Saltar ao contido principal
Xornal

Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización e profesor de Fisioloxía

“Queremos potenciar o doutoramento para xente de fóra da USC”

Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización e profesor de Fisioloxía
Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización e profesor de Fisioloxía
  • Charo Barba

Aos médicos de antes engadíaselle como adxectivo a palabra humanista, e aínda supón un piropo para os de agora. Semella que Víctor Arce (A Coruña, 1962), que é médico,  sexa como os de antes, que abarcan máis sabedoría que a  específica dos seus estudos. El ten claro, por exemplo, que quere facer coa USC dende o seu posto de vicerreitor: ser accesible para todos, captar talento de fóra, pero tamén reter o de aquí, despois de que teñan a experiencia de saír a outras culturas e outras universidades. As palabras que manexa son: mobilidade, transferencia de coñecemento, oferta atractiva e implicación dos estudantes.

Cales son os seus obxectivos principais a curto e medio prazo?
Na parte de estudantes, xa estamos mirando como están outras universidades para, en setembro, co Claustro constituído, empezar ver se modificamos algunhas cousas dos estatutos e creamos un Consello de Estudantes, que na USC non hai. 

E na de internacionalización?
En canto a internacionalización, basicamente continuaremos coa execución de parte do plan estratéxico, pero agora estámonos centrando na captación de estudantado de fóra da Unión Europea, ademais de continuar cos proxectos de transferencia de coñecemento.

Como van facer para captar estudantes de fóra?
Asistiremos a feiras nas que amosar a oferta da USC. Internamente, temos que adaptar a nosa oferta á xente de fóra desde aspectos moi concretos como por exemplo a páxina web. Temos que ter unha páxina web en inglés, pero non só traducir a que temos, senón elaborar unha específica para que lle sexa útil a unha persoa que chega de fóra ou que está en calquera lugar do mundo. Unha vez interesados en recoller información, que o sistema lles permita continuar o proceso dunha forma friendly, como se di agora, facilitarlles os procesos, cambiar normativas, prazos...

Que tipo de alumnos queren captar?
Queremos potenciar o doutoramento, que ata o de agora non se lle estaba prestando moita atención e é unha acción moi estratéxica porque é xente que pode ter unha vinculación diferente. Falariamos de captación e mantemento. É unha das primeiras cousas que queremos potenciar. Xa os hai, pero moitas veces é máis por iniciativa dalgún profesor que por unha acción institucional concreta. Nós temos Escola de Doutoramento Internacional e queremos darlle realmente sentido.

Favorecerán a mobilidade?
É outro aspecto moi importante nesta vicerreitoría. En mobilidade levamos tempo funcionando, pero queremos darlle pulo. Estudantado entrante e saínte hai bastante. Interésanos que veña xente pero tamén nós queremos enviar a estudantado, profesorado e PAS fóra, para que coñezan outros sistemas universitarios, outras culturas... é dicir lograr a globalización da USC. Hai quen di que a USC forma moi bos profesionales, pero para outros países.

Como van facer para reter o talento de aquí?
A captación de talento está moi relacionada con Investigación, trátase de que as persoas que poden optar a becas de calidade, como as Ramón y Cajal,  elixan a USC. Hai moita xente que estudou aquí, que ten vínculos aquí e volve. A asignatura pendente é conseguir ser atractivos para xente que non ten vinculación previa coa USC e ese aspecto concreto depende da vicerreitoría de Investigación, que está elaborando unha oferta atractiva para xente nova con talento que nos interesa traer. 

Pero nón só é importante captar xente de fóra, senón tamén reter aos alumnos que fan aquí o seu grao e mestrado...

Si. A cuestión é que unha vez que se ten o doutoramento, que se ten capacidade investigadora, é importante que a xente faga unha formación postdoutoral noutro sitio. O proceso de todo dentro da USC dase moitas veces pero é pecharnos en nós mesmos. É unha experiencia que nos nutre de coñecementos e que despois recupera a USC. Pero onde temos que traballar tamén é na xente que se forma noutras universidades importantes.

Eses estudantes que virían de fóra é o xeito que ten a USC para paliar a crise demográfica?
Cando falamos de captación de talento, falamos normalmente de xente que xa rematou a súa formación e queremos incorporala como investigadores e futuros profesores. Donde afecta a cuestión demográfica é fundamentalmente no grao e no mestrado. Hai titulacións estratéxicas que non se poden pechar, e con alumnos de fóra poderiamos axudar a cubrir este proceso de baixa de natalidade transitorio.

 

Dame a sensación de que os estudantes agora non se ilusionan, non será que fai falta que os impliquen máis nas decisións da USC?
É certo. As primeiras cousas das que falabamos era eso. A cuestión de modificar a normativa non é so un aspecto administrativo. O fondo é buscar que o estudantado se vexa realmente implicado na universidade. Parte pode ser consecuencia duns mecanismos que non están adaptados á realidade, pero de calquera xeito se non tes unhas ferramentas que che permitan contar co estudantado para implicalo na universidade, entramos nun círculo vicioso.

Como o farán?
A intención para setembro é traer ao estudantado para ver como podemos modificar o entorno que temos agora para que eles se impliquen no goberno da USC. Hai cousas que hai que renovar pero non é obrigatorio, o interese en renovalas é para que o estudantado poida participar mellor. Loxicamente falaremos con eles, e esa xa é unha forma de ver, de pulsar como esta a situación, de empezar a recoller ideas e de ver como os podemos implicar no goberno da USC.

O dos estudantes foi un dos colectivos que votaron maioritariamente a Antonio López e ao seu equipo. Por que cre que foi?
Cando na campaña electoral falamos con grupos de estudantes recollemos as súas opinións e  vimos que había bastante sintonía entre as súas reivindicacións e temas que xa levabamos na nosa proposta. Compartiamos unha idea común do que tiñamos que facer para darlle un bo ánimo á universidade. Supoño que esa sintonía fixo que nos escolleran para este proxecto.

E para cando un Estatuto do Estudante?
En setembro, cando volvan os estudantes, empezaremos a facelo. A idea de crear tamén un Consello de Estudantes é para favorecer a interlocución, modificar aspectos do estatuto...

Van botar man das novas tecnoloxías para de captar talento?
Cando falaba dunha páxina web funcional tamén falaba disto. Hai que facer unha reforma global da web, porque leva tempo sen renovarse. Nós proporemos como nos gustaría que fose o entorno e a Vicerreitoría de Proxección Estratéxica, que xa está traballando niso, dará a solución técnica.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego do día 16 de xullo de 2018