Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Co panorama que nos queda, no 2009 imos ter que demorar proxectos sen dúbida algunha"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela

"Co panorama que nos queda, no 2009 imos ter que demorar proxectos sen dúbida algunha"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Elisa Álvarez

Foi o primeiro dos reitores galegos en dar a voz de alarma sobre a situación financeira das universidades, pero engade que en ningún momento se desprezaron as partidas adicionais que anunciou o presidente da Xunta.

¿Que opina das declaracións de Touriño dicindo que xa lle gustaría a moitas consellerías ter eses 11 millóns a maiores (logo ampliados a 15)?
Quero que se entenda que as universidades non estamos desprezando o esforzo do Goberno, nunha situación que somos conscientes que é dura. Pero as expectativas lexítimas dunhas negociacións para ter un novo plan que no 2009 ía elevar a financiamento do SUG, está claro que xa temos que renunciar a elas. Agora xa non falamos diso. Falamos das necesidades para actividades que se están desempeñando, compromisos aos que se está atendendo (como o espazo europeo), e para cumprir iso nunhas condicións de suficiencia son necesarios máis recursos. O que non significa desprezar os que se poidan poñer, aínda que non sexan os que esperabamos nin moito menos. Dise que a USC é unha universidade antiga, pero é unha das máis rendibles do sistema español. Somos a sexta universidade no porcentaxe de captación de recursos externos, é dicir, que non pon nin a Administración nin os alumnos. Isto non é unha institución consume-recursos.

¿Cantos cartos a maiores precisa a USC para garantir no 2009 un nivel óptimo de calidade?

O 1% do PIB non é unha cantidade absolutamente necesaria para que o SUG funcione, non. Era unha referencia para gañar posicións dento do sistema español. Iso si, non se trata de engadir recursos incondicionadamente, senón ligados a obxectivos e indicadores. Pero xa era un obxectivo a anos vista porque a distancia ao 1% é tanta que nin en condicións moi favorables se podía dar ese salto nun ano. Esas eran as expectativas do novo plan, moi superiores ao que vai ser. O que se precisa agora para que a USC o ano que ven non se vexa sometida a novos recortes aínda non o temos precisado porque non manexabamos este escenario. Hai que saber canto van medrar os ingresos non financeiros da Xunta, canto hai que subir os salarios, e ata dentro dunhas semanas non imos poder axustar.

¿Pero máis dos once millóns?

Si.

¿Na situación na que queda a USC no 2009 vai haber que paralizar algún proxecto?
Desde logo, co panorama que nos queda vai haber que demorar proxectos sen dúbida. O novo plan ía permitir a través duna programación plurianual asumir novas inversións que ata agora era absolutamente imposible. Hai inversións en novos centros como o campus de Ciencias da Saúde, que só podemos facer con fondos propios, e na medida en que non cheguen para ir facendo unha planificación plurianual que sustente estas necesidades, por suposto que se resinte.

¿Hai que dedicar fondos doutros capítulos ao funcionamento da universidade?
Xa se está facendo. Eu xa dixen que o actual plan no é bo para a USC. Se alguén me di que todo o que se fai salvo a docencia sobra, entón digo, vale non o sabía, entón me chega. Pero entendo que se me pide máis.

Entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia do 5 de outubro de 2008