Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso do reitor, Senén Barro Ameneiro, no acto de celebración da festividade de Santo Tomé de Aquino

Discurso do reitor, Senén Barro Ameneiro, no acto de celebración da festividade de Santo Tomé de Aquino


Pensamos que podiamos

Acóllenos neste día, no que a Universidade recorda o seu padroeiro universitario, a Facultade de Ciencias, a cuxa comunidade universitaria lle agradecemos a súa hospitalidade. 

En xaneiro de 2004, neste mesmo lugar, recordeille aos presentes que esta Facultade tivo as súas orixes no antigo Colexio Universitario, que no seu día acubillou os primeiros ciclos de Química, Bioloxía, Matemáticas e diversas filoloxías. Aquel Colexio Universitario, agora Facultade de Ciencias, dedicouse nos últimos anos deste período pre-EEES á dispensación comprometida das titulacións de Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade de Química Industrial, e os segundos ciclos das licenciaturas de Química e de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ao tempo que foi intensificando en cantidade e calidade a súa vocación investigadora, sobre todo, nos eidos da Química, da Enxeñería Química e da Ciencia dos Alimentos.

O dinamismo deste centro fixo que se abordasen ultimamente grandes e prometedores procesos de cambio. A nova oferta docente, centrada nos Graos en Enxeñaría Industrial de Procesos, cun futuro Máster de Enxeñaría Industrial -xa en proceso de implantación-, e en Nutrición e Dietética Humana, xuntamente co xa recoñecido Máster en Riscos Laborais, abren un escenario académico cheo de novos retos e oportunidades. Esta oferta contará ademais cun centro renovado e ampliado, tanto na parte do edificio da Facultade como no novo edificio anexo, no que se situarán sofisticados laboratorios de investigación.

Antes de pasar a desenvolver o contido deste discurso permítanme que agradeza á Profesora Dra. dona Isabel Fernández García a súa maxistral e interesantísima lección sobre “O Manganeso na vida cotiá”, e a súa inmediata disposición para asumir a responsabilidade de ser mestre de todos os presentes nun día tan especial para a Universidade de Santiago de Compostela e para a sociedade lucense.

Esta festividade o é de toda a Universidade e este acto está sendo emitido por Internet en tempo real. En todo caso, aproveito sempre a notoriedade desta festividade para situar o discurso sobre todo neste campus e para reclamar o compromiso de toda a USC co seu desenvolvemento. Así, na pasada edición da festividade de San Tomé insistín en que debemos “mirar, mimar e admirar” este campus lucense, e remataba as miñas palabras con palabras prestadas por Henry Ford, quen dixo: “tanto se pensas que podes como se pensas que non podes, estás no certo”.  Nós pensamos que podiamos e efectivamente estabamos no certo. Explicareime no que segue.

Pensamos que podiamos conseguir para a USC o excepcional recoñecemento de campus de excelencia internacional, e así foi. Sen discusión este será o logro máis importante do presente curso académico e, atreveríame a dicir, de toda a década. Este recoñecemento, outorgado conxuntamente polo Ministerio de Educación e o Ministerio de Ciencia e Innovación, foi conseguido tan só por 9 dos máis de 50 proxectos de universidades españolas presentados á primeira convocatoria do Programa Campus de Excelencia Internacional.

O proxecto que presentamos, denominado CAMPUS VIDA, é sobre todo un novo modelo de universidade, un camiño sen retorno por unha USC que aposta pola xeración e atracción de talento de excelencia; a promoción da investigación traslacional e orientada á innovación; o compromiso coa creación de emprego e o fomento do emprendemento; a consolidación dunha universidade sostible; e a internacionalización da súa actividade, tanto docente como investigadora. Por iso, as infraestruturas as infraestruturas de CAMPUS VIDA, sendo moi importantes e visibles, son un medio e non o fin. Do mesmo xeito que se ben a súa principal concreción física dáse no vello e histórico campus ao sur de Santiago de Compostela, o seu sistema nervioso, os seus músculos e as súas arterias e veas esténdense por toda a USC; mais aínda, agora vanse estender por toda Galicia. O histórico acordo de cooperación das universidades galegas en docencia e investigación supón a incorporación das outras universidades a un proxecto que xa foi concibido como proxecto de país, e que vaino ser no máis amplo sentido da expresión.

