Saltar ao contido principal
Xornal

Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Investigación e Innovación

“Investir en I+D+i é fundamental para un país. Non hai outro xeito de medrar”

  • Charo Barba

Cales son os seus obxectivos a curto prazo?
Hai arredor de dous meses que chegamos e estivemos rematando as convocatorias abertas, da Xunta, do Ministerio. Agora estamos co maremagnum de peche de convocatorias de fin de curso e apertura doutras.

E a medio prazo?
A principal intención é mellorar o xeito no que captamos talento e o asimilamos dentro das nosas estruturas de investigación. E, á vez, como melloramos a investigación que se leva a cabo na USC e como melloramos a súa visibilidade. Por unha parte ser máis competitivos no mundo actual e por outra mellorar a transferencia dos resultados de cara á sociedade.

Outro vicerreitor dicíame que o tema de captar talento ten moito que ver coa investigación. Con conseguir que, por exemplo, os Ramón y Cajal elixan a USC...
Primeiro, hai poucos Ramón y Cajal porque a convocatoria nacional foise reducindo. É un programa do Ministerio apreciado a nivel europeo e moi competitivo, chega xente cuns currículos impresionantes, e hai moita competencia entre as universidades por conseguilos. Nós estamos nunha media anual de 5.

E teñen futuro ao remate?
Os Ramón y Cajal estabilízanse na USC ao cabo do seu período, como contratado doutor ou profesor titular da USC. Non hai problema nesa captación de talento. Pero eu creo que temos potencial para conseguir máis non só nas áreas de ciencias tradicionais, de onde provén o 95 %, senón tamén nas de ciencias sociais e humanidades.

Que outros caladoiros hai?
Os Marie Curie, Juan de la Cierva, Servet no ámbito da saúde, e outras figuras como os postdoutorados da Xunta. Temos que facer o esforzo por captar a estas persoas e logo ser quen de retelos.

En investigación e innovación os cartos son fundamentais...É importantísimo aumentar o financiamento da universidade. Se non se incrementa o investimento en I+D+i, non poderemos ser competitivos co resto de Europa. Durante a crise, mentres aquí recortabamos, outros países entenderon perfectamente que non era así. Alemania mantívoo, porque pensaban que era o único xeito de saír da crise. Nós diminuímos, reducimos prazas, e a calidade da docencia e da investigación diminuiron. España continuou captando recursos fóra do país, pero fai falta o apoio dos gobernos. Fai falta inversión pública e privada. As empresas teñen que decatarse de que investindo en investigación vailles ir mellor tamén a elas.

O reitor, hai unhas semanas, falou dunhas liñas de axuda para investigación neste mesmo ano...
Para este ano 2018, liberouse unha axuda da que á USC lle correspondeu arredor de 800.000 euros para grupos de referencia competitiva. Por outra parte, a USC abriu unhas axudas de investigación destinadas por un lado a mellorar nos ranquins internacionais, e por outro para grupos de investigación. Axudas que intentamos que sexan específicas en función dos campus de especialización. Ao Campus Terra e ao Campus da Cidadanía. Coa intención de que estes campus teñan proxectos de investigación colaborativos entre os gruposs. E que haxa intercambios co exterior para traer profesorado estranxeiro ou que os nosos investigadores visiten outras universidades.

Un investigador da USC falabame da dureza da crise para a investigación. E o peor, dicía, é que se pasas tempo sen investir, despois tárdase máis na recuperación...
Hai que lembrar o que pasou trala morte de Franco. Os investimentos que os distintos gobernos fixeron en I+D, pouco a pouco, foron conseguindo un nivel aceptable en Europa. Iso non se fai da noite para a mañá. Son anos de investimento, ten que partir dun acordo tácito entre todos os partidos políticos porque investir en I+D+i é fundamental para un país, non hai outro xeito de medrar. E ten que ser continuado.

Hai pouco fíxose público o ránquin Shanghai, que poñía ao Sistema Universitario Galego no quinto posto de comunidades españolas. E a USC era a mellor das tres.
Si. Pero non podemos quedar nas cifras. Eu creo que o dos ranquins é un indicador polo que a sociedade está visualizando como imos en investigación, en docencia e noutras características. Primeiro é importante mellorar neses ranquins, pero para iso non nos queda outra que mellorar na calidade de docencia, dos graos, dos mestrados, da investigación... e para iso temos que poñernos as pilas, tanto os investigadores como os docentes, que somos os mesmos.

Desde fóra da USC dá a impresión de que ten xente moi ben formada, que saiu a facer as súas estadías, que leu a súa tese e obtén a máxima cualificación... e despois non se lle ofrece estabilidade.
Era do que falabamos ao principio. Captura e retención do talento. Está claro que un dos nosos obxectivos é formar xente, que saia fóra e que tamén teña a posibilidade de formarse e estabilizarse noutros sitios. Sen lugar a dúbidas, para que un investigador docente volte á USC ten que pasar un tempo fóra. Nós temos que ser quen de recuperar unha parte deles. A eles ou aos doutras universidades españolas, europeas ou doutros lugares.

Un dos labores desta Vicerreitoría e proxectar cara a sociedade todo o que se fai na USC en investigación. Aquí teñen que traballar xunto coa Vicerreitoría de Comunicación, non?
Si. Hai un programa que funciona moi ben, o Programa Ponte, no que investigadores da USC van a escolas, dan conferencias, etc. E tamén veñen esas escolas a visitar as nosas facultades, onde se lles explica o que facemos. É unha vía de doble dirección. Pero tamén temos que mellorar as nosas vías de comunicación coa empresa para que visualicen mellor o que estamos a facer e saiban o que pode serlles útil, e nós o que necesitan. E coa sociedade, a través dos medios de comunicación, temos que mellorar a nosa proxección.
Ás veces semella que só se investiga en ciencias. Quizais porque o seu traballo é para curar ás persoas, mellorar a súa vida... Pero nas áreas de humanidades parece que non se fai nada...
Temos a sorte de ser unha universidade cinco veces centenaria e iso implica moitas áreas diferentes entre si e todas cunha grande tradición investigadora. Temos grandes investigadores en saúde e ciencias experimentais, pero tamén nos ámbitos do campus da cidadanía e no campus terra. En Lugo hai investigadores con proxección internacional que van artellarse na agrupación BioReDes e entre os seus obxectivos está proxectar mellor a súa investigación. No Campus da Cidadanía temos investigadores publicando en revistas de primeira orde...

Outro dos seus cometidos é procurar a transferencia dos resultados da investigación aos sectores público e privado...

Esa transferencia está funcionando ben, e temos bastantes patentes que o amosan. Tamén hai axudas da Xunta, do Vicerreitorado... Hai un proxecto moi interesante agora que poremos en marcha no Campus Vida, que é a bioincubadora, subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), Incide, a Cámara de Santiago e a propia USC no que se pretende incubar empresas de raíz biotecnolóxica. Esto enmarca moi ben nas ideas que temos no Campus Vida, o novo grao de Biotecnoloxía e toda unha serie de grupos de investigación arredor, no Cimus, no Ciqus, no Citius, traballando en innovación en biotecnoloxía. E con esta bioincubadora pretendemos atraer tamén empresas alleas á USC. Desde aquí xa fago un chamamento a estas empresas para que nos chamen porque van ter un sitio onde incubarse e onde se lles axuda a medrar.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego do 7 de agosto de 2018