Saltar ao contido principal
Xornal

Mª Victoria Otero Espinar, vicerreitora de Titulacións e profesora titular de Análise Matemática

“Temos a misión de afastar esa idea da universidade arcaica e endogámica”

Mª Victoria Otero Espinar, vicerreitora de Titulacións e profesora titular de Análise Matemática
Mª Victoria Otero Espinar, vicerreitora de Titulacións e profesora titular de Análise Matemática
  • Charo Barba

Cales son os seus obxectivos principais a curto e medio prazo?
Imos en tres direccións. Queremos diseñar unha oferta de títulos coherente co entorno quetemos e coas nosas posibilidades. Como segundo punto, imos abordar desenvolvementos estratéxicos de certos programas, como os de doutoramento, que hai que potenciar na internacionalización, por exemplo. O terceiro é converter a universidade nun centro referente de formación continua non soamente para os nosos estudiantes, senón que se nos vexa como un referente social.

Con isto último, a quen se refere? Á xente non universitaria?
A nosa institución ten uns títulos ofciais, pero tamén temos cursos e mestrados propios. Ademais, contamos cun programa de maiores de 50 anos, que poden vir á universidade a sacar un título ou simplemente coñecementos. Ou alguén que queira formarse mellor para que a súa empresa sexa máis competitiva.

Foi decana de Matemáticas e ten experiencia como xestora, pero como é o salto á vicerreitoría?
Moi meditado, porque estar nunha facultade que é a túa, é máis sinxelo por coñecido. O paso aquí é porque eu quería aportar a miña visión de como debería ser a universidade, que non se corresponde co que en realidade era.

Como quere que se vexa?
Disgústome cando algunas persoas de fóra da USC fálanme dunha universidade que non coñezo. Hai anos podería ser ríxida, arcaica, endogámica... pero agora non. Iso lévame a

unha reflexión: estamos facendo as cousas ben?, estamos difundindo a realidade
do noso traballo? Unha das nosas misións é cambiar esa perspectiva. A xente ten que estar orgullosa da súa universidade, e pensar que grazas a ela estanse facendo investigacións importantes… eso é o que a sociedade ten que valorar e eu creo que os galegos temos que estar orgullosos das universidades que temos, da USC e das outras dúas.

Que viu en Antonio López, ou que lle ofreceu el?
Véxoo unha persoa moi capaz. Ten ideas moi boas, é dialogante, competente… creo que é a persoa que pode levar a universidade a unha boa posición. Estamos pasando momentos difíciles e necesítanse persoas con moita capacidade coma el. Ademais, é
moi boa persoa e confío nel. 

.

O mapa de titulacións está debuxado ata 2021. Vai haber algún cambio nesa folla de ruta?
Neste momento trabállase sobre as titulacións para o curso 2020-2021. Para 2019-2020 non chegamos a tempo porque o período de alegacións está pechado.
Quizais para o outro poidamos facer algo, aínda que que non fguren no mapa. O que queremos é que a propia USC trace o plan de que se lle pode ofrecer á sociedade, cales son as necesidades de emprego... e despois poñelo en conxunto co que hai arredor, coas
outras universidades.

Unha USC autónoma...
Agora mesmo, dende a Secretaría Xeral de Universidades, vaise presentar un estudo sobre as profesións do futuro e os sectores estratéxicos. Iso daranos boa información para saber onde podemos estar. Pero ten que ser a propia universidade a que dea estas propostas tanto de implantación como de eliminación de títulos. Hai que revisar algunas decisións tomadas que nos prexudicaron, como o teito imposto que nos impide crecer.  Por que cando se implanta un novo título, hai que restarlle alumnos a outro?

E como o pensan facer?
Neste aspecto, en colaboración con outros vicerreitores, queremos ir a todos os centros e saber ás realidades de cada un. Ver o seu mapa de titulacións, os recursos de profesorado dos que dispoñen e como podemos organizar a universidade de xeito óptimo. En setembro empezaremos esas visitas para despois facer unha reestruturación axeitada, se fai falta.

Da a impresión de que este equipo de goberno vai ser o látego da Xunta, que foi quen a través dun decreto marcou esa necesidade de reducir prazas cando se
implanta nova titulación…
Non nos vemos como un látego. O que queremos trasladarlle á Xunta é a realidade da nosa universidade. Agora mesmo estamos en sintonía total coas outras universidades galegas. Non debe haber enfrontamento entre nós por exemplo co tema de títulos. Entre as tres estamos poñendo en marcha títulos conxuntos… antes había mestrados en conxunto, agora graos, como o novo de Paisaxe, porque nos parece bo para o sistema universitario galego. Non somos competidoras senón colaboradoras.

Hai tamén sintonía coa Xunta?
Esta boa sintonía tamén a ven os políticos e eu creo que coa Xunta iremos a unha moi boa sintonía. Pero a Xunta ten que ver certos aspectos que lle pertencen á universidade. A universidade do futuro ten que facer crítica interna, pero tamén teñen que deixarnos crecer. Non estamos falando dunha universidade arcaica, senón dunha institución que quere enfrontarse aos retos do futuro.

Entón hai posibilidade dunha nova negociación coa Xunta agora que hai novo reitor na USC?
Nós, dentro da maior lealdade institucional, temos que poñerlle enriba da mesa cales son os nosos intereses e facerlle ver que son os de Galicia, en realidade. A universidade é un elemento importante como motor da sociedade.


Á parte das titulacións que están previstas que desaparezan en 2019-2020,  hai outros graos en risco por falta de alumnado. Que farán?
Temos que trazar un plan de viabilidade, pero analizando que ocurre. E se fai falta unha modifcación de títulos, faise. Pero antes estudar ben as causas. O primeiro que temos que preguntarnos é: esas titulacións son necesarias? A sociedade vai estar igual sen elas? Desde a Xunta tamén están elaborando un informe, é unha avaliación externa, das titulacións duplicadas no sistema universitario galego. Se has hai dobradas e hai necesidade, non pasa nada. Nós acabamos de chegar e non hai tomada ningunha decisión porque estamos analizando seriamente todo para ver como está.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego do día 1 de xullo de 2018