Tendo en conta o financiamento do SUG, e en particular o da USC, é moi difícil non perder posicións no conxunto do Sistema Universitario Español e Europeo. Por iso, pódese considerar case unha milagre ter conseguido a consideración de Campus de Excelencia Internacional, algo que se debe a un moi coidado e traballado proxecto institucional de análise-planificación-acción e ao esforzo do persoal da USC para “facer máis e mellor con menos”. Pero as nosas forzas non son ilimitadas, e o non dispor de forma inmediata dun novo Plan de Financiamento pode debilitar de forma irreversible as nosas posibilidades de continuar mellorando como universidade e como servizo público para o conxunto da sociedade.

De feito, a aplicación do actual marco de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) supuxo unha redución significativa de recursos para o exercicio 2010 en relación ao ano anterior. Aínda que o SUG recibiu da Xunta de Galicia achegas adicionais ás cifradas no Plan de Financiamento vixente, a redución dos recursos con carácter non finalista inicialmente previstos para as universidades e a especial situación económico-financeira da USC, ao existir unha falta de correlación entre os recursos achegados e as necesidades derivadas da nosa estrutura e perfil de actividades, fixo inicialmente imposible elaborar un orzamento. O feito de que prosperase a negociación desenvolta co Goberno da Comunidade permitirá finalmente a presentación ao Claustro dunhas liñas xerais de orzamento para o exercicio 2010. Isto supón unha garantía para transitar dun modo razoable e ben organizado cara a un novo Plan de Financiamento do SUG, agora xa absolutamente imprescindible. Sendo este, ademais, un ano electoral, parécenos se cabe máis importante deixar a quen nos releve unha USC ben organizada en todos os terreos, e moi especialmente no orzamentario.

Aínda que se trata dun orzamento no que non se deban buscar grandes alegrías, si se recolle unha proposta sensata, organizada segundo a Planificación Plurianual 2007-2010 aprobada polo mesmo Claustro e que contempla as necesidades previstas para o ano en curso, ao tempo que é responsable coa crise económica que vivimos e coa sociedade que no seu conxunto a está a sufrir con extrema dureza. De feito, este ano non haberá o tradicional xantar de San Tomé co que prolongábamos este acto e que tamén axudaba a reforzar a relación entre a universidade e o conxunto da sociedade. Sendo importante esa faceta, os recursos son necesarios máis que nunca para atender as responsabilidades específicas da docencia e a investigación.

Pensamos que no 2010 poderiamos ter unha oferta docente renovada, de maior calidade e máis atractiva, diversificada e polivalente, desenvolvida ao fío do complexo pero estimulante reto de construír entre todos un espazo harmónico de educación superior en Europa. Creo que salta á vista que este reto non era unha quimera, particularmente neste campus. A oferta de graos e mestrados oficiais que está definida é unha clara demostración do que estou a dicir. Cun grande esforzo, non exento de tensións, pero sempre levado adiante desde o diálogo e a reflexión conxunta, logramos culminar con éxito este proceso. En particular cómpre salientar a transformación daqueles títulos que en boa medida completaron o seu ciclo de vida, e que contan cunha demanda decrecente e insuficiente. Nestes casos esforzámonos moi especialmente por deseñar novas e moi suxestivas ofertas. Sirvan de exemplo os graos de Nutrición e Dietética Humana, ao que antes aludín, e o de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, que parten das titulacións de Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos e Humanidades, respectivamente. Cada un destes títulos, antes duplicados no SUG, seguen a impartirse como graos, non obstante, noutros campus galegos, pero aínda sendo únicos agora, están lonxe de acadar unha matrícula que os faga viables. A USC, pola contra, decidiu mudar dita oferta docente por novos títulos, a priori moito máis atractivos, tanto para os potenciais estudantes como para os empregadores.

