Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Movémonos no fío da navalla na nosa capacidade para funcionar"

Juan Casares Long

"Movémonos no fío da navalla na nosa capacidade para funcionar"

Juan Casares Long
Juan Casares Long
  • Tamara Montero

Visiblemente afectado por non poder dar estabilidade a 12 dos 17 investigadores Parga Pondal que o día 28 rematan o seu contrato, o reitor, Juan Casares Long, pon agora os seus esforzos en sacar adiante uns orzamentos que seguen decrecendo.

A contestación dos investigadores Parga Pondal á súa proposta de estabilización está a ser sonada.
Eu son consciente de que é un cambio notable, que xa iniciamos na última convocatoria dos Parga Pondal da Xunta, onde xa non contemplábamos a estabilización. Agora atopámonos nunha situación onde temos unha presenza de investigadores que na súa maior parte pertencen a áreas de coñecemento que teñen moitísimo máis profesorado do que a Universidade necesita, e cando falo de moitísimo falo de 25 ou de 16 profesores de máis, de áreas que nos últimos anos medraron sen atender ás necesidades reais, e un crecemento sen límite é insostible.

¿Como se chegou a esa situación de desequilibrio?
O problema é que ningún área pode crecer e crecer, e o crecemento tivo lugar nos últimos anos de forma desordenada. ¿Por que? Porque de 77 persoas que se estabilizaron soamente dúas eran de áreas con necesidade de persoal. Temos áreas que teñen necesidades de persoal para cubrir a súa actividade docente nas mesmas condicións que aqueles que a teñen cuberta.

¿Que áreas teñen problemas?
Fundamentalmente en Ciencias Sociais, Ciencias da Saúde e Humanidades. Mentres se consolidaron 77 investigadores, nas áreas de ciencias sociais e da saúde, por certo, as áreas que atraen máis alumnado á Universidade, cubríronse tan só 23 prazas.

O financiamento tamén é un dos problemas.
Se tiveramos cartos sobrados poderiamos facer moitas cousas, dende logo administralos mellor que ata o momento, porque non ten sentido que contrataramos investigadores e investigadores en áreas onde sabiamos, primeiro, que tiñamos que transformalos en profesores, porque non hai capacidade nas universidades e mesmo a Lei da Ciencia non contempla que as universidades teñan corpo de investigadores. Fixemos unha oferta esaxerada e o modelo collía e collía sen pensar que logo había que mantelo. Se se seguisen criterios sostibles non estariamos embarcados nisto. Ao mellor teriamos menos investigadores, pero os teriamos estabilizados, porque sería sostible.

¿Cal é a situación actual?
A miña máxima preocupación, e eu vexo o que está a pasar noutras universidades, é dicir no mes de xaneiro que a non ser que haxa unha hecatombe, como reitor garanto que se van cobrar as nóminas todos os meses. Movémonos no fío da navalla, temos o mínimo marxe de funcionamento.

"En persoal e gasto corrente xa van o 80 % dos cartos"

O próximo 14 de decembro, o Claustro da USC debaterá a proposta de orzamentos para o 2012, unhas contas marcadas por unha ríxida política de austeridade.

Agora mesmo o problema é que temos os orzamentos como están. Imos presentar uns orzamentos que son seis millóns menos que o ano pasado, porque tivemos menos ingresos dos previstos e máis gastos. Subiron as taxas de interese e os xuros que temos que pagar. A USC colleu, colleu e colleu préstamos e temos que pagar os xuros e devolver o capital. Neste 2012 soben as devolucións porque entra en amortización un dos anticipos reintegrables que tiñan tres anos de carencia.

Rebaixan o orzamento en seis millóns de euros. ¿De onde se van recortar?
Podemos baixar de persoal, gasto corrente e os investimentos. Tomamos a decisión de conxelar a masa salarial, é dicir, non baixar no capítulo un, o cal quere dicir que todo o que baixemos vai ser nos capítulos dous, catro e seis. Conxelamos o capítulo un e orzamentamos o mesmo que no 2011. É que o capítulo un aumenta, porque temos os incrementos vexetativos correspondentes a trienios, quinquenios de docencia, sexenios de profesores con contrato laboral, e os trienios do PAS. Só iso é algo menos dun millón e medio de euros.

Tamén hai investigadores financiados pola Administración que agora se incorporan á masa salarial da Universidade.
Aos investigadores que levamos incorporando ano a ano dende hai oito ou nove anos a Administración págalle tres anos, pero ao final entran, e estamos falando de máis de medio millón de euros. De repente temos xa, mantendo á xente que está a día de hoxe, un crecemento vexetativo de case dous millóns de euros.

¿Poderase equilibrar ese capítulo?
Agora temos que ver de onde sacamos ese diñeiro, porque eu non podo pintalo. Podemos sacalo das xubilacións. Ese é un argumento que se está utilizando no tema dos Parga Pondal, pero as xubilacións teñen que cubrir outras cousas. As contas non son tan sinxelas como ás veces a xente as formula. Eu entendo a argumentación, porque a xente tiña feita unha idea, pero é que no 2006, cando entraron, este era un mundo feliz, onde o orzamento da Universidade creceu un 8 ou un 9 %. Somos unha entidade pública, hai menos actividade económica e se xeran menos impostos. O país, ademais, ten un fraude fiscal terrible e cada vez hai menos cartos do Goberno ás comunidades e a nós.

Supoño que facer un orzamento equilibrado para este exercicio foi unha tarefa moi complicada.
Facer as contas da Universidade agora mesmo é moi complicado. Ademais, o capítulo un, o de persoal, é o 67 % dos orzamentos. Se tes en conta que o capitulo dous é ao mellor o 12 ou 13 %, de repente, non temos diñeiro para ningunha actividade, porque xa se vai o 80 % dos cartos.

A USC non abandona a investigación, fanse discursos maximalistas”

A proposta de consolidación dos investigadores Parga Pondal pasa pola creación de cinco prazas, unha por cada área de coñecemento.

Hai que interpretar as cousas como hai que interpretalas. De ningún xeito a Universidade abandona a investigación, porque se están facendo discursos maximalistas. Somos moitísimo máis rigorosos na entrada de xente, porque non podemos coller a todos. Ademais collemos de todos os ámbitos, das cinco grandes áreas, e collemos un, porque non podemos coller máis.

¿Como vai ser o proceso?
Estamos buscando o procedemento. De cada área ordénanse segundo os méritos e queda o primeiro. Non temos a variña máxica. Eu non quero facerlle mal a ninguén, pero hai quen non o entende, cada un defende o seu e crease unha corrente de lóxica simpatía persoal, pero temos que pensar en clave da Universidade. Eu síntoo moitísimo pero non podo facer outra cousa, xa me gustaría. Agora ben, teñen que entrar tanto dun lado como de outro. Hai quen en áreas docentes está en situación de interinidade e incorporamos algún destes, así como algún novo para axudar nas tarefas docentes das áreas que o precisan.

Pero non estará pechado antes do día 28, ¿non?
Non, é moi complicado, o proceso durará un par de meses. Nese tempo, ao mellor os grupos poden contratalos, senón terán que marchar e logo volver.

 

Entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia do 4 de decembro de 2011