Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O reto máis importante para as universidades no contexto internacional é tratar con gobernos que reducen o financiamento sen facilitar unha maior liberdade para xerar ingresos alternativos”

Maurits van Rooijen, presidente do Grupo Compostela de Universidades e director executivo da Nyenrode Business Universiteit (Países Baixos)

"O reto máis importante para as universidades no contexto internacional é tratar con gobernos que reducen o financiamento sen facilitar unha maior liberdade para xerar ingresos alternativos”

Maurits van Rooijen
Maurits van Rooijen
  • Noelia Martínez

Doutorado na Universiteit Utrecht cunha tese sobre ecourbanismo, van Rooijen ocupou diversos cargos en universidades de todo o mundo, incluíndo Leiden University, Erasmus University Rotterdam e Victoria University en Melbourne. Na actualidade, ostenta varias posicións administrativas de carácter internacional como co-presidente da World Associaton for Cooperative Education (WACE) e vicepresidente da European Access Network (EAN). Tamén é presidente da xunta directiva da Euro-Mediterranian University, en Eslovenia, unha iniciativa do Parlamento Europeo.

 

Foi elixido presidente do Grupo Compostela de Universidades no 2007. Esta asociación sen ánimo de lucro naceu no ano 1995 en Santiago de Compostela. É unha das redes universitarias máis amplas do mundo, abranguendo unhas 70 institucións, máis de 200.000 membros de persoal administrativo e ao redor de un millón de estudantes.

 

Nos últimos anos o número de redes universitarias creceu rapidamente. Que importancia cre que terán no futuro?

Con entre trinta e corenta mil no mundo, como podes asegurar que se a túa universidade non é Harvard ou Cambridge, non quede marxinada? Involucrarse en alianzas é crucial para case todas as institucións de educación superior, especialmente se buscan algunha presenza internacional, ademais de local e rexional. Tamén é importante dende o punto de vista da calidade: porque implica unha preocupación por que a educación e a investigación sexan internacionalmente relevantes e apreciadas. Os acordos bilaterais internacionais son esenciais mais as redes supoñen unha ferramenta efectiva para acadar o obxectivo estratéxico da internacionalización, non só para as universidades como un conxunto, senón que tamén para o seu persoal e estudantes. A educación superior pode operar con normalidade en sistemas nacionais ou rexionais, pero é –e non debería ser- inmune ao proceso da globalización, así que un podería esperar que no futuro o traballo dos consorcios de universidades e grupos gañará importancia.

 

E o Grupo Compostela?

O Grupo Compostela é bastante diferente doutras redes universitarias, principalmente polo seu carácter amplo e inclusivo. Outras asociacións queren ser pequenas e exclusivas e o gran valor da membresía destes clubs é pertencer a eles. O Grupo Compostela ten outra filosofía. É moi amplo, con máis de 70 membros e, polo tanto, moito máis visible. Tamén destaca a súa diversidade, o que implica que as universidades poden traballar xuntas en subgrupos, ás veces institucións que comparten uns mesmos valores, pero con diferentes formas de levar as iniciativas á práctica. O Grupo ve a diversidade como un punto forte na educación superior, no canto de buscar promover os intereses dun determinado tipo de universidade.  De feito, traballamos tamén con organizacións aliadas que non son universidades incluíndoas como membros asociados, o que enriquece a rede en xeral. Algúns dos nosos membros tamén forman parte de redes exclusivas, tomando vantaxe da nosa membresía e da destes grupos. Xuntar forzas nunha rede tan ampla e diversa como a do Grupo Compostela ten moito sentido no moderno mundo globalizado.

 

Na actualidade, cales son as prioridades do CGU?

Asegurámonos de ser colectivamente visibles, por exemplo a través do Premio Compostela, de publicacións ou mantendo unha presenza en Bruxelas, a nosa última iniciativa. Isto tradúcese en beneficios tanxibles, por exemplo talleres en Bruxelas sobre oportunidades de financiamento da Unión Europea e dirección de proxectos; programas trasatlánticos de mobilidade para persoal non académico; seminarios que permiten ás universidades intercambiar experiencias, ideas e boas prácticas. Pero tamén, incluso máis particularmente, descontos nas actividades das nosas institucións afiliadas e asociadas, como conferencias da European Access Network, World Association for Co-operative Education, colocación de estudantes en CHE Consult (Alemaña) ou descontos para servizos de Going Global, entre outros.

 

Estes beneficios tanxibles terán maior desenvolvemento nos vindeiros anos, a través de ofertas entre os membros a persoal e estudantes doutras universidades socias a cambio de promoción de programas específicos, por exemplo, cursos de verán, conferencias, prácticas profesionais, dentro do conxunto do Grupo.

