Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A sociedade debe saber que investir na USC ten un retorno importante"

Juan Casares Long, reitor da USC

"A sociedade debe saber que investir na USC ten un retorno importante"

Sabe que para el, as cousas nunca volverán ser igual na Universidade. O mesmo venres tivo que «resolver un asunto da miña vida anterior» como catedrático de Enxeñería Química e para onte tiña previstas alomenos tres reunións. Porén, aínda que lle parece que estes días teñen poucas horas, Juan Casares Long está desfrutando da nova etapa que se abre na súa vida. E aínda que non tivo tempo de comezar a xestionar os temas importantes que afectan á institución académica compostelá -agás o plan de financiamento- si que ten claras as bases do goberno da USC durante os próximos catro anos.

No discurso de toma de posesión aludiu á necesidade de que para que as universidades galegas estean ao mesmo nivel que as europeas hai que investir os mesmos recursos. ¿Será posible?
Non, eu sei que non. Pero unha cousa é que eu saiba que non é posible e outra que temos que transmitir á sociedade que queremos de verdade estar aí dun xeito sostible, non fugaz, porque nun momento podemos ter un pico e ao ano seguinte xa nada. Iso pode ocorrer, pero non sei se é bo, porque xeras unhas expectativas que logo non cumpren. Eu o que dixen era que a sociedade ten que ser consciente de que se noutros sitios, onde as cousas van ben, levan anos e anos facendo un esforzo é porque ten un retorno. A sociedade ten que se facer consciente diso.

¿E farase?
Xa dixen tamén que non era o tempo nin o lugar de facer reivindicacións, pero tiña que dicilo porque había moita xente da sociedade e probablemente non teña tantas oportunidades de atoparme de novo con tanta xente. A mensaxe tiña que ser clara: A Universidade está aquí, está tentando facelo o mellor posible, está facendo un esforzo. Pero ese esforzo ten que manterse no tempo, e se o fan os outros é porque ten un retorno importante para a sociedade, que non é inmediato, pero que paga a pena.

O presidente da Xunta dixo na toma de posesión do reitor de Vigo que as universidades terán que aprender a facer máis con menos. ¿Está disposto?
Teño que entender cada cousa no seu contexto. Non estaba na toma de posesión e non sei o que dixo nese contexto. Eu creo que o presidente da Xunta estaba de acordo comigo en que temos que traballar xuntos e que o proxecto ten que ser un proxecto común. Eu engadín unha cousa máis, que é que de xustiza é tratar a todos por igual pero hai que darlle a cada un o que é do seu merecemento e segundo as súas necesidades. Esas teñen que ser as bases. Penso que el estaba de de acordo en que tiñamos que traballar todos xuntos, e que traballar xuntos quere dicir que estamos traballando co mesmo obxectivo.

¿Xa hai data para a primeira reunión para negociar o novo plan de financiamento?
Non, non temos. Pensamos que será quizais non a próxima semana, pero a principios da seguinte será o máis posible. Quizais menos de dúas semanas, entre dez e doce días.

Xa instalado en San Xerome, ¿cales son os temas nos que o seu equipo de goberno está xa a traballar?
Dentro dunha ou dúas semanas estaremos traballando nos temas importantes. Estamos preparándonos, como non, as reunións da negociación do plan de financiamento, porque aínda non estivemos en ningunha. Esta semana non tivemos reunión e a vicerreitora de Economía esta traballando cos números, naturalmente. Tamén tocamos asuntos como a investigación, recursos humanos e xerencia, así como temas de organización interna no reitorado. Por exemplo, cambiaron moi pouquiños postos no que se refire ás secretarías das vicerreitorías, conservamos a gran maioría das persoas.

A actualidade universitaria estivo marcada polo anuncio de disolución da plataforma docente de Senén Barro.
Cando o lin tiven unha mestura de sentimentos, porque foi un proxecto que se iniciou hai case trinta anos e que ilusionou a moitísima xente nos anos 80. Hai que velo como algo que no seu momento foi dinamizador da vida universitaria. Cando as cousas, segundo eles din, mudaron neste momento, teño ese sentimento de que si que contribuíron no seu momento e que despois, como case todos os proxectos humanos, reformúlanse ou toman outros rumbos.

Houbo declaracións no sentido de que o novo reitor e o seu equipo funcionan de facto como unha plataforma.
Non funciona como unha plataforma. Eu vexo que a comunidade universitaria nos encomendou unha tarefa: liderar o goberno da USC nos próximos catro anos, e nós imos traballar para todos. Imos cambiar a forma de facer as cousas, porque entendemos que é importante. Somos un grupo de xente que se sinte preto dunha proposta de goberno, pero nada máis.

Entre os cambios está a estrutura de goberno.
Fixemos unha redución pero entendemos que non se pode facer unha redución enorme, porque hai que gobernar moitas cousas na Universidade. O que si que estou a facer é reducir as persoas de libre designación. Estou tratando de reducilos á metade de partida, pero aínda queda algún por cesar e nomear e en todo caso quedarán reducidos significativamente. Penso que será posible chegar a esa metade.

