos recursos suficientes, estamos a deixar de facer moitas cousas que deberiamos facer; dous, se nos comparamos cos niveis de financiamento que teñen outras comunidades autónomas, por exemplo, Andalucía, imos moi por detrás.

¿A USC está en condicións de pór en marcha o Plan Boloña?
Xa temos todos os instrumentos mínimos para que as universidades poidan pór en marcha, de forma definitiva, este proceso de construción colectiva. Dígoo así porque non o vexo como unha imposición da UE e do Estado español. Para min, o espazo europeo de educación superior é un esforzo colectivo, ao que contribúe a USC coa súa achega. Hai unha cuestión que non é menor: a presenza do galego no espazo europeo de educación superior póñena as universidades da Coruña, Vigo e Santiago, un elemento de singularidade enormemente valioso

¿Qué supón o Plan Boloña?
Non debe ser un simple proceso de adaptación a unha nova estrutura organizativa, unha maquillaxe nas titulacións a nivel de materia. Iso sería unha nova reforma de estudos como outras que pasaron sen pena nen gloria. Estamos ante un cambio conceptual: os graos, a formación que substitúe o primeiro e segundo ciclo, pensados como un elemento de transformación transversal e, ó mesmo tempo, ben orientados cara ó exercicio profesional, porque en todos os casos os estudos teñen que habilitar para o exercicio profesional. E logo ser un bo elemento de base para a especialización académica ou profesional, ou a orientación cara á investigación. Tamén supón un cambio fundamental que, por primeira vez na historia da educación pública en España, teñamos unha oferta de másters oficiais.

¿Por que, entón, unha parte dos estudantes entende que Boloña é unha privatización encuberta da universidade pública?
Eu dígolles a eses estudantes que máis se escoitan nestes tempos, pero que non son a maioría dos estudantes: por primeira vez na historia porase a prezos públicos unha formación de máster que só existía a prezos de mercado. Ese rexeitamento non ten explicación, porque Boloña non supón converter a universidade nun servizo das empresas, senón simplemente formar os estudantes auditando o que as empresas piden. Boloña di, entre outras cousas, que os graos deberán ter unha formación xeneralista de amplo espectro, e mostrar unha especial sensibilidade nunha formación que xa nunca se vai a interromper durante o exercicio profesional e, probablemente, durante toda a vida. Estou convencido de que a maioría dos estudantes non rexeita que a súa universidade os forme tamén para o exercicio profesional, se preocupe por darlle prácticas en empresas e por saber cales son as demandas profesionais e reciba unha formación que lle abra o abano de posibilidades.

¿As universidades galegas deben especializarse?
Cando se produciu a segregación, a USC non podía renunciar a ser unha universidade completa, porque xa o era, pero o deseño das outras dúas si que se puido facer complementario. En parte fíxose e en parte houbo un proceso de clonación da de Santiago. De facelo complementario, hoxe teriamos un sistema universitario galego cunha oferta máis ampla, máis diversificada, non tan multiplicada nalgunhas disciplinas, e de mellor calidade, porque os recursos estarían mellor utilizados. A USC intenta unha oferta docente e investigadora nos cinco grandes ámbitos do saber, con parcelas concretas con máis capacidade e intensidade investigadora.

¿A USC seguirá conservando a especialidade de Medicina?
Ata onde alcanzo a ver, non ten ningunha xustificación ter outra Facultade de Medicina. A USC ten capacidade para formar os profesionais de Medicina desta e a seguinte década. Só necesita algo que veño dicindo desde que entrei de reitor: a participación doutros hospitais, singularmente o Juan Canalejo e o Chuvi, na formación clínica dunha parte importante dos novos titulados en Medicina. E que esa colaboración se aumente ata chegar ós douscentos estudantes. Eu espero que no primeiro semestre do 2008 poidamos ter un acordo coa Consellería de Sanidade nese sentido. Iso non significa crear unha nova Facultade de Medicina, nin que eses estudantes se teñan que titular por ningunha universidade que non sexa a USC. A coordinación da formación clínica que reciban farase no marco da Facultade de Medicina da USC.

EL PERFIL

"O ciclismo é como a vida mesma"

¿Cal é o científico que a vostede máis oimpresionou?
O que eu valoro como máis importante, polos medios cos que contaba, polo coñecemento escaso no que fundamentou o que el achegou a continuación: Isaac Newton. E despois, Ramón y Cajal; probablemente o Isaac Newton da neurofisioloxía e da Medicina en xeral.

¿Cal foi seu primeiro ordenador?
O meu propio tíveno tarde, non tiña cartos. O primeiro que tiven como usuario foi cando ía en 3º de Física, no curso 1982-83; tiña 64 kB de capacidade, era unha pataca, pero daba de si. A verdade e que o espremiamos moito.

¿Como recibiu o teléfono móbil?
Tamén me incorporei tarde a ter móbil. Paréceme tremendamente útil. Eu sou protecnoloxía, no sentido de que o desenvolvemento tecnolóxico está achegando unhas posibilidades e unha calidade de vida impensábeis.

¿Que lle achegou o seu primeiro PC portátil?
Achegoume comodidade. Non foi algo revolucionaro na miña vida, pero foi moi importante que esa computadora fose ao meu servizo en exclusiva e ó mesmo tempo con todos os recursos do mundo a través de Internet. Non somos conscientes do cambio que supuxo non tanto Internet como a web. Iso si que é o verdadeiro salto.

¿Que afeccións ten?
Eu era un coleccionista de selos, de vitolas, de moedas, que agora están aparcadas á espera de que os meus fillos as retomen. Tamén practiquei diversos deportes, agora só practico o ciclismo. Encántame. Fago entre 40 e 70 kilómetros; gústame subir, non rodar en terreo chan. Algo que aprendín coa bicicleta é que logo hai que volver. Aínda que soe a pedantería, o ciclismo é coma vida mesma.

¿Como a vida mesma?
Si, porque profesionalmente é un deporte que se se practica sen equipo e sen unha boa tecnoloxía, estás absolutamente vendido. O equipo ten que sacrificarse en beneficio de quen nese momento é o líder do equipo, pero ó mesmo tempo hai circunstancias onde o equipo queda atrás e un ten que ver claramente onde está a meta, e facer ese esforzo final só, a sabendas de que pode ter éxito ou non. É un pouco como a vida mesma: fas demarraxes, tenteas o contexto para ver como che pode saír.

¿Ten animais de compañía?

Non, e gustaríame. Cando tiña 11 ou 12 anos, a miña nai prometeume un can se sacaba todo sobrasalientes. Saquei todo sobresalientes, pero non tiven can. Levei un berrinche moi grande; logo comprendín que a casa en que viviamos era demsaido pequena para ter un can.

¿Cociña?
Moi de vez en cando, pero son moi creativo. Mesturo as cousas que hai por alí e iso ós meus fillos gústalles.

¿En viños, que prefire, blanco ou tinto?
Son un amante do viño e, como din os portugueses, "o viño é tinto, branco é o vaso, e verde a botella".

¿Que está a ler?
Alguien con quien hablar, de Ángel Gabilondo e Diccionario para los amantes del vino, do francés Bernard Pivot.

Entrevista publicada no xornal "El Correo Gallego" do día 13 de xaneiro de 2008