Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A crise custou autonomía, aplícanse controis que rozan a falta de respecto"

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago

"A crise custou autonomía, aplícanse controis que rozan a falta de respecto"

Juan Viaño, durante a entrevista no seu despacho de San Xerome - FOTO: R. ESCUREDO
Juan Viaño, durante a entrevista no seu despacho de San Xerome - FOTO: R. ESCUREDO
  • Salomé Barba

No ecuador do seu mandato, podería facer un balance destes dous anos?
Tendo en conta a situación na que estaba a universidade cando entramos, cun déficit de 14 millóns e cunhas perspectivas e desmoralización grande tanto no profesorado como no persoal de administración e servizos, o balance é positivo. Conseguimos recuperar un pouco a ilusión, en base tamén a realizacións, é dicir, a poñer en marcha un plan económico financeiro de reequilibrio que nos permite marcar unha senda pola que vamos saíndo da situación tan difícil, a pesar de que temos que facer aínda moitos esforzos para saír e pagar a débeda, que está nos 50 millóns, e ir diminuíndo o déficit. Pero ao mesmo tempo temos útiles que nos permiten ver o futuro con optimismo, como o plan de financiamento, que nos permitiu recuperar un pouco a situación que a USC debería ter.

Na universidade pasa un pouco
como no país, que din que se notan as melloras na macroeconomía pero na micro aínda non?
A comunidade universitaria pode ter un pouco esa percepción, pero verdadeiramente temos mellorado a financiación que chega aos departamentos, aos centros, no último ano, con respecto ás diminucións de anos anteriores. Pero é certo que aínda que fixemos un grande esforzó nalgunhas áreas poden percibir que non teñen profesorado suficiente. Nalgunhas estamos en situación moi difícil. De todas formas nestes dous anos conseguimos estabilizar a todo o persoal que estaba en precario polos recortes anteriores. Eran investigadores que viñan de programas como o Ramón y Cajal ou o Parga Pondal, axudantes doutores que remataran contratos, etc., A USC cumple os seus compromisos. Ademais na OPE deste ano vanse estabilizar absolutamente todos, o que nos vai permitir tamén empezar a dedicar recursos a prazas novas e tamén a promoción porque hai unha grande e lexítima reclamación.

Os acreditados a cátedra
Acreditados a cátedra pero tamén acreditados a titularidade que lexitimamente reclaman a súa promoción. Nós consideramos que non era prioritaria pero evidentemente nos vindeiros anos debemos atendelo. Temos xa aprobadas este ano 5 plazas de titulares e iniciaremos unha mínima aproximación a prazas de cátedra. En política de persoal estamos a facer unha planificación a varios anos para intentar ver as necesidaes, as áreas máis prioritarias, porque temos algunas cunhas necesidades enormes ben porque tiñan profesorado pero se está xubilando en gran número, como en Medicina, pero tamén outras como Matemáticas e Farmacia, ou porque son áreas que cando estaban a punto de consolidarse e de ter os efectivos necesarios cos recortes non puideron; estas están en Económicas, Ciencias da Educación, que é onde neste momento estamos a poner máis profesorado, ás veces temporal, para cubrir necesidades.

Tamén acometeron a reorganización dos departamentos

Si, unha cuestión importante que nos permite un aforro económico pero tamén unha simplificación na xestión moi importante. Pasamos de 76 a 50. Isto é un traballo importante, pero como logro non podo deixar de mencionar temas que levaban varios anos enquistados, como é o convenio da docencia clínica en Medicina, que define a Facultade de Medicina de Santiago como a única de Galicia pero con apoio na docencia clínica de persoal das outras dúas universidades que queiran colaborar nela.

E o tema do traslado da facultade xunto ao Clínico

Verémolo realizado nos próximos anos. Relacionado está o tema da venta do hospital vello de Galeras.

Está en marcha a segunda
poxa, hai algunha oferta seria ou quedará de novo deserta?
Na anterior poxa había polo menos dúas tentativas que pensamos que ían realizarse e de feito unha delas nos quedou una certa pena porque había incluso moitas persoas de Santiago que estaban interesadas nesa oferta, que era unha idea de facer apartamentos para persoas maiores.  Agora temos coñecemento de dúas ou tres iniciativas, alguna delas moi consolidada. Estamos moi esperanzados porque suporía poñer en valor un inmoble que para nós non ten outra función e viría moi ben para tesourería e para axudar na construcción da nova facultade de Medicina.

