Saltar ao contido principal
Xornal  »  “O aumento da matrícula é esperanzador en moitos sentidos”

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago

“O aumento da matrícula é esperanzador en moitos sentidos”

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago
Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago
  • Sandra Alonso

Asegura que queda un ano duro de axustes e despois albisca o crecemento

Juan Viaño (Boqueixón, 1955) asoma a cabeza á meseta do seu mandato. Logo dun ano e medio de reorganización, de axustes e de malas novas económicas, afronta o curso 2015-2016 cun equipo “ rodado e motivado” e cun camiño pedregoso por percorrer. Ao lonxe están a estabilización das contas da Universidade de Santiago e, un pouco máis alá, o ansiado crecemento, que non está garantido con recursos alleos.

Vostede xa non sente nervios ao comezar un novo curso.
Non, estou tranquilo e teño boas sensacións. O marco é novo, polo plan de financiamento que imos pechar coa Xunta, e temos unha oferta distinta e con perspectiva de crecemento. Aí estamos, dispostos a traballar e desenvolver o noso programa.

Pero na apertura do curso falou de que o esforzo da Xunta «non era suficiente». ¿O é ou non?
Agradecemos o esforzo da Xunta por aumentar os fondos para as universidades, tamén para a USC, pero a nosa situación é suficientemente complicada como para que vexamos os problemas arranxados. Temos que seguir aplicando o noso plan de equilibrio, sendo estritos no vindeiro ano, que será duro, e nese punto poderemos albiscar un crecemento futuro. Por iso digo que non é suficiente, porque o financiamento público aínda é escaso e temos moitos pasos por diante. Non é o que nós queriamos, pero houbo avances significativos e rematará nunha situación mellor.

¿Realmente negociaron os reitores coa Xunta ou tan só asumen as súas decisións?
Negociación stricto sensu non a houbo. Si houbo un transvasamento de información coa consellería bastante fluído.

¿A USC vai perder ou gañar?
Aínda non sabemos o reparto final, pero a intuición é que poderemos beneficiarnos. Deixar atrás os cartos asignados por dereitos históricos non é unha renuncia porque nós queriamos que houbera un sistema de reparto máis transparente, que non nos botaran en cara cuestións do pasado. Queremos que nos valoren polo que valemos, polo que formamos e polo que investigamos.

¿Hai feridas polo proceso?
Houbo momentos máis ou menos tensos, pero non quedan feridas profundas.

¿Se chegan máis cartos da Xunta, como parece, mudará os seus plans internos?
O plan de equilibrio non contemplaba o aumento de ingresos, que si parece que o vai haber. Pero non cambia substancialmente nada. Porque, insisto, non é o plan ideal, pero melloramos con respecto ao anterior.

Este semella un momento importante no seu mandato.
O é. No primeiro ano houbo que arranxar moitas cousas. Fixemos o plan de equilibrio, o orzamento, sacamos adiante normativas... Agora o equipo vai rodado e a locomotora está na vía.

De feito, rebaixou o dramatismo no seu discurso público.
Tendo o plan de equilibrio en marcha e co aumento de ingresos ves as cousas con esperanza. Estamos no medio da tormenta e temos que ser firmes, non temos posibilidade de pensar que isto vai cambiar radicalmente, pero vemos que deixamos atrás un momento moi difícil. Pero ollo, que algúns dos riscos persisten. Non podemos repoñer profesorado, e isto é gravísimo porque a Universidade non se renova.

A matrícula vai crecer, falan dun 8 %. ¿Un bo dato, non?
Si, estamos a expensas de setembro, pero a tendencia de crecemento está confirmada. As nosas titulacións, en xeral, cubríronse pronto. Iso é o mellor deste ano e medio, porque crecemos nos graos, nos másteres e no doutoramento. É a lectura máis positiva, e é esperanzador en moitos sentidos, porque quere dicir que a formación universitaria ten valor na sociedade e segue a ser un activo importante para conseguir emprego.

 

Entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia o domingo día 20 de setembro