Saltar ao contido principal
Xornal  »  “A interculturalidade forma parte esencial do meu pensamento e da miña obra”

Claudio Rodríguez Fer, doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña

“A interculturalidade forma parte esencial do meu pensamento e da miña obra”

Claudio Rodríguez Fer
Claudio Rodríguez Fer
  • Cristina Fiaño

O escritor lucense, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da mesma universidade, recibirá o Doutorado Honoris Causa da Universidade de Alta Bretaña en Rennes o próximo 28 de xuño, a proposta dos Departamentos de Estudos Hispánicos e de Bretón - Céltico, converténdose así no primeiro galego en obter ese recoñecemento.

Claudio Rodríguez Fer exerceu como profesor convidado de Literatura Española e Hispanoamericana nesa Universidade no ano 1995, volvendo en decenas de ocasións para participar en recitais poéticos ou congresos, ademais de publicar alí diversos escritos. Tamén foi profesor visitante na Universidade de Bretaña Sur en Lorient.

As súas viaxes aos países celtas exerceron unha grande influenza na súa obra, recollida en 2011 no volume de poemas Amores e clamores e no de relatos Contos e descontos. Así mesmo, publicou unha memoria destas estancias no último número da revista Unión Libre titulado Meus amores celtas.

A súa poesía foi traducida a numerosos idiomas entre os que figura o bretón, lingua na que se publicou a antoloxía poética de temática celta Muioc’h kalz eget mil bloaz (Moito máis que mil anos).

 

Despois dunha longa traxectoria profesional vencellada ao mundo da literatura e de recibir numerosos premios e recoñecementos, que significa para vostede ser distinguido como Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña?

Un gran honor por tratarse do que se trata, pero tamén unha gran ilusión por provir dun lugar concreto, Bretaña, que ten tanta importancia na miña vida como na miña obra. É unha ilusión semellante á que me produciu, xa no ano 2000, a tradución ao bretón do meu poemario sobre os países celtas Moito máis que mil anos, co título de Muioc'h kalz eget mil bloaz.

 

Cando comeza a súa relación coa Bretaña?

Directamente, en 1995, cando fun convidado á Universidade da Alta Bretaña en Rennes a dar unha conferencia, tras a que me propuxeron volver xa no mesmo ano para exercer como profesor visitante, o que aceitei encantado.

 

Que foi o que máis lle impactou cando foi por primeira vez?

A simple vista, a beleza arquitectónica das antigas casas de trabes de cores e dos aínda máis antigos dolmens e menhires; máis a fondo, a gran riqueza multicultural e, por encima de todo, o profundo encontro persoal, como teño resumido no poema “Rennes” do libro Viaxes a ti: “Laboratorio do amor. / (Onde non hai amor, / senón probas do amor)”.

 

Que lle levou a volver tantas veces?

Obxectivamente, o feito de que sempre que fun a dar conferencias, clases ou recitais poéticos, me volveron a convidar para outra ocasión, de forma que as visitas que fixen xa suman unhas corenta. Ademais, alí codirixín unha tese doutoral sobre Guillevic e formei parte do tribunal doutra sobre Cunqueiro. Subxectivamente, o feliz que me encontro nesa terra celta, o lugar no que máis tempo morei na miña vida despois de Galicia e de Nova York, onde tamén din clase.

 

Na súa obra apréciase a influenza que tiveron as viaxes na súa vida. Podería explicar a importancia que ten para vostede a interculturalidade?

A interculturalidade forma parte esencial do meu pensamento e da miña obra, pero, na medida en que implica un proceso de comunicación e de interacción entre persoas concretas, tamén formou e forma parte esencial da miña vida e, espero, do meu comportamento. Ademais, a interculturalidade é o mellor procedemento para favorecer a integración e a convivencia entre os pobos e as culturas da Terra en toda a súa diversidade e sen que ninguén estea por encima de ninguén. Na miña obra creativa, a interculturalidade afecta sobre todo aos libros feitos fóra de Galicia, como A unha muller descoñecida e Viaxes a ti, ou, en boa parte Extrema Europa, Os paraísos eróticos e Unha tempada no paraíso.

 

O seu memorial Meus amores celtas, publicado no 2010 pola revista Unión Libre, amosa toda unha longa relación co celtismo. En que momento comezou a súa fascinación por ese mundo milenario?

Comezou de neno, pola atracción que exercía sobre min a imaxe e a historia dos celtas primitivos, pero na adolescencia comezaron a fascinarme tamén as linguas e as músicas celtas. Logo, na madurez, xa puiden visitar todos os marabillosos países celtas, mesmo vivir nalgún deles, e coñecer máis a fondo as súas culturas. En Meus amores celtas relátase todo este proceso e móstrase toda a produción literaria que saíu del, pero noutros números de Unión Libre aparecen traballos sobre a cultura dos países celtas con colaboracións provenientes de Bretaña, Gales, Irlanda e Escocia.