 

O tema principal da última Asemblea Xeral do Grupo foi ‘Máis impacto con menos diñeiro’. Como definiría a situación hoxe en día?

No actual contexto económico as universidades teñen que conseguir máis con menos recursos e iso aplícase tamén ao Grupo Compostela. A nosa tarifa de membresía é moi baixa, probablemente a máis baixa de todos as redes universitarias, mais este non é o momento para pedir máis financiamento. Así que tivemos que recortar o noso propio persoal e polo tanto establecer unhas prioridades claras (por exemplo, agora nos centramos moito máis na comunicación, un asunto crucial cando se ten a vista posta en chegar a máis de 200.000 membros de persoal!), co obxectivo de outorgar un moito máis concreto “valor do diñeiro” para os socios sendo “intelixentes”, o que, por exemplo, significa alianzas de negociación e descontos con terceiras partes usando o amplo tamaño do Grupo no noso beneficio. Cando hai menos diñeiro, faise necesario ser creativos. Para as universidades de hoxe en dia aplícase o mesmo: ou pasan a ser máis creativas, efectivas, emprendedoras e converten o problema nunha oportunidade ou arriscan limitándose á queixa.

 

Cales son as mellores formas de lidar coa crise económica no ámbito da educación superior?

Cando as universidades afrontan os recortes de financiamento, optarán nun principio polo recorte de custos, pero isto no longo prazo non funciona. Especialmente aqueles que cren que os cortes de financiamento non son temporais – e eu son un deles- buscarán a focalización en actividades xeradoras de ingresos. Eu son o reitor dunha universidade que consigue 0% de financiamento do goberno, 5% dos estudantes e 95% directa ou indirectamente de patróns e exalumnos. Diversificar as fontes de ingreso sen comprometer os valores académicos ou estándares xa non é unha prioridade principal, como discutimos na última asemblea. O reto máis importante agora é que hai unha grande cantidade de universidades que teñen que lidar con gobernos que reducen o financiamento, aínda que non se facilita unha maior liberdade para xerar ingresos alternativos. As regras e regulacións e outras formas de interferencia que deberían ser amplamente reducidas cando o financiamento diminúe, en moitos casos vólvense incluso peores. Isto matará á educación superior de calidade, de xeito que o Grupo necesitará non só atopar unha forma de comunicarse cos seus membros, senón tamén coas autoridades que outorgan este financiamento e que se atopan nunha encrucillada: ou protexen os orzamentos (case imposible nunha época de austeridade fiscal) ou dan un paso atrás nas regulacións (un acto de confianza que require unha grande coraxe política).

 

O próximo Consello Xeral do Grupo celebrarase na Universidade de Minho os días 8, 9 e 10 de setembro. Cal será o tema principal? Por que?

O tema será a calidade. Todos buscamos proporcionar a máxima calidade, pero que significa isto na práctica? Como podemos asegurar que exista unha cultura a través das universidades que se dedique a fomentar a calidade, sempre co punto de mira en facer as cousas mellor e, ademais, un sistema que poida obter melloras de calidade ano a ano de forma evidente en lugar de só boas intencións?

 

Tamén nos interesa como actuar despois para evitar caer na trampa na que moitos sistemas nacionais caeron: un garante de calidade que resultou en excesiva burocracia, xogos de poder e tendencia a evitar o risco e a innovación.

 

Durante a Asemblea Xeral do Grupo faise entrega do Grupo Compostela-Xunta de Galicia. O ano pasado, Mohamed ElBaradei, estas semanas de actualidade por ser o representante da oposición ao goberno de Mubarak en Exipto, recibiu o galardón. Que calidades pretende premiar o CGU?

O premio celebra a existencia de persoas ou organizacións que efectuaron un impacto real en “ Europa”  - pode ser en termos de cultura, artes, política, ciencia, etc. Mohamed ElBaradei foi elixido porque queríamos vincular o premio á política da Unión Europea ao respecto do compromiso coa área mediterránea. Os eventos recentes demostran a importancia e urxencia desta política. Tamén o Grupo Compostela valora a importancia deste compromiso, levándoo a práctica como membro fundador da Euro-Mediterranean University e os seus máis de 150 fundadores da rede na zona. Obviamente, trátase dunha organización moi diferente ao Grupo Compostela mais a nosa afiliación mutua permítenos manter fortes conexións na área. Tamén os nosos traballos financiados póla EU en Marrocos e Túnez amosan o noso compromiso coa rexión.

 

Están obtendo os resultados esperados co Premio?

