Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Estamos esperando ansiosos pero preocupados polo plan financeiro"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

"Estamos esperando ansiosos pero preocupados polo plan financeiro"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Elisa Álvarez

Pasou tempo xa dende que no 2002 Senén Barro se convertera nun dos reitores mais novos da USC (uns din que foi el, e outros que tivo un predecesor). O que si é certo é que os anos lle valeron para dicir as cousas cada vez dun xeito mais claro e esquecendo as medias tintas.

O novo plan de financiamento ía presentarse antes do verán, ¿que ocorre con el, hai receptividade por parte da Consellería de Educación?
A verdade é que aínda non temos ningunha concreción, efectivamente hai un compromiso, que entendo que está vixente, de ter un novo plan. Non necesariamente novo dende o punto de vista da súa concepción e dos distintos apartados, porque iso non é imprescindible, pero novo no sentido de reforzado de modo importante economicamente. Ese compromiso entendo que está vixente e debería de significar ter xa máis recursos para o 2009, pero aínda non está concretado. Estamos esperando ansiosos, pero preocupados.

¿Pero estase a tempo?
A tempo se está. Hai dous niveis, definir un marco económico plurianual novo, que é o que agora está concentrando o traballo das distintas consellerías implicadas, e outro que ten que ver con detalles que afectan á súa distribución e aos obxectivos que se deben cumprir. Ás universidades non nos parece mal, de feito nos parece imprescindible, que os recursos que recibimos se liguen ao cumprimento de obxectivos. Que haxa un maior rendemento dos recursos que se invisten nas universidades, e maior explicación de por que e para que se invisten. Iso xa o facemos as universidades a nivel interno, ou coa memoria de responsabilidade social.

¿A Universidade de Santiago pode ser vítima dun «café para todos» neste reparto?
Espero que non, un plan de financiamento non se fai para contentar aos reitores nin ás comunidades universitarias, debe facerse para satisfacer as necesidades da sociedade e para facela mellorar. Por iso pedimos recursos. En máis de seis anos de reitor non pedín un euro para subir o soldo dos profesores ou do persoal de administración e servizos. Os recursos que pido son para ter unha maior calidade docente, formar mellor aos estudantes, facer unha mellor investigación que nos demandan de modo crecente as empresas, e para dar mellores servizos á nosa comunidade e á sociedade. Un plan económico debe ver como financiando mellor o SUG vai a ter un retorno moi superior ao incremento da inversión que fai. Dubido que unha Administración seria busque contentar a un feixe de reitores.

As novas carreiras terán que garantir un nivel de inserción laboral dos titulados, ¿algunhas non resistirán?

É probable. Por primeira vez no sistema universitario as titulacións van ser acreditadas ao cabo duns anos. Vaise analizar non só se se imparten as materias, senón indicadores como as taxas de rendemento académico, fracaso escolar, inserción. E vai ocorrer, non me cabe dúbida (aínda que supoño e desexo que en poucos casos), que por distintos motivos algúns títulos non superen a acreditación e por tanto non poderán continuar. Son compromisos que nos van esixir aumentar a calidade, e aquí volve aparecer o custe. Nunca mellorar se pode facer cun incremento de custo cero.

O módelo de financiamento

¿A matrícula debería ir en función de renda familiar?
Hai distintos modelos, ese sería un. O que creo é que o modelo actual de taxas idénticas, independentemente da capacidade económica dos estudantes, non é un modelo moi xusto, porque paga igual o que ten escasos recursos que o que ten moitos. As taxas son baratas (entre o 10 e o 12% do custo real), pero hai outros custos, de oportunidade (anos que o alumno estuda e non traballa), de desprazamento, de residencia, e isto ten un peso significativo na economía familiar. Ter un fillo ou filla nunha universidade ten un custo moi grande, por iso creo que o sistema absolutamente idéntico de taxas non é o máis xusto. Habería que ter máis bolsas para persoas con menos recursos, pero tamén podería ser que aqueles estudantes que teñan posibilidade de pagar cotas maiores do custo real da súa formación superior o fagan, e que non todos paguen un 10%.

A Facultade de Medicina é un dos buques insignias da USC. Calquera nova que xurda en torno a este centro xera interese, como o feito de que 100 dos 350 matriculados de primeiro curso sexan estranxeiros.

¿Que ocorrerá cando volvan ao seu país e fagan falla médicos en Galicia?
Agora hai unha matrícula non pechada onde hai 100 estranxeiros que están dentro dos 350 aceptados. Isto non é novo, en anos pasados o número de estudantes de fora quizais foi un pouco inferior, porque hai que pensar que a oferta pasou de 260 a 350, pero a experiencia de anos atrás é que a medida que avanzamos nos primeiros días de curso hai unha baixa importante de estudantes que se recolocan no seu país de orixe. É moi probable que o número de estranxeiros estea por debaixo de 50 ao final. Aínda así, poderiamos pensar que é excesivo porque fan falla médicos e perdemos un capital humano se volven ao seu país. Pero España é o sétimo país do mundo exportando titulados en Medicina e hai que pensar se ese non é un capital profesional que teriamos que fixar aquí. É máis, sabemos que en Portugal son centos os titulados galegos que exercen alí. Entón a falla de médicos ten que ser abordada desde distintas direccións, aumentar as prazas si, pero se o sistema non os fixa podemos estar seguindo alimentando a emigración.

¿Atopa algunha xustificación a que A Coruña demande unha Facultade de Medicina?
A día de hoxe non son consciente de que a Universidade de A Coruña demande unha Facultade de Medicina, de feito diría que non o está a facer. Foi unha demanda con moita intensidade no pasado, e chegou a ser unha reivindicación da Universidade e do seu goberno en tempos de Meilán, pero hoxe son conscientes de que as universidades non temos que pelexarnos por ter titulacións máis ou menos prestixiosas. O actual goberno da Universidade de A Coruña é consciente de que temos que mellorar a nosa oferta constantemente e poñernos ao servizo da sociedade, para ver en que ámbitos podemos atender unha formación que aínda está desatendida.

Unha das novas medidas da USC pretende evitar que os alumnos se matriculen de moitas materias e logo non se presenten, ¿ata o de agora había pouca rixidez?
Forma parte dos criterios de permanencia e de requisitos mínimos para que poidan continuar os seus estudos. Os criterios de avaliación deben de servir para que o alumno non se disperse, e dimensione o curso académico dun modo máis razoable dacordo coas súas posibilidades, xa que nos van avaliar tamén en función das taxas de fracaso e de rendemento académico. Non so hai que ser mellores profesores senón ter unha mellor organización académica. Estamos como nunca poñendo «patas arriba» a universidade, e espero que para ben.

Un de cada catro estudantes cambia de carreira despois do primeiro ano, unha cifra que segundo Senén Barro obedece a moitos factores.

¿Falla información?
Son moitas as variables. Hai cambios que se deben a que un alumno non entra na carreira elixida na primeira opción, entón elixe unha alternativa para retornar despois á primeira opción. Ás veces os mozos teñen preconceptos de certos títulos que se alonxan absolutamente da realidade, moitas veces por aquilo que poden ver nas series de televisión, que axudan moito a crear vocacións -ocorreu cunha serie de veterinarios en Cataluña- pero ás veces reflicten unha realidade sobre a profesión, e sobre o que potencialmente van ser os estudos, que é distorsionada.

¿O modelo europeo mudara isto?
Si, porque o primeiro ano se estrutura en materias básicas por rama, e calquera alumno poderá ir a outra titulación da mesma área e lle terán que recoñecer os créditos, polo que non vai a ser un transvase traumático.

Entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia do 21 setembro de 2008