Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A USC camiña cara Europa, pois queremos ser unha universidade coñecida e recoñecida"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

"A USC camiña cara Europa, pois queremos ser unha universidade coñecida e recoñecida"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Nacho Rodríguez

O reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, que está a piques de superar o ecuador do seu segundo mandato, salienta nestas liñas os avances experimentados pola sede universitaria luguesa nos últimos seis anos, ao tempo que remarca que a senda da Universidade de Santiago diríxese a Europa.


¿Que panorama universitario olla desde o ecuador do seu segundo mandato reitoral?
Un panorama con grandes cambios, algúns inducidos desde o exterior e outros que a USC se marca como propios: as infraestruturas, a investigación e a cultura emprendedora.

¿Que rasgos salientaria da situación actual da USC?
A grave situación económica que atravesamos está reconducida e en vías de superación. Na docencia, estamos aproveitando a oportunidade que brinda o EEES para mellorar a nosa oferta en atractivo, amplitude e calidade, mentras que na investigación acometemos profundos cambios organizativos e de estímulo, e no emprendemento estamos a converternos nun referente nacional e internacional.

¿Chegou logo a hora de rematar co debate financeiro na USC?
Acabou o proceso de reaxuste económico-financeiro, pero necesitamos máis recursos para poder aproveitar o noso potencial e para acometer con proveito os retos docentes e investigadores.

¿Súmase entón a demanda xeralizada de máis achegas?
As universidades, en particular as galegas, estamos insuficientemente financiadas, moi por debaixo da media española e xa non digamos da europea. Na última reunión da Asociación Europea de Universidades, EUA, o discurso central foi a reivindicación de máis recursos para poder ter universidades competitivas nun mundo no que non só as empresas necesitan fortalecerse e xogar a escala internacional.

¿Terá a USC unha aterraxe tranquila no futuro EEES?
Ningunha universidade vai integrarse no EEES dun modo absolutamente suave. Haberá turbulencias.

¿Atópase a USC ben posicionada no que vostede chamou Champions League das universidades?
A nivel nacional si, aínda que esta é unha liga na que se pode descender se non dispoñemos de recursos, non reforzamos o cadro de persoal e non facemos algúns cambios de estratexia. O obxectivo é xogar na liga europea.

¿Que alternativas baralla para facer máis atractivas as titulacións que captan poucos alumnos?
Son varias as estratexias. A primeira é non reafirmarnos por sistema no que neste momento ten unha demanda moi reducida. Asumir cambios de enfoque ou reformas profundas non se ten que ver como un fracaso. A sociedade cambia aceleradamente e nós non podemos permanecer alleos á sociedade á que servimos. 

¿Contempla a USC artellar títulos dobres?
Contemplamos todas as posibilidades que poidan ampliar e mellorar a nosa oferta docente, tendo en conta os medios, humanos e materiais, cos que xa contamos e aqueles dos que razoablemente poderíamos dispor. O conxunto das nosas titulacións debe ser revisado ao fío da oportunidade que nos brinda o EEES.

¿Ve posible implementar todos os cambios que predica a declaración de Boloña a custe cero?
De ningún modo. Temos xa unha oferta de másteres oficiais no SUG que supera o medio centenar, cando hai só tres anos non existían. Isto faise cun enorme esforzo que non é sostible se non chegan máis recursos ás universidades.

¿Defende os contratos-programa como ferramenta para mellorar o finaciamento universitario?
O contrato programa debe ser un dos modos de distribuír recursos entre as universidades, xa que permite definir, incentivar e financiar a consecución de obxectivos de interese mutuo entre a Universidade e a Administración.

¿Avanzou a USC neste terreo durante os seus anos de goberno?
Avanzamos na definición de contratos programa a nivel interno. Queremos facer o propio cos institutos de investigación e os centros docentes. Coa Administración temos que definir acordos.

¿Coincidiu o seu reitorado coa madurez  do campus lugués?
O balance desta sede é dunha mellora notable en infraestruturas, na desconcentración de recursos e procedementos administrativos e de servizos. Démoslle un gran impulso á docencia de posgrao e estamos inmersos no deseño da oferta de grao co firme empeño de fortalecer o noso campus.

¿Como explica logo que só un terzo dos universitarios da provincia estuden e Lugo?
O campus de Lugo ten unha oferta moi coherente e de gran calidade, pero posúe, obviamente, unha parte reducida de títulos.

¿Supón a Uned unha nova competencia polo alumnado?
A Uned non compite coa USC en medios nin en calidade.

¿Hacia onde camiña a USC?
A USC camiña cara Europa. Queremos ser unha universidade coñecida e recoñecida no espazo europeo do coñecemento, no que as universidades serán un axente de especial relevancia.

Vostede fala de recoñecemento, ¿perdeu prestixio a universidade?
Hai décadas quizás había máis reverencia polas universidades, pero era froito do seu alonxamento do resto da sociedade e por ter un carácter un tanto elitista.

¿Interfiren os cambios políticos na vida universitaria?
Os cambios supoñen ás veces volver a identificar interlocutores, pero se a xente é competente e ten recursos esto logo se compensa.

¿Como son as relacións da USC coas administracións?
Moi boas, en xeral.

¿E no caso de Lugo?
As relacións coa Deputación son agora máis fluídas, aínda que esta institución sempre estivo moi comprometida co campus.

A exitosa avaliación europea de Veterinaria é un éxito colectivo da USC, pero ¿o seu nomemamento como vicepresidente da CRUE?
Estou moi orgulloso do esforzo que fixo a facultade de Veterinaria e a USC e tamén o estou polo meu nomeamento como vicepresidente da Conferencia de Reitores de Universidades de España. Creo que é un recoñecemento á USC.

¿Baralla a política como futuro?
A miña cabeza está na reitoría e o meu futuro pasa por reincorporarme á miña cátedra para retomar plenamente a docencia e a investigación

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 10 de xuño de 2008