Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Eu si que pido cartos para luz e auga, non só para investigar"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

"Eu si que pido cartos para luz e auga, non só para investigar"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Iolanda Casal

No despacho de Senén Barro pende un gran lenzo que narra o momento da morte de Abel a mans de Caín. Na historia do financiamento universitario non hai bos e malos, gañadores e vencidos, porque a Xunta é sensible coa situación das universidades e estas, nun contexto de crise, saben que non só lles toca perder a elas, suaviza o reitor da Universidade de Compostela (USC) días despois do discurso inaugural do curso con menos decoro protocolario dos últimos anos. Pero a imaxe do irmán caído antóllase sobre a cabeza de Barro toda unha alegoría do que advirte que lle poderá ocorrer á USC pola marcha atrás da Xunta na idea de ter xa en 2009 un novo plan de financiamento co 1% do PIB para as universidades. "O que para outros pode significar non seguir medrando, para nós pode chegar a ser ir para atrás. Iso é o grave", di convencido o máis crítico dos tres reitores galegos nesta nova batalla económica. Tanta vehemencia explícase en parte por unha débeda do pasado que está por saldar, aínda que tamén polo convencemento de que a USC precisa máis para manter unha posición en investigación e desenvolvemento (I+D), que redunda, salienta, no ben de toda Galicia. Pero pese ás mensaxes por momentos case apocalípticas, Barro aínda albisca unha solución, cando menos parcial.

Touriño acaba de puntualizar que os campus recibirán 15,5 millóns de euros por enriba do plan de financiamento actual. Non soa de todo a falta de vontade en tempos de crise...
Iso demostra atención e sensibilidade coa universidade, é certo, pero ninguén discutiu, tampouco o presidente, que o plan actual non sexa cativo, e que merece ser mellorado en todos os sentidos. Non me queixo de que o Goberno non nos valore nin nos comprenda, e entendo tamén que é un momento difícil e que as universidades non podemos escapar del. Pero teño tamén a obriga de chamar a atención sobre o feito de que se non se inviste de abondo nas universidades estaremos perdendo oportunidades, nun momento no que creo que, máis ca nunca, non podemos perdelas.

Pero é a USC a que máis pide.
Está claro que é unha universidade na que hai que investir máis ca noutras, pero non porque custe máis por ter máis alumnos, máis títulos ou edificios vellos. O realmente diferencial é un compromiso en investigación e transferencia de resultados moi por diante doutras. Somos a sétima do Estado (hai 50 públicas) en produción investigadora, só por detrás das catalás e madrileñas e, segundo os ranquins, das valencianas. Estamos ademais á cabeza na creación de empresas de base tecnolóxica, e todo isto non é algo para lucir, senón que está a contribuír moi significativamente a alimentar un país como o galego, que no seu conxunto está moi por detrás en poder económico e capacidade de investigar e innovar.

¿E iso custa tanto?
Si, non é cuestión de que sexamos un saco sen fondos, de que non saibamos investir ben. Investigar encarece o día a día das universidades. Ou hai financiamento estrutural consolidado e crecente que sustente unha actividade cada vez máis relevante para o noso contorno, ou isto rebenta e vai para abaixo.

Vaia, que como di o autor de La Universidad en cifras, investigar é garantirse a ruína...
Comparto a idea, pero non quero que se entenda o que non é. Ás veces desespérome porque creo que non somos capaces de transmitir que somos de lonxe unha das universidades máis rendibles e eficientes do Estado, pero claro, cando tes cartos para unhas funcións e fas moitas máis... Non me gustaría que se entenda que nos trabucamos e encarecemos a universidade apostando pola I+D. Proba de todo isto son os 60 millóns de euros de recursos externos para I+D captados en 2007. Veñen de fóra, e se contamos os recursos para infraestruturas e equipamentos científicos, rózanse 80 millóns. Iso convértenos na sexta universidade que máis recursos externos capta e nunha das que menos lles custa ao conxunto de España.

¿Canto perde a USC ao quedaren os campus en 2009 sen o ansiado novo plan co 1% do PIB?
A repartición aínda non está feita, pero co plan en vigor, tal e como augurei desde o primeiro momento, todo o que para outras universidades sería para afrontar melloras e crecemento a nós váisenos ir no gasto corrente. Dicía hai uns días o reitor de Vigo que non pide máis cartos para pagar facturas, senón para I+D, pero eu desgraciadamente si que pido cartos para luz e agua, non só para investigación.

Pero en 2010 xa terán novo plan, ¿tan fea pode poñerse a cousa só nun ano?
É que un ano é moito tempo na vida dunha universidade cando estamos nun proceso como nunca antes se deu, como é a adaptación ao espazo europeo de educación superior, e nun contexto cada vez máis esixente en investigación.

¿Que gastos xera a reforma?
Nalgúns casos, de redimensión dos títulos, porque as diplomaturas, de tres anos, pasarán a durar catro, pero non é o principal problema, porque tamén as licenciaturas perderán un. O que encarece o sistema non é harmonizar sen máis a oferta de títulos con Europa, senón como vai mudar o proceso de ensino-aprendizaxe. Haberá unha atención máis individualizada do alumnado, fan falta mellores medios nas aulas e laboratorios, deberanse universalizar as prácticas... Para iso requírense máis recursos.

