Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Se se medisen necesidades e méritos, Santiago tería máis fondos"

Juan Casares Long, reitor da USC

"Se se medisen necesidades e méritos, Santiago tería máis fondos"

Juan Casares Long
Juan Casares Long
  • Elisa Álvarez

O reitor compostelán admite que o financiamento das universidades non é o desexado, e augura aínda longas negociacións para concretar o plan económico

A situación económica afecta tamén ás universidades. Tiveron que negociar un plan de financiamento nun mal contexto, e as tres consideran que deberían recibir máis do que lles correspondeu.

¿Este é o plan que quería Santiago?
Non. Está claro que o que quería a USC era un no que puidera desenvolver máis actividades de investigación; facer fronte aos compromisos da implantación real de Bolonia; arranxar as cousas que o precisan e facer as novas que foran necesarias. Pero é o plan que nos tocou en sorte nuns tempos moi difíciles, onde os recursos públicos son escasos, e con elo hai que traballar.

¿Cedeu moito Santiago?
Gustaríame que o financiamento se medira polas súas necesidades e merecementos. E coido que se se medise así, no primeiro caso con tódolos controis necesarios, e no segundo con todos os indicadores que se queiran establecer, a USC destacaría claramente no reparto dos recursos, tería máis fondos.

¿Máis de como quedou?
Penso sinceramente que si. Tamén entendo que se decidiran utilizar no 2011 criterios históricos para o reparto dos orzamentos, e mesmo non todos. Nós defendemos nos debates, nos que o certo é que sempre reinou o respecto, que houbese indicadores vinculados a obxectivos para todo. Non nos parecen mal, e tamén utilizar datos históricos, porque moitos se basean en indicadores. Non fomos nós os que reducimos o número de 60 a 20 parámetros para avaliar na parte de resultados. Non somos tres institucións iguais, unhas teñen máis anos, ou máis titulacións, ou máis alumnos, polo que as necesidades non son iguais. Para que o reparto fose igual as realidades tiñan que ser as mesmas. A USC entende que somos distintas e os recursos teñen que contemplarse en base a iso.

Vigo, e sobre todo A Coruña, critican o reparto en base a criterios históricos, dando a entender que en base á eficiencia a USC quedaría atrás.
Os datos históricos non xurdiron por maxia, senón que estamos falando do último plan de financiamento que fixou uns criterios en base a unhas xustificacións. Nós estamos encantados con que se fixen obxectivos de todos os tipos, porque a USC pode dar resposta.

Ata xullo vanse negociar os recursos vinculados a obxectivos dun fondo de máis de 300 millóns de euros anuais. ¿Aínda hai tela que cortar ata concretalo todo?
Estamos falando dun 5% dun fondo de moitos millóns, que chegará a un 20% no 2015, polo que hai que ter en conta investigación, docencia e parte estrutural. Non é o mesmo unha clase práctica de ciencias da saúde que de ciencias experimentais, e nós temos moitas titulacións de saúde. Estamos a falar de moitos cartos, polo que non é unha reunión dun par de horas. Van ser temas realmente difíciles.

O 15 de febreiro é a data límite para que as tres universidades entreguen un plan de sustentabilidade co que deben acadar un equilibrio financeiro. Trátase dun documento que afecta especialmente á de Santiago, xa que tivo que recorrer á débeda nos últimos orzamentos.

¿Qué medidas terá que adoptar?
Nós tiñamos o documento xa preparado para a primeira data límite que se deu, en novembro, e uns días antes dixéronnos que se retrasaba ata febreiro. Agora faremos melloras. O menos doado de corrixir vai a ser a débeda, porque temos uns préstamos contratados cos bancos, cunhas obrigas tanto de xuros como de amortización de capital. E nos anticipos reintegrables temos unhas datas que nin bancos nin ministerio están dispostos a modificar.

Falouse de renegociar a débeda.
Vai ser moi complicado, porque agora subiron moito os intereses.

Se non se pode renegociar, as medidas a tomar aínda serán máis drásticas.
Pois si, haberá que agudizar o enxeño.

As universidades teñen uns recursos moi condicionados. ¿Onde se poderá agudizar?
En todo. Levamos semanas traballando niso. A nivel de persoal xa temos un tope do Goberno de renovar ao ano un máximo do 10% das vacantes.

A nivel de persoal non vai ser unha época de expansión.
Claramente non. A nivel de persoal vai ser unha época de contención absoluta. Primeiro porque a lei non o permite, e segundo porque é un dos ámbitos onde podemos aforrar. O que non podemos deixar é un área sen cubrir a carga docente. A contención do gasto vai ser xeral.

¿E en infraestruturas?
O Campus Vida xa tiña cartos comprometidos cando chegamos ao goberno da universidade en tres dos seus edificios. O que estaba previsto imos continualo. ¿E que vai pasar no futuro? É moi difícil facer unha prospectiva, non sabemos se a situación económica vai mellorar substancialmente no 2012, e xa non conto no 2011.

¿E do que non está comprometido?
Fixamos unha prioridade e decidimos que imos investir fundamentalmente en seguridade e en prevención de riscos.

¿E novos proxectos?
Faremos o que poidamos, pero dende logo o 2011 vai ser un ano no que teremos que ser moi coidadosos cos cartos, porque haberá pouco diñeiro libre.

O Goberno de Touriño fixou como un dos seus propósitos que o financiamento da universidade alcanzase o 1% do PIB. Cinco anos despois aínda segue a ser un obxectivo sen acadar.
 

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, falou de chegar ao 1,01% do PIB no 2015. ¿É un compromiso recollido expresamente?
Está recollido nun anexo do documento.

¿Pero é un compromiso asumido?
É unha perspectiva, un compromiso ao que se aspira. Tamén hai uns meses estabamos no 0,74% e pasamos ao 0,91% do PIB. ¿Que pasou? Pois que penso que se calculan de xeito diferente.

No 2005 xa se falaba de chegar ao 1%, ¿fixalo agora para o 2015 non é un obxectivo curto?
Todo é relativo. ¿Asumimos que o ensino superior nunca estivo considerado axeitadamente nos orzamentos públicos? ¿Asumimos que a participación do sector privado é moito máis baixa do que debería? En Estados Unidos hai universidades públicas onde máis do 50% do financiamento é do sector privado.

¿As galegas teñen que poñerse entón as pilas?
Temos que cambiar completamente o modelo. En EE.?UU. tamén hai moitas bolsas para universitarios pero tarifas de matrícula moi altas, teñen un gran apoio de mecenazgo, fundamentalmente por parte dos seus egresados. Isto fai que teñan unha capacidade de manexar xuros de capitais moi importante. Nós temos que atopar unha solución, porque se os fondos públicos son menos ou non medran na medida do necesario, ¿canto tempo imos estar con capacidade de competir con universidades con cinco ou dez veces máis recursos?

¿Quere dicir que este plan lle vai restar competitividade ás universidades?
O plan por si mesmo non, pero está claro que coa que está a caer no país, a ver quen pode falar de medrar. Temos que ser realistas e ter un control do gasto moi estrito.

A USC sempre destacou polos servizos, ¿poderán manterse?
De feito é un parámetro que me gustaría que tivera moito máis peso no financiamento. A xente ven estudar e investigar, pero temos que aportarlle solucións de aloxamento e lecer. Todo iso é importante e imos seguir dando eses servizos.