Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Debemos chegar canto antes ao 1% do PIB para universidades, e espero que figure no plan de financiamento"

Juan Casares Long, reitor da USC

"Debemos chegar canto antes ao 1% do PIB para universidades, e espero que figure no plan de financiamento"

Juan Casares Long
Juan Casares Long
  • E. Rodríguez

Tomou posesión o pasado 25 de xuño e está a lidiar nestes primeiros meses como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa negociación para fixar o novo plan de financiamento do sistema galego. Augura un ano "duro" polas restricións económicas, pero valora "na súa medida" que a Xunta mantivera o seu compromiso de non facer das universidades "as vítimas da crise" nas contas para 2011.

O financiamento por resultados xa está avanzado, pero queda por debatir como se repartirá o 90% que é a parte fixa. Que pide a USC?

 Nós entendemos que non pode variar moito dun ano para outro e que a proporción ten que manterse. O que estamos a debatir é como se reparten as partidas que antes non se incluían. O número de alumnos dá unha idea, pero tampouco pode ser decisivo.

As tres universidades repartiranse 390 millóns da Xunta. Malia a blindaxe, prevé un ano duro...
Vai ser un ano complicado para todos, pero tamén é certo que a mensaxe de que o custe da universidade non é un gasto senón un investimento tívose en conta. Con todo, e aínda que este non sexa o momento, o orzamento para as universidades segue a ser, desde o noso punto de vista, menos que escaso. Insisto en que debemos chegar canto antes ao 1% do PIB.

Esa era unha meta que se eliminou do borrador do plan de financiamento 2011-2015
Teño a esperanza de que volva ao documento final, porque é moi importante. Xa non estou a falar de igualar o investimento á media da UE [1,5%], nin tan sequera de que teñamos que ir á media nacional, estou falando do 1% [a media actual en Galicia é do 0,7%]. Estamos nun momento de crise, pero non hai que esquecer que existe unha relación causa-efecto nestes casos: non se pode usar o tópico de que ‘nos movemos cara a sociedade do coñecemento’ e non apostar nunca pola educación. Estamos competindo en Europa en igualdade de esixencias pero non estamos en igualdade de condicións.

A que deberá renunciar a USC?
Teremos que ser extremadamente coidadosos no capítulo sexto, o de investimentos, e tamén conter o gasto de personal e corrente.

Parécenlle axeitados os indicadores para o financiamento por resultados?
Si, aínda que non todos benefician a esta universidade. O reparto por resultados implica traballar para mellorar.

O reitor de Vigo di que se se premia a investigación, eles gañan...
As últimas enquisas din que, claramente, é a USC a que está a marcar o ritmo en investigación. Polo tanto, se ao reitor de Vigo lle parece que premiar a investigación é importante, axúdanos moito.

Na negociación, estanse a pechar as rivalidades históricas?
Penso que si. Non estiven noutras negociacións, pero na actual o clima é respectuoso, co mínimo de agresividade, como cabe esperar dos reitores das universidades. Aínda que ás veces disentimos, estamos a vivir unha fase de respecto cara os demais.

O feito de non ter logrado ascender na excelencia internacional, pode ser un hándicap na negociación?
Non, ningún, e a mostra diso é que non íamos pedindo cartos. Entre as razóns de que non nolo deran, penso que quizais a comisión valorou que era demasiado prematuro volver presentarse. Eramos 22 proxectos e os outros 21 presentábanse desde cero.

Está previsto abordar un cambio no mapa de titulacións?
Hai que deixar pasar un tempo para ver como se desenvolven os novos títulos de grao. Agora non é o momento.

Corren perigo titulacións con menos de catro alumnos?
Como universidades públicas, temos que contemplar o beneficio social, e analizar casos nos que se poñen moitos recursos públicos, hai un baixo interese dos alumnos e o custe de profesores e equipamento é importante. Pero tampouco se pode decidir eliminar porque haxa poucos alumnos, porque quizais se están xerando os únicos titulados nese ámbito. Haberá que analizalo todo e se a demanda é moi, moi baixa, tomar as medidas oportunas.

Como evoluciona a matrícula?
Este ano tivemos un aumento importante, nalgunhas carreiras de xeito espectacular, como Filosofía, Filoloxía Inglesa ou Matemáticas. Neste caso, por exemplo, deu froito o esforzo de divulgación que fixeron os profesores da facultade. Oxalá continúe esta liña.

Avalian as dobres titulacións?
É un tema obxecto de discusión. Estase analizando pero non é sinxelo nin doado.

Como pensan atallar a débeda histórica da universidade?
Estamos traballando niso, porque é unha débeda importante. De non medrar os orzamentos que temos, hai que buscar fórmulas.

O acordo asinado en marzo entre os tres reitores e a Xunta sobre Medicina quedou no aire...
Estamos traballando nelo, mesmo a ter reunións. Aquel acordo de bases non foi aceptado pola comunidade universitaria de Santiago e, desde entón, a USC e o Sergas estamos na búsqueda de garantir a mellor formación para os alumnos de Medicina, que redundará no beneficio da saúde de todos. O que pasou no verán foi unha chamada deste reitor para lembrar que as cousas importantes requiren reflexión e consenso.

Teme que a Universidade de A Coruña (UDC) volva avivar o debate e a reclamar unha facultade?
Penso, e o sentido común está a dicir, que nun momento coma este non cabe pensar máis que en axudar á USC a facer as cousas o mellor posible no ámbito da formación e da docencia en Medicina. Eu non son outros, pero a min paréceme imposible e que non ten sentido plantealo, por razóns obxectivas.

Que balance fai dos seus primeiros meses á fronte da Universidade de Santiago de Compostela?
Hai recompensas agradables e tamén hai que sacar adiante situacións complexas. O balance, caseque catro meses despois, é un balance moi positivo. Supón moitísimo traballo, sete días á semana, pero ser reitor da USC é unha honra que non ten prezo.

Esta entrevista foi publicada nos xornales "El Progreso e Diario de Pontevedra" do día 24 de outubro de 2010