O principal propósito do Premio é poñer o foco de luz sobre unha persoa ou organización destacable e, como resultado, por suposto, contribuír a que Galicia, Santiago e o Grupo Compostela estean de actualidade. A efectividade disto depende amplamente na visibilidade ou importancia do galardoado e isto, á súa vez, en grande medida dos nosos membros como encargados das propostas. O xurado selecciona entre os candidatos elixidos polos membros e outras organizacións. Canto máis fortes sexan os candidatos, máis visible será o evento.

 

Ao mesmo tempo este Premio amosa o forte conexión entre a Xunta e o Grupo. Outro exemplo é que a Fundación Galicia Europa accedeu a poñer á nosa disposición as súas oficinas en Bruxelas, o que nos permite manter a un representante do Grupo na capital belga. Isto será outro beneficio substancial para os membros do Grupo.

 

A promoción da mobilidade entre universidade é un dos obxectivos principais do Grupo. Que plans teñen para impulsar o programa STELLA?

O programa STELLA de mobilidade é unha das actividades con máis éxito da nosa rede. Acostumaba estar centrado en Europa mais, coa recente integración desta iniciativa nos programas de bolsas Erasmus, STELLA pasou a un nivel máis ambicioso, ofertando mobilidades trasatlánticas; é dicir, cara e dende América.

 

É un bo exemplo de como as actividades do Grupo continúan a estar por diante dos programas habituais. Cando comezamos, a mediados dos noventa, as oportunidades de mobilidade eran aínda escasas dentro de Europa e obviamente, inspirados polo Camiño de Santiago, consideramos isto como unha actividade chave. Continuamos a innovar e desenvolver novas ideas para mobilidades.

 

Van desenvolver algún programa de mobilidade destinado aos estudantes?

Polo momento, o noso foco de atención céntrase nos máis de 200.000 membros de persoal nas nosas institucións socias e menos, por tanto, nos estudantes. De calquera xeito, co tempo gustaríanos comprometernos moito máis con eles. Unha forma relativamente sinxela de facelo é ofrecerlles oportunidades para cursar programas de verán noutras universidades do Grupo con tarifas fortemente reducidas; por exemplo, cursos de administración de empresas en Alemaña, de castelán en España, cultura británica en Londres, etc. Iso é o que nos gustaría desenvolver: pedirlles a eses cursos que engadan a cuncha que representa ao Grupo Compostela como sinal de benvida e indicador de que os estudantes doutras institucións da rede contarán con significativos descontos.

 

O Grupo Compostela foi creado en Santiago co obxectivo de preservar a herdanza cultural xurdida ao longo do Camiño. Non obstante, hoxe en dia moitas da universidades socias non forman parte desta área.

O Grupo  sempre se centrou no espírito do Camiño, no canto de interpretacións máis limitadas como a dos camiños físicos ou a da connotación relixiosa. A idea é que as universidades son as estacións modernas do Camiño de Santiago, facilitando o fluxo de ideas, cultura, valores e compartindo o concepto de hospitalidade académica. Ademais, está a filosofía de ir “percorrendo os camiños xuntos” como  unha metáfora sobre compartir coñecemento e incluso como fonte para elevar o nivel da educación superior. No mundo actual estes camiños se prolongan máis aló de Europa.

 

Sendo unha rede con proxección internacional, que relación mantén o Grupo coa cidade?

En termos emocionais, Santiago é onde está o corazón do Grupo. Cando volvemos, cada poucos anos, a Galicia, e especialmente á capital, é regresar á casa. Temos un grande compromiso mutuo: o Grupo quere ser útil ó seu fogar incrementando a súa  visibilidade internacional ao tempo aprecia o apoio que ten dende a súa fundación por parte da Xunta, da cidade e da Universidade.

 

En termos físicos, Santiago é ademais o lugar onde temos a nosa Secretaría.

 

Cales considera que deben ser os obxectivos a medio e longo prazo para a educación universitaria?

Sintetizando, os máis importantes penso que son: unha maior adaptación ao proceso de globalización que afecta á educación, o incremento da colaboración entre universidades e destas con outras institucións, unha mellor interacción entre teoría e práctica para fomentar o emprego, a busca de novos talentos máis aló dos obvios, ampliar a importancia da universidade na vida da persoa, a profesionalización da xestión das institucións educativas, a diversificación e especialización das universidades e unha maior selección e retención de estudantes baseada no mérito.

 

A mensaxe é que as cousas necesitan cambiar na educación superior e que é mellor para as universidades tomar a iniciativa en lugar de reaccionar a instrucións e que o máis efectivo camiño para desenvolver o sector é o intercambio de ideas e mellor práctica dentro do amplo grupo internacional e colaborar dentro da riqueza de diversidade internacional. A actividade do Grupo Compostela non pode casar mellor con estes obxectivos.