Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A edición dixital non é a irmá parva da impresa"

Juan Blanco Valdés

"A edición dixital non é a irmá parva da impresa"

Juan Blanco Baldés
Juan Blanco Baldés
  • Tamara Montero

Como unha «tormenta perfecta» define o xefe do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago, Juan Blanco Valdés, a crise que está a vivir o mundo editorial.

¿Tormenta perfecta?

Si. Hai que sumar por unha banda unha escaseza de recursos no eido institucional e no público por un descenso acusadísimo das vendas, e por outra banda a migración dixital. Hai unha evolución dende o 2006 ou 2007, cando emerxen os primeiros estándares de lectura electrónica. Ademais, en época de crise do primeiro que se recorta é do gasto cultural.

¿E o seu servizo como afronta esta crise?

Formular a migración dixital en termos de substitución é un absurdo. Pensar agora en que as revistas de consumo popular ou as novelas de Harry Potter vaian migrar ao formato dixital é absurdo. En cambio, os editores institucionais somos produtores natos de algo que ten o seu soporte de expresión natural no eido dixital.

¿Que diferenza hai entre uns e outros?
A edición dixital non é a irmá parva da impresa. Todo o contrario, son terreos distintos nos que se acadan obxectivos distintos. Facemos un esforzo de imaxinación, adaptación aos tempos e de novas formas de expresión escrita científica e académica que incorporan a dixitalización como soporte base. Convivirán de forma harmónica.

¿Como cales?
Pois por exemplo, en outono presentaremos a plataforma dixital de revistas científicas da Universidade de Santiago, ReBUSC, que deixan de publicarse en papel. Ademais de aforrar custes disparará os impactos das revistas de xeito xeométrico.

Entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia do día 7 de xullo de 2012