En toda esta precariade da que fala tamén terá que ver a débeda contraída pola USC na crise que emerxeu en 2003, ¿como vai a amortización?
Dentro do previsto. Empezamos amortizando cantidades moi pequenas, pero desde 2008 estamos en velocidade de cruceiro. Este ano foron case 7 millóns de euros, que desapareceron o 1 de xaneiro dos nosos orzamentos, e en 2009 será algo máis.

¿Hai posibilidades de negociar coa Xunta unha prolongación do apoio á amortización desa débeda que palíe algo a situación?
Creo que as posibilidades son todas, sen que iso sexa falar de favoritismo. Non digo que esta universidade por ter 513 anos teña que ter un status de privilexio ou bula, o que pido é que se mida o que está a facer.

¿Pero está esa posibilidade enriba da mesa?
A USC expúxoa hai tempo e teño que dicir que o Goberno galego non está pechado, ou polo menos non mo transmitiu. Estou convencido de que podemos analizar non expectativas nin privilexios, senón necesidades.

Esa crise de 2003 segue causándolle críticas á USC...
Sei que hai quen di que se chegou a ela porque a USC se xestionou mal no pasado, que gastou por enriba das posibilidades, pero volvo ao mesmo: daquela tiñamos un plan que financiaba só por alumnos (cando máis caeu a matrícula) e non atendía a nosa realidade investigadora.

Sabe tamén que non é raro atopar quen opine que a USC aínda gasta a día de hoxe de máis para o que fai..
Si, é moi habitual, incluso acontece entre a xente que pasou por ela. Licenciei no 85 e se entón fose traballar a unha empresa e non volvese ter contacto intenso coa universidade diría que é un pouco así, pero as cousas mudaron moito. Estes días escoito e leo comentarios na prensa que din cousas como que os profesores universitarios teñen catro meses de vacacións e que só dan 8 horas de clase á semana, pero iso non ten nada que ver coa realidade. Temos xente que, ademais de dar as súas clases, está moi comprometida, ao máximo, coa investigación, con xornadas laborais que en moitos casos están por enriba das 5o horas semanais, e mesmo das 60, xente implicada en proxectos como o do grande acelerador de partículas de Xenebra ou referentes mundiais en medicina legal, por poñer só un par de exemplos. Pero non pedimos que cobren máis, senón que teñan os recursos, que non son tantos, que van facer que o retorno do seu traballo se incremente de xeito notable.

O profesor Castellano furgou na ferida das carreiras repetidas en varios campus, ¿hai solución posible para estes casos?
Xa as estamos a buscar. En Filoloxía, por exemplo, estase facendo un moi bo traballo de reorganización para ter unha oferta máis atractiva para os estudantes e os empregadores. Tamén hai que apuntar que foi esta universidade a que observou como unha parte importante da súa oferta de títulos se ía replicando. Neses casos, na inmensa maioría somos os que seguimos tendo máis alumnos. Curioso, ¿non? En calquera caso, a xente non ten que ver como traumático que unha titulación, como acontece cun produto dunha empresa, sexa renovada.

As empresas tamén pechan, ¿pode pasarlle a unha facultade?
Iso non, sería malgastar recursos docentes, un contrasentido. O que podo dicir é que a oferta docente debe ser reorientada, pero pechar para que os profesores se dediquen a outra cousa, !que despropósito!

A ministra Garmendia advirte que para chegar ao 1,5% do PIB de financiamento universitario fai falta máis implicación da empresa privada, ¿que opina?
Estou de acordo. O sector privado debe ter un maior compromiso coa universidade, máis alá dos contratos que xa temos con moitas empresas. O mecenado é importante e aquí non existe; pero eu non falo só diso, senón tamén dos investimentos privados que agardan un retorno, pero non a curto prazo, e para iso fan falta apostas sostidas no tempo pola investigación, como acontece noutros países.

Non se corre así o risco de perder independencia?
Todo ten puntos intermedios. Non falo de vender a universidade e poñer un restaurante de comida rápida en San Xerome, por facer un símil grotesco. A universidade nin pode vivir allea á sociedade nin ao tecido empresarial e ás necesidades que este lle traslade, nin pode tampouco só investigar á demanda do que as empresas lle piden, iso amputaría a investigación básica. E o mesmo pasa coa formación.

A SEGUNDA BATALLA
“Está claro que a USC é unha universidade na que hai que investir máis ca noutras”, sentencia Barro (As Pontes, 1962). O reitor da USC afronta a súa segunda batalla polo financiamento con esta teima, baseada, salienta, nunha posición privilexiada da USC na I+D española. Desta volta o catedrático de Intelixencia Artificial volve ser o máis belixerante dos tres reitores. É, di, a súa responsabilidade, sen que pareza disposto a moita clemencia  cun equipo da Xunta formado por varios profesores da súa casa. Á hora de rubricar o actual plan, deseñado pola Xunta gobernada polo PP e que legalmente podería chegar ata finais de 2010, Barro foi o único dos reitores galegos que advertiu que nacía coxo, sobre todo para a USC, en plena crise interna. Agora a que zoa en contra é a crise externa, pero ata para iso Barro ten resposta: a mellor medicina en tempos de recesión é apostar pola investigación, pola universidade.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego do 5 de outubro de 2008