E que vai pasar coa actual, o
edificio de San Francisco?
Trátase dun edificio noble que debería ter unha aplicación noble e lóxicamente esta universidade debe utilizalo para usos que poideran complementar á reitoría, conferencias institucionais importanes que ás veces se necesitan, mesmo para acubillar algún servizo central importante, a atención a estudantes e profesorado estranxeiro... O que si nos parece é que debería ter un uso noble e que o uso docente debería ser evitado.

Só para uso da USC ou tamén
dalgunha administración?
É evidente que coidar todo o patrimonio histórico é oneroso para a USC e máis neste momento, pero en todo caso este é un edificio histórico de moito valor patrimonial e sentimental para a universidade e que polo tanto temos que proceder con cautela, aínda que certamente tamén pode entrar dentro das posibilidades.

Algunha reorganización xeral
inmediata en mente?
Si, nos vindeiros meses intentaremos a reorganización das estruturas de investigación, os institutos de investigación. Son estruturas avellentadas que perderon o significado e os fins para os que foron creadas. Estamos a revisalas para darlles novo pulo, novos fins e novas maneiras de funcionar que permitan visibilizar a nosa investigación de calidade. É unha maneira de agrupar, de facer interdisciplinariedade e de facer visible a nosa investigación. Tamén temos en proxecto reestruturar a escola de doutoramento internacional e os estudos propios e o centro de estudos avanzados.


É un pouco como modernizar a USC, sacala de outro século...
É certo que hai estruturas que foron quedando anquilosadas e que non cumprían os obxectivos  para os que foron creadas, entre elas os departamentos.

E a reorganización do persoal?

Estamos a facer unha planificación plurianual do persoal, definindo necesidades, como xa comentei antes, no persoal docente e investigador pero tamén do persoal de administración e servizos. Unha reorganización que ten que ver con novas necesidades da xestión, motivada precisamente pola reorganización departamental, pola dos institutos de investigación e da escola de doutoramento, para adaptarse ás novas necesidades. Non estamos a falar de prescindir de ninguén incluso ao contrario, nalgúns casos de aumentar e mesmo funcionalizar o persoal laboral.

Facer macroáreas en vez de pequenas e non relacionadas?

A aposta da I+D nos países vén precisamente por grandes retos. Se plantexan máis os grandes retos que nos afectan, avellentamento da poboación, medio ambiente, contaminación, invasión de virus, cambio climático, etc. dunha maneira global. Polo tanto, se necesitan grupos de todas as disciplinas para ter un coñecemento global, agrupacións estratéxicas de investigación nas que conflúan nun mesmo punto grupos interdisciplinares.

O novo Plan de Financiamento
dá a sensación nalgún momento de que é mellor que o anterior para a USC pero que é como aceptar o mal menor
Efectivamente, nós aspirabamos a máis como que se repartira máis en función dos resultados da docencia e investigación. Ao final non foi posible na porcentaxe que nós aspirabamos pero si parcialmente. Tamén é certo que se pensaba que podía haber un montante máis alto, aínda que recoñezo que a Xunta fixo un esforzo para mellorar o financiamento e iso hai que agradecelo, e nós conseguimos tamén racionalizar a maneira de repartir. Pensamos que aínda que nos anos iniciais non melloramos sustancialmente si temos esperanza de que nun futuro poidamos facelo.

As taxas de novo conxeladas,
boa noticia para as familias pero mala para as universidades...
Efectivamente, nós vémonos nun dilema á hora de defender a medida ou de contrarrestala. Entendemos que nun momento de crise é lóxico que se pretenda que as familias poidan acceder aos estudos dos seus fillos da mellor maneira posible, defendemos ese principio e calquera medida que o favoreza considerámola como positiva... o que acontece é que o servizo que debe ofertar a universidade ten uns custes que hai que financiar. Non se pode dar a impresión de que a nosa universidade ofrece un servizo máis barato ou de menos calidade presisamente polos prezos. Creo que debiamos cobrar os custes que recomenda o Estado para este servizo e despois as familias que non poidan, axudalas cun servizo de bolsas axeitado.

Esa é a compensación que demanda vostede?

Evidentemente, non dicimos que se deben subir as taxas para que as familias paguen máis, pero temos algunha taxa, como é a matrícula anual de doutoramento, unha docencia de alto nivel con atención prácticamente personalizada, onde o alumno paga 200 euros de matrícula, e é igual para todas as familias... É una maneira de facer política social, que é necesaria, pero quizás non da maneira máis correcta.

