Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A Xunta ten que pasar das boas verbas coa universidade aos feitos"

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago

"A Xunta ten que pasar das boas verbas coa universidade aos feitos"

Juan Viaño Rey
Juan Viaño Rey
  • Juan Capeáns

 

Con 140 días á fronte da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey (Boqueixón, 1955) é consciente de que está a facer algo que non lle gusta. Cústalle falar de «docencia, de investigación, de transferencia de coñecemento, de patentes...», o propio dunha institución de educación superior cinco veces centenaria, porque a súa preocupación real é a escasa capacidade que ten para tapar un burato económico de dimensións inesperadas.

 

¿Atopou cadaleitos nos armarios de San Xerome?
Non, atopei un xeito de facer as contas do anterior equipo que, sendo legal, é borrosa, e afecta ao déficit (16 millóns de euros ao final do 2014), o que nos obrigou a cambiar a estratexia, facer un plan de equilibrio e pensar nuns orzamentos moi axustados.

 

Ten cara de preocupación.
Estou preocupado, pero tranquilo. Estamos trazando un camiño polo que poidamos circular con seguridade, poñendo as bases para saír desta canto antes.

 

Refírese ao plan de equilibrio que está presentando a toda a comunidade e que, por certo, non gusta a case ninguén.
Nin a min. Tentamos explicar o plan e recibimos críticas, e por iso faremos un esforzo maior. O plan de equilibrio marca unha batería de medidas tomadas con certo pesimismo, pero non concreta a intensidade nin a aplicación. Haberá cousas que negociar e outras que non teremos que aplicar, pero en ningún caso falamos de despedimentos.

 

Pois meteu algo de medo na comunidade universitaria.
Non debera existir. O plan faise precisamente para dar seguridade nos próximos catro ou seis anos. O que espero é que a comunidade entenda o momento complexo que pasamos.

¿Vivían vostedes nunha burbulla ao marxe da crise?
Como quen di, na Universidade de Santiago prendemos a luz e a calefacción todos os días, e alguén puido ter a percepción de que estabamos en mellor situación. E semella que outros pensaron que non tiñan que arrimalo lombo como fixeron as empresas, as institucións, os traballadores...

 

E que todos mudaron as súas estruturas, menos as universidades.
Na universidade houbo certa resistencia porque considerámonos un ámbito vital, central para o país. E tamén porque o factor humano é clave, e é onde temos máis dificultades para avanzar pola precariedade e a falta de autonomía para contratar. Pero si, é certo que houbo resistencia a adelgazar os cadros de persoal.

 

Agora toca negociar coa Xunta o plan de financiamento. ¿Son tamén vitais as universidades para os políticos?
A Xunta valora a importancia da universidade, é moi consciente, pero agora ten que pasar das boas verbas aos feitos.

 

Vostede augurou unha postura elegante pero guerreira con Educación. ¿En que punto está?
A relación é fluída, e espero que teñan a mesma impresión. Estamos comezando a falar e penso que é importante que haxa entendemento institucional. É unha negociación, logo haberá tiras e afrouxas, pero nada que non se poida reconducir.

 

E logo toca repartir con A Coruña e Vigo. ¿Que entende vostede por equidade?
Repartir os cartos por méritos e resultados.

 

¿E o cuantitativo?
Loxicamente o tamaño hai que telo en conta. Somos máis grandes e teremos máis capacidade de producir se somos eficaces. O que sabemos ata agora é que as liñas xerais son potenciar o reparto por eficacia e produción, e por iso non temos nada que temer porque somos competitivos. Paréceme xusto e creo que os meus colegas de A Coruña e Vigo estarán de acordo.

 

¿Aínda non falaron de cartos?
Os contactos son moi preliminares, pero o que temos claro é que a intensidade de aplicación do noso plan de equilibrio, en Santiago, depende deses ingresos. Agora a idea é aforrar dez millóns de euros en catro anos e practicamente non facer contratacións. É triste, si, pero a maior financiamento, menor sufrimento.

Entrevista publicada no xornal "La Voz de Galicia" do domingo 26 de abril de 2014