Saltar ao contido principal
Xornal

Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos

“Trala formación e a investigación, a nosa terceira misión é a cívico-social”

Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos
Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos
  • Charo Barba

O primeiro do que fala e se gaba a vicerreitora é do seu magnífico equipo e da sorte que ten de contar con el; claro que ela non traballa de forma piramidal, senón horizontal, a pé de obra con eles. Como ela di: “O importante son as ideas; os recursos... xa os buscaremos”.

Vostede xa foi antes vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria. Cambiou moito a cousa?
Si. Pasaron doce anos. Eu fun vicerreitora no primeiro equipo do profesor Senén Barro. Dende entón si que teñen mudado moito as cousas porque a sociedade, e a universidade, ten sufrido unha das maiores crises.

Cales son os seus obxectivos a curto e medio prazo?
Centrarnos no que é a terceira gran misión da universidade. As universidades teñen tres misións principais: evidentemente a formación e a investigación, pero logo tamén ten a misión social, ou cívico-social, como queiramos chamarlle. Ese será un dos meus obxectivos. Impulsar, potenciar esa terceira misión e para iso a verdade é que conto con elementos estratéxicos. Por un lado, todo o que ten que ver coa comunicación, tanto interna como externa, e coa cultura. A universidade é un dos principais xestores culturais do país, e é un papel que hai que revalorizar. Tamén o ámbito dos deportes, dentro dos Servizos.

O programa do reitor dicía: “Fomentaremos a comunicación externa e interna de xeito bidireccional e transparente”...
Exactamente. A universidade e os homes e mulleres que a formamos, teñen un enorme capital cultural e social, que debemos transferir de forma máis efectiva á sociedade. Esa conexión coa sociedade é a que queremos impulsar, para que a USC forme máis parte da sociedade e a sociedade máis parte da USC.

E sigo co programa: “Queremos ser parte da sociedade, comunicarnos e proxectarnos nela”. Semella que Santiago non se implica na USC e que a USC non se identifica con Santiago.
É unha análise que temos que facer de parte a parte, é dicir, a cidade, e o país na súa totalidade, ten moito que dicir respecto da Universidade de Santiago, pero tamén a USC debe facer un maior esforzo por implicarse no desenvolvemento da sociedade civil. Que vai ser o primeiro que fagan neste campo?
Unha das cousas na que estamos a traballar co Concello é na humanización do Campus Vida. Dos seus espazos. Estase traballando coa xerencia para que o Campus sexa un espazo de disfrute, non só dos universitarios e universitarias, senón da cidadanía, e que forme parte da cidade, como un pulmón da cidade. Un pulmón cívico da cidade.

Como farán para chegar aos estudantes, porque da a sensación de que a comunicación non é todo o fluída que debería ser...
Os estudantes son a nosa razón de ser. Se non tiveramos a savia dos estudantes, que rexeneran a institución, sería moi difícil  cumplir cos obxectivos. Os estudantes teñen que implicarse máis na vida universitaria, tanto nos seus órganos de participación, de goberno, como no que é o tecido asociativo, e tamén da vida cultural e deportiva. Deben entender que ser universitario implica a asistencia ás aulas, pero tamén empaparse da vida universitaria e da vida da cidade, porque contribuímos a esa vida.

No seu programa tamén figura unha chiscadela cara nós, os xornalistas. Cales son as súas intencións neste tema?
Xustamente para cumprir cunha parte importante do que é o programa que o reitor puxo ante a comunidade universitaria. É esa canle de comunicación que necesariamente deben de ser os xornalistas e os medios de comunicación en xeral. Por iso nós intentamos atender aos medios, facilitarlle a súa labor, e tamén que coñezan os puntos fundamentais polos que este equipo debe traballar. Un deles é o que antes comentaba: o principal valor que ten a USC é o capital humano. Nesa idea, os medios de comunicación son unha das principais vías de achegamento á cidadanía. É dicir, que a cidadanía nos vexa como unha institución cercana, que está a traballar para conseguir que a nosa sociedade sexa máis democrática, inclusiva e solidaria.

E que saiba que se fai...
De feito é unha das cousas que queremos incentivar. Hai moitísimos investigadores e investigadoras, estudantes, que están a facer cousas interesantes para mellorar a vida das persoas. A nosa misión é a posta en valor deses activos que temos na USC.

Un tema transversal é a igualdade real entre homes e mulleres. Dicía o reitor que quería que a USC fose o faro neste campo.
A universidade debe ser xustamente o faro da innovación social, da loita polos dereitos, e por iso o reitor considera que a USC debe ser o faro que irradie o que debe de ser o desenvolvemento das políticas sociais, da loita pola consecución de máis dereitos e a igualdade entre homes e mulleres. A nosa universidade ten feito cousas importantes nos últimos anos e xustamente eu vou levar a Oficina de Igualdade na Universidade e imos seguir avanzando e non sendo só reactivos, senón moito máis proactivos.

Semella que a USC perdeu protagonismo social e cultural...
Seguen facéndose cousas pero con presupostos moi cativos. Nós temos que ser o principal dinamizador cultural, non só da cidade, senón do país. Ese é un dos grandes retos. Eu aspiro a que sexamos quen de remover e de mover todo o que ten que ver coa acción cultural na universidade e nas dúas cidades.

Ten pensado algo neste campo a curto prazo?
Estamos traballando porque imos presentar varios proxectos a outras institucións, xa que necesitamos socios para acometer proxectos como por exemplo un no que estamos moi ilusionados de educación patrimonial. A USC ten un enorme, grandísimo, patrimonio, e debe abrirse á cidadanía, aos nosos nenos e nenas, para que coñezan a universidade da que, espero, van formar parte, pero tamén a universidade da que xa forman parte moitos homes e moitas mulleres que descoñecen que esta é unha universidade con máis de 500 anos e que ten evidentemente un enorme patrimonio. Ese é un dos nosos proxectos que estamos a intentar dalgunha forma artellar para ofertarlle á cidadanía: centros educativos, centros cívicos, concello...

Serían visitas guiadas para coñecer o patrimonio da USC?
Visitas xa temos, pero o que necesitamos é ter un programa educativo. É dicir, que un escolar poida aprender, a través dese programa, que é a USC. Poño un exemplo moi claro: non pode ser que un universitario compostelán remate a carreira e non saiba quén é Gumersindo Busto, ou que é a Biblioteca América, da mesma forma que ningún compostelán ou ningún galego pode descoñecer o que é esta universidade, o que ten sido e o que vai ser e está sendo a USC para a vida social e cultural do país.

Que tamén entronca co que falabamos da comunicación...
Exacto. É abrir as portas da universidade á cidadanía, á que nos debemos ao fin e ao cabo.

Que servizos son os primeiros aos que lle hai que meter man?
O primeiro co que estamos traballando é con deportes. Necesita un plan urxente o que ten que ver coas instalacións deportivas. O Servizo de Deportes ten moitísima demanda, non só de universitarios senón de cidadáns en xeral. Non queremos unicamente facer unha boa oferta deportiva dunha universidade saudable, senón facelo nunhas instalacións acordes cunha universidade do século XXI. O primeiro traballo que estamos levando a cabo é xustamente co campo de fútbol, que pretendemos inaugurar, cos socios que nos axudan nesta tarefa, cara finais deste ano 2018.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego do 2 de agosto de 2018