Se non se explica ben, a crítica
parece insolidaria...
Claro, pero non é esa a idea. É que non podemos dar a impresión de que o noso servizo custa a terceira parte do que custa en Cataluña. Insisto, contentos con que as familias paguen pouco pero hai que entender que o servizo que se presta ten un custe, porque ten un pouco o efecto de que parece que a calidade é menor. E non é así.

Só hai que ver os ránquines...

Si, a USC está en todos os ránquines dos últimos anos e incluso melloramos as posicións. Somos a única que está no Shanghai, e en sectores como matemáticas ou biomedicina estamos moi ben colocados. Ademais, estes días saíu que os licenciados na USC en humanidades son os mellor valorados de España polos empresarios.

Está sendo difícil conseguir ingresos?

Certamente, pero o plan de financiamento contribuíu a que poideramos sacar a boca de debaixo da auga. É difícil conseguir financiación privada, pero temos convenios moi importantes, contratos, proxectos europeos, Starting Grants...

Que hai do reto da internacionalizción?

Estamos facendo un esforzó importante e sobre todo para impoñer docencia en inglés. Identificamos as zonas que queríamos tratar como ‘partners’ prioritaros, que serían China, Asia e Rusia asiática, algúns países de América como Brasil, México e Chile, e Europa, e agora queremos enfrentarnos á oferta en inglés, tratando de facer un plan onde haxa oferta non materias soltas senón títulos completos, ou case, en inglés, porque iso é o que pode mellorar verdadeiramente o noso atractivo, e é o que nos demandan para atraer estudantes, sobre todo estranxeiros.

Tamén están resultando moi
atractivos os dobres títulos...
Están tendo moito éxito e é un logro noso. Para facelos hai que ser moi bo aínda que tamén é certo que teñen unhas compensacións importantes e por iso se poñen tan poucas prazas. A xente non o entende pero faise para que o que entre sexa moi bo senón non o dá sacado e estaríamos enganando á xente, porque se no tempo que poderían ter un grao e un máster non teñen nada... Cos dobres títulos tivemos una aceptación enorme e tentamos poñer algún grao máis, como Dereito e Administración de Empresas, que ao final non chegaron a tempo para o vindeiro curso pero que non desistimos. Tamén barallamos Farmacia e Óptica e Optometría, Farmacia e Nutrición... Agora tamen traballamos en racionalizar a oferta de másteres, e graos novos. Creo que vai ser moi interesante o de Biotecnoloxía.

A crise costoulle autonomía á
universidade?
Estou convencido. Recortou autonomía e impuxo uns criterios de supervisións que van máis alá. Obligados a manter a masa salarial se aplican controis que están rozando a falta de respecto á autonomía. Nós debemos pelexar por saír diso, pero o que acontece é que nun nivel de afogamento económico temos que respirar. Esas cousas virán de seu cando as institucións e as universidades teñan unha situación máis folgada, eu non digo volver á situación de que cada quen faga o que queira (non creo que debera volver e non é recomendable) pero si deixar que as institucións teñan autonomía sen sentirse supervisadas nin supervixiadas, que creo que é un pouco o que acontece neste momento.

Cal é a mensaxe que lanzaría á comunidade universitaria?
De optimismo, os tempos máis difíciles están quedando atrás, aínda que temos que seguir facendo esforzos. Eu quero agradecer á comunidade universitaria os seus apoios, o traballo do equipo que está sendo enorme nunha situación complexa e animar a todos a seguir apoiando para cumplir unha lexislatura e que a universidade que deixemos non
teña nada que ver coa que atopamos, moito máis saneada e moito máis ilusionada.

Tras dous anos no cargo, se volvera atrás presentaríase de novo?

Verdadeiramente non me presentei a ollos cegos. Tocou unha época moi difícil pero eu sabía que o era, probablemente me atopei con algunas sorpresas, sobre todo a do déficit que foi moito maior do que contaba, case o dobre, pero eu sabía que había déficit. Probablente me presentaría de novo, se se deran as circunstancias que había que é contar cunhas persoas que están contigo, un equipo, o que é fundamental. Si tivera eses apoios que tiven probablemente me presentaría, a pesar de que é moi difícil. Non podes cumprir coas expectativas de toda a xente pero tamén tes a satisfacción de estar a cumprir un deber e de estar levando unha universidade centenaria, de sacala dunha situación moi complexa.

Entón dentro de dous
anos volve a presentarse?
Iso xa o veremos... Neste momento é complexo, todavía faltan por realizar moitas cousas, está a situación da universidade, a situación do equipo, a situación persoal de cada un...

Temos que seguir a traballar e ver.

 

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego o día 19 de xuño de 2016