Saltar ao contido principal
Xornal  »  “A limitación da nosa autonomía só xera ineficacia”

Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago

“A limitación da nosa autonomía só xera ineficacia”

Juan Casares Long
Juan Casares Long
  • Tamara Montero

As tesoiras volven sobrevoar a Universidade de Santiago. O reitor da USC, Juan Casares, afronta o seus últimos meses de mandato coa presión que supón o férreo «control» que están exercendo as Administracións sobre a Universidade e que ralentiza os seus resultados. En cuestión está tamén o respecto á autonomía universitaria e á súa capacidade para autoxestionarse.
 
O persoal xa anunciou mobilizacións contra os recortes a principios de curso e piden a implicación do reitor.
Os tres reitores, como sabes, tomamos o liderado no seu momento con respecto aos recortes e fixemos unha declaración que penso que foi reflexionada e que recolle a realidade da situación. Creo que tivo unha boa acollida nas universidades polos distintos estamentos e tamén houbo intervencións por parte dos membros da comunidade universitaria que eu valoro no sentido que hai que valoralo: Non é o reitor só o que fai unha declaración institucional, senón que a xente a comparte. Así vin as intervencións que fixeron os distintos membros da comunidade universitaria, que lle deron un peso á intervención do reitor. Penso que se pode falar máis alto pero non máis claro do que fixemos os tres reitores.

¿A Xunta recolleu as reivindicacións?

A Xunta recolleu as palabras. Non lle gustou, está reflectido na prensa, e o conselleiro e o presidente entenderon que os reitores se pasaran. Penso que non é habitual que digan iso, que dicir que lles chegou. Non nos pasamos, somos unha banda de pacíficos e creo que tampouco nos pasamos nas manifestacións. Creo que fixemos o que tiñamos que facer. Xa digo, pódese falar máis alto pero no máis claro. A situación é preocupante. A situación do país é difícil e creo que falta moitas veces transmitirlle á poboación a realidade das cousas.

Falaba o curso pasado de que a situación da universidade española era a de facer equilibrios para pagar nóminas. ¿Segue igual?
Eu non albisco unha situación na que iso se deixe de facer, pero si vexo unha situación complicada. As reservas dinerarias das universidades desapareceron e xa todas as universidades estamos a vivir no límite da tesourería. É unha situación na que estamos a ser extraordinariamente responsables.

¿Como?

Estamos sendo moi responsables no control de gasto, asumimos que ás alegrías de outros lle temos que facer fronte nós. Asumimos que temos que ser solidarios coa sociedade que hai no exterior, pero tamén sentimos que non podemos ser o obxectivo fácil das medidas que se adoptan para mellorar o país, porque creo que erran os que entenden que o sector público é a causa e polo tanto debe ser o que pague as alegrías dun país que non foi quen de ser liderado, administrado e xestionado como o que sempre fomos. Non somos un país rico. Todo o más somos un país pobre con xente rica. E falamos dun avance moi importante que está a retroceder: o Estado do Benestar.

O curso pasado abriuno cun discurso sobre a necesidade de protexer a autonomía universitaria e pechouse cun debate sobre a violación desa autonomía. ¿Como ve esa situación?
O ano pasado dixen que tiña unha fonda preocupación pola falta de respecto á autonomía universitaria e a falta de consideración cara a un mandato constitucional que non é casualidade. Penso que hai un certo interese de controlalo todo, e dentro dese todo a Universidade tamén, como se foramos un departamento máis do que é a Administración porque parece que é moito máis eficaz. A experiencia dun ano, para min é moito menos eficaz e eficiente. Esa limitación ata o máximo da autonomía universitaria o único que xera é ineficiencias e ineficacias. Ese control político, esa intervención soterrada das universidades porque como son autónomas son sospeitosas de algo, a min paréceme prexudicial para os resultados.

O que acendeu as lapas foi o control sobre a convocatoria de prazas estables.

Estou absolutamente de acordo contigo.

¿Está a traer problemas?
¿Como non vai traer problemas? Naturalmente que si. Porque somos responsables e os que temos o compromiso e a responsabilidade de gobernar as universidades somos xente que ten clara a situación difícil do país. Eu non teño problema ningún en que me digan que teño un orzamento, falemos incluso de masa salarial. Eu podería dicir que me están limitando, pero estou disposto a aceptalo porque estamos na situación que estamos. O que non podo compartir, non comparto e non compartirei nunca é que me digan como teño que organizarme, sobre todo por parte de quen non sabe como facelo. A universidade é complexa e é moi diferente da Administración xeral e polo tanto non podo compartir as medidas lexislativas que se refiren precisamente a que me digan como teño que facer as cousas. Para min é conculcar a autonomía universitaria e están asumindo os meus posibles éxitos e fracasos. Independentemente de que eu poida entender que están limitando a miña capacidade de acción, eu non fun elixido para que alguén que non ten o coñecemento nin a capacidade de discernir o que é mellor para a Universidade o faga. Paréceme ineficaz e ineficiente e creo que a evidencia o demostra. O tempo que levo investido nisto tería que telo gastado noutras cousas. E non digo que non fagan falla cambios, como en toda a sociedade.

O profesorado alertaba de problemas de organización polo retraso das convocatorias.

Agardo que a semana que vén teñamos ese tema resolto. Espero, cando menos, unha decisión por parte da Xunta, porque quero comezar o curso sabendo a que atinxirme. Fun insistente e persistente.

¿Agarda boas ou malas novas?

Nos momentos que estamos vivindo, prefiro levar unha alegría que facerme ilusións que logo non se concretan. Eu fágome ilusións con aquelas cousas que tento que sacar adiante, pero ¿ilusións con que os de fóra entendan a universidade? Non, mira, son moi escéptico.

Esta semana o ministro Wert foi ao Congreso a explicar o novo decreto de becas.

Penso que non é maneira de facer as cousas. Vivímolo co famoso decreto de medidas urxentes e con todo. A política de dar explicacións despois de que as cousas entran en vigor en vez de buscar os acordos para non ter que dar explicacións a touro pasado. Cando as cousas se fan así e non participan os distintos axentes despois é moi difícil implicalos na aplicación. E digo oportunidade de participar, non necesariamente de aceptar o que as outras partes digan porque eles teñen a responsabilidade de gobernar, pero si escoitar, porque aquí ninguén o sabe todo, aprender das opinións dos demais e ver que se son moi maioritariamente compartidas ao mellor un ten que modificar a súa posición. É, por tanto, buscar un acordo en todas as cousas, se non é ao 100 % pois ao 50 %. Non se establece un sistema de información unha vez se sacan as cousas, porque a estas alturas a explicación ata case sobra. Probablemente lla esixen para deixarlle ver a incomodidade que hai.

Entrevista publicada o 1 de setembro no xornal La Voz de Galicia