Evidentemente nada nos garante ter atinado nesta aventura, pero estamos convencidos que sempre paga a pena o empeño en empezar a construír un futuro máis prometedor en lugar de conformarnos con reafirmarnos nun “xa pasado”. Por iso a nosa foi unha elección que sempre optou polos potenciais beneficios que nos abrían os camiños e non polo doado de transitalos.

Despois dunha década de descenso continuo no numero de estudantes no campus de Lugo, este curso académico o seu número  é superior ao do ano pasado. Estamos seguros de que este incremento nin e froito da casualidade nin será un feito illado, máis aínda con esta nova oferta que temos deseñado e que estará plenamente en marcha no próximo curso académico.

Pensamos que podiamos trazar un plan propio e ambicioso para o desenvolvemento futuro deste campus lucense: un proxecto de futuro para un campus con futuro. Un campus ou ten personalidade propia ou sempre será reo das personalidades alleas. Pásalle como ás persoas. Un campus ou ten un proxecto de futuro ou irase quedando atrás, como as pegadas.

Elaboramos así un proxecto que está concretado no necesario para que o campus siga medrando en amplitude, urbanística e tematicamente, e para que o faga de forma harmónica con esta marabillosa cidade de Lugo na que se asenta. Trátase de crecer en espazos –investimos neste anos máis de 21 millóns de euros en novas edificacións-, mais sobre todo en medios, servizos e infraestruturas para a docencia e a investigación –só o investimento en infraestruturas e equipamento de apoio á investigación superou os 10 millóns de euros, o que representa máis do 35% do total da USC nestes anos-. A próxima semana presentaremos publicamente este proxecto que proxecta o Campus de Lugo no 2015, polo que penso que non é necesario que agora entre en máis detalles.

Este tipo de logros e de proxectos non se improvisan. Son froito dun esforzo colectivo, que se converte en intelixencia colectiva cando se agrega unha capacidade real de fixarmos metas ambiciosas e de acadalas a través dun diagnóstico veraz, unha planificación rigorosa e unha execución fiable das accións, nun permanente ciclo que obriga a mellorar a análise e a superar as barreiras, as dificultades e as limitacións, repensando constantemente os obxectivos e o camiño a andar.

Son logros colectivos. Pero permítanme que sen obviar o empeño e o mérito de moita máis xente, sitúe agora no meu discurso ás persoas que nestes últimos case oito anos conformaron os equipos de dirección e de xerencia neste campus. Un deles tristemente falecido hai pouco máis dun mes, e que con cariño e respecto quero recordar hoxe: trátase de Pedro Sánchez, quen foi vicexerente deste campus. Recordando a todos non quero deixar de mencionar especificamente a un deles. Non sería xusto diluír no conxunto, aínda que sexa un conxunto virtuoso, a unha persoa vital no discorrer do campus nestes anos. Vital no dobre sentido de ser de suma importancia para este proxecto colectivo e de estar dotado dunha grande enerxía e capacidade de traballo. Falo, claro está, de Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo desde xuño de 2002, e persoa á que eu, o campus e o conxunto da USC lle debemos moito.

Neste que é o meu último discurso de San Tomé, e case seguro tamén o último discurso como reitor diante dun auditorio tan importante e representativo do campus, da cidade, da provincia e do noso país, permítanme que agradeza tamén o continuo apoio que recibín das administracións, moi especialmente do Concello e da Deputación de Lugo. Quero tamén agradecer a unha manchea de organismos, institucións, empresas e persoas a título individual, que sempre estiveron coa predisposición de escoitar as nosas ideas, os nosos proxectos, as nosas ambicións e, mellor aínda, con predisposición a apoialas e axudar a facelas realidade. Seguro que percibiron que as nosas ideas tratan de ser o eco das ideas de todos; que os nosos proxectos buscan un mellor servizo público; e que as nosas ambicións non son outras que poñer o noso coñecemento e liderado ao servizo da sociedade.

Grazas finalmente a este campus de Lugo por axudar a facer unha mellor universidade, unha Universidade de Santiago de Compostela de excelencia internacional. Traballamos arreo con toda a comunidade na identificación das faltas, pero xuntos aínda é maior o noso esforzo na procura dos remedios. 

Dixen

:

Lugo, 28 de xaneiro de 2010