 

Que representa para vostede o celta?

Un controvertido concepto da historia antiga e un aberto espazo cultural atlántico. Dende logo, nada parecido ao celtismo da etnia dos esencialistas decimonónicos, senón máis ben un mundo liberador e creativo, baseado na solidariedade e na utopía, alleo a todo imperativo fundamentalista. Porque máis alá dos conceptos, eu amo a celtitude de carne e oso, como escribín no poema “Celta” de Viaxes a ti: “Nin bardo / nin druída, / celta por ti”.

 

Dende os intelectuais románticos do século XIX houbo un grande interese por vencellar a Galicia cun pasado celta. Por que cre que foi tan ben acollida esa celtitude?

O suposto pasado celta serviu para dignificar e lexitimar o diferencialismo galego fronte ás teorías máis centralistas, e, aínda que moita historiografía cuestionou despois tal conexión, a celtofilia provocou unha imparable aceptación literaria, artística e mesmo social, como é evidente en toda clase de publicacións culturais e entidades tan variadas como o Batallón Celta da CNT ou a denominación de orixe Porco Celta, pasando por numerosas formacións musicais ou polo Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. E a isto podería engadirse o nome dos equipos Celta de Vigo e Breogán de Lugo ou das empresas Zeltia, Fontecelta, Leche Celta e Celta Prix de recollida de lixo.

 

Hoxe sábese que non hai fundamentos científicos que sosteñan aquel postulado. Vostede cre que iso pode afectar á relación de Galicia con Bretaña e, por extensión, co mundo celta?

O desexo de relación é moito máis importante e decisivo para que esta se produza que o sempre discutible fundamento científico dunhas raíces ancestrais comúns. Ademais, a fusión intercéltica que se estableceu na literatura, na arte e na música contemporáneas é xa un feito obxectivo que demostra por si mesmo que agora tal conexión existe e dende logo que vai seguir existindo. Como dixen nun verso que lle dá a volta a unha indesexable dicotomía exposta por Cernuda, “a realidade é o desexo”.

 

Vostede que viaxou por Bretaña, Irlanda, Escocia, Cornualles, Gales e Illa de Man, pódenos dicir que percepción teñen estas nacións do celtismo de Galicia?

Sempre é contempaldo con simpatía acolledora, porque na celtitude non abunda o exclusivismo purista nin o esencialismo excluínte, aínda que alí saiban que Galicia non é un país propia e lingüisticamente celta. Non obstante, Galicia está convidada ás principais manifestacións da celtitude, como ocorre musicalmente no gran Festival Intercéltico de Lorient, cidade esta, por certo, onde tamén din clase como profesor visitante da Universidade de Bretaña Sur.

 

En que momento aparece a materia de Bretaña na literatura galega? Nos seus poemas aparecen moitos personaxes da mitoloxía celta. Que foi o que lle levou a seguir con esa tradición?

A tradición celta tivo presenza literaria en Galicia dende a Idade Media e por tanto forma parte da nosa bagaxe cultural, como a grega ou a latina. Ademais, a min atraéronme particularmente algúns dos seus mitos femininos, como é o caso da deusa solar Brigit, que está na base do personaxe Brigitte Rimbaud, presente nos poemas de A unha muller descoñecida e nos contos de Os paraísos eróticos.

 

Ademais da mitoloxía, que outras influenzas da literatura celta hai na súa obra?

A principal é a propensión á harmonía, concepto antropolóxico que sintoniza co pensamento oriental e que se sustancia na necesidade da paz profunda e interior para alcanzar a felicidade, moitas veces favorecida pola música, pola poesía e polo amor. Non en van, como teño escrito no libro A boca violeta: “Soamente cos que viven a harmonía / é posible sentir que están connosco”.

 

Durante anos, houbo na Bretaña un Centro de Estudos Galegos, un lectorado de galego na universidade e ata se publicou a revista Cahiers Galiciens / Cadernos Galegos / Kaieroù Galizek, a que se debía ese interese pola nosa lingua? Pensa que se está a perder?

Durante o século XX, en Bretaña houbo moito interese por Galicia e viceversa, como demostran os contactos entre o grupo Gwalarn e o grupo Nós. No caso da Universidade da Alta Bretaña, ese interese mutuo callou na creación do lectorado de galego, do centro e da revista entre os anos noventa e os dous mil, en todo o cal confluíron esforzos de moitos profesores bretóns e lectores galegos. Sería gravísimo que a crise económica ou a cegueira política liquidasen definitivamente tan importante labor e non permitisen consolidar unha das relacións interculturais más frutíferas da historia universitaria de Galicia.