Na campaña, Casares Long foi un dos máis críticos coa oferta de másteres da USC.
Non critiquei. Deixei moi claro que o Goberno central nos demandou un esforzo fóra de tempo e fóra de lugar. Fíxonos facer a oferta de posgrao primeiro e logo o grado. Era facer a casa polo tellado e polo tanto agora teremos que adaptar o que fixemos cos másteres e as licenciaturas aos graos. Como estaba feito noutro entorno, agora mesmo o que temos que facer é aproximar, utilizar esa oferta e posiblemente modificala, cambiar os contidos, para adaptala ao grao, que é o obxectivo a longo prazo.

E o máis polémico dos másteres é o de profesorado. ¿Haberá máis prazas?
Algo está cambiando. O número de prazas non é igual para o próximo curso e o máis importante é a redistribución dentro dos distintos itinerarios. É o primeiro paso para reconducir unha situación que deu lugar a moita polémica, porque podes facer un itinerario de seis e outro de 34. Os de seis están contentos porque saben que non vai haber máis e cos 34 aproximas máis a demanda.

Se ese é o primeiro paso, ¿cales serán os seguintes?
Os seguintes pasos, como todo, é ver como evolucionan as cousas. Temos que ver se a demanda se axusta de verdade ás necesidades de renovación nos centros de ensino secundario. Probablemente non haberá máis que as renovacións dos xubilados. Non penso que vaiamos medrar moito en prazas porque demograficamente tampouco estamos medrando e economicamente estamos peor.

Terá que lidar con 50 prazas máis en Medicina

Penso, e sempre o dixen, que non hai razóns obxectivas para incrementar o número de prazas de Medicina. Dígoo con toda a sinceridade e con todo o respecto pola decisión, que foi unánime, do Parlamento. Penso que non tiñan a información suficiente e tomaron unha decisión que non se corresponde coas necesidades reais. Probablemente teñamos algún déficit nalgunha das especialidades e hai que buscar fórmulas para solucionalo, pero non aumentado prazas. Que a Facultade de Medicina de Santiago sexa a que máis alumnos ten en España, pois sorprende un pouco.

Volvendo ao discurso de toma de posesión, tamén quere dar un novo pulo a áreas de coñecemento que semellan un pouco esquecidas. ¿Como vai facelo?
Iso faise practicando. Incluso o que fixen o xoves en Braga, o centro de estudos eurorrexionais, foi nese ámbito, porque se leva dende a Facultade de Historia. Temos presentado un proxecto de colaboración entre as tres universidades galegas e as tres do norte de Portugal. É un proxecto que trata de aproximar as universidades a través da formación ao ámbito empresarial e xa tivemos tamén unha reunión coa asociación de empresarios de Portugal e co reitor da Universidade de Braga. A formación é esa achega que temos que facer, a formación ao longo da vida. E na USC temos moitos mecanismos para traballar aí, pero este centro é un mecanismo novo e integrador. Sería un xeito de impulsar un ámbito da nosa Universidade que está a facer un esforzo importante. Iso hai que practicalo. Hai que falar menos e apoiar máis este tipo de iniciativas.

¿Sobre o proxecto de Campus Vida haberá algún cambio?
Agora mesmo o que temos que facer é rematar de construír os edificios. A mensaxe é a de sempre, porque o teño moi claro. As mellores instalacións non podemos telas paradas nin un día dende que estean rematadas. Teñen que empezar a producir dende o primeiro día, producir ciencia e saber. Eu o que quero é que comecen a traballar canto antes os investigadores e profesores que tiveron o currículo e a sorte de encaixar nas áreas que se elixiron para eles para levar adiante esa iniciativa. O que quero é ver Campus Vida producindo.

Tamén aludiu nalgunha ocasión a que é posible que os prazos de execución das infraestruturas se retrasen. ¿Será así?
Imos ver. Non vai ser posible, pero iso xa o sabiamos todos, comezar as obras da Facultade de Medicina no ano 2010, e alí puxemos 2010. Todos sabiamos que os terreos aínda están ocupados e que o Concello está a traballar niso e cónstame que o están a facer, pero os prazos son os prazos. Teremos que argumentalo e xustificalo, e penso que é moi doado. Esa era a nosa ilusión pero a realidade é que se están a dar todos estes pasos e que este ano seguro que non comezamos as obras. Tamén había a intención, pero aínda non está resolto, co Citius (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información). Temos xa os terreos, os cartos e o proxecto, pero está a avaliarse ese proxecto. A idea orixinal era que as obras comezaran no mes de marzo pasado e está claro que alí seguen as árbores porque o proxecto aínda non está rematado.

E sobre a Facultade de Medicina, que non pode comezar porque aínda non se expropiaron os terreos de San Ignacio de Loyola, ¿barallan xa algunha outra data de inicio das obras?
É un tema sobre o que tiven unha primeira conversa co alcalde de Santiago e agora o que estamos intentando é aquilatar as datas. O primeiro que lle quero ofrecer á comunidade universitaria son unhas datas realistas e sobre todo aos membros da comunidade universitaria que pertencen á Facultade de Medicina. Se me dis o ano 2011, pois se todo fora ben, se acadaramos algúns cartos, o que si faría sería comezar as obras, porque cando comezas unha cousa ao final pos todos os esforzos en rematalo.

Esta entrevista foi publicada no xornal "La Voz de Galicia" do día 4 de xullo de 2010