Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O prioritario é sacar á USC da situación económica na que está"

Juan Viaño, reitor da USC

"O prioritario é sacar á USC da situación económica na que está"

Juan Viaño Rey. Foto Xoán Soler
Juan Viaño Rey. Foto Xoán Soler
  • Joel Gómez

“Facer esta universidade máis áxil, máis eficaz, máis reputada e máis adaptada ás necesidades da sociedade”, alén de solucionar a débeda económica de 48 millóns de euros, son os obxectivos de Juan Viaño Rey (Boqueixón, 1955), o novo reitor da USC. Leva na institución desde os 23 anos, e desde 1988 é catedrático do departamento de Matemática Aplicada.

¿Que prioridades se propoñen para os catro anos de mandato?
Desde logo que o prioritario é sacar á USC da situación económica na que está, que nos limita a función que temos para cumprir. Para iso apelarei á axuda de todos, da comunidade universitaria, dos poderes políticos e de todas as institucións. Porque a USC ten que ser un motor para a nosa sociedade.

O seu antecesor fixou a débeda en 48 millóns de euros, ¿é así?
Así é. Ten dúas partes: os anticipos para reembolsar e os créditos bancarios. A suma dá eses 48 millóns de euros.

¿Deu con algunha sorpresa nas contas?
Encomendei un estudo da situación real, máis alá da conta xeral de peche do exercicio de 2013 aprobada polos órganos competentes. Cando o coñeza informarei do resultado. Agardemos que non haxa sorpresas.

¿Como afrontarán esa débeda?
A nosa idea é saír da situación con mellora de ingresos, con iniciativas para captar máis alumnado, mellorar o financiamento, negociar coa Xunta o aprazamento de créditos que debemos reembolsar, e que nos favoreza o novo plano de financiamento a partir do ano 2015.

¿E renegociar cos bancarios?
Acudiremos ás institucións públicas e faremos nós os esforzos que sexan necesarios antes de acudir aos bancos. Con esa idea elaboraremos os orzamentos de 2015, despois de 3 anos en que non hai orzamento na USC.

¿Hai algún servizo en perigo pola situación económica?
Aseguraremos por todos os medios o servizo básico da docencia e da investigación. É certo que, polo nivel de recorte que nos afecta, hai prácticas de graos e másteres seriamente comprometidas, polo seu custo elevado

¿Como valora os primeiros encontros institucionais?
Tiven entrevistas co conselleiro e o co secretario xeral de Educación, co director xeral de orzamentos e co secretario xeral de universidades. Foron contactos moi agradábeis, e revisamos a situación. Vin vontade de axudar para que a USC saia da difícil situación en que está.

¿E co Concello de Santiago?
A casualidade quixo que o día que tomei posesión o alcalde anunciase a súa dimisión, estivo comigo nos días seguintes. Espero que a situación do Concello se normalice canto antes, porque a colaboración é esencial en moitos temas culturais e sociais, do Campus Vida, en asuntos co Consorcio como a Casa de Europa, ou urbanísticos para buscar saída ao antigo hospital de Galeras.

¿Como é o plan de choque que pactou coa Deputación de Lugo?
É un plan que se traducirá nos vindeiros meses en convenios específicos para bolsas de axudas a estudantes, á investigación, para prácticas profesionais, potenciar a visibilidade das titulacións, e outras iniciativas como captar alumnado estranxeiro e talento.

Na primeira visita a Lugo recoñeceu unha perda do 50 % de alumnado na última década, ¿como o explica?
É certo. Iso non significa que o campus de Lugo levase unha deriva desastrosa, aínda que perdeu máis alumnado que outros e algunhas das súas titulacións perigan por non reunir o mínimo de estudantes. A perda de alumnado foi xeral e obedece a moitos factores. As nosas actuacións irán encamiñadas a aumentar o alumnado en toda a USC, e algunhas confío que xa se comecen a notar no próximo curso.

Entrevista publicada no xornal La Voz Voz de Galicia o día 4 de xullo de 2014