Saltar ao contido principal
Xornal  »  Declaración da Xunta de Facultade de Ciencias da Educación sobre as Bases para o uso do galego no ensino

Declaración da Xunta de Facultade de Ciencias da Educación sobre as Bases para o uso do galego no ensino


A Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela, pola súa responsabilidade académica na formación de profesionais da educación e polo seu compromiso coa sociedade, non quere nin debe permanecer allea ao actual debate social sobre o papel das linguas e a súa aprendizaxe no sistema educativo galego, directamente derivado da recente presentación pública por parte da Xunta de Galicia dunha proposta de novo Decreto (“de plurilingüismo”), que especifica a presenza da lingua galega no ensino non universitario, a través de medidas e indicacións que reducen e modifican moi apreciablemente os criterios de tal presenza, con respecto ao que se establece no Decreto aprobado en 2007 e aínda en vigor.  Por esta razón, reunida en Xunta Ordinaria o día 21 de xaneiro do 2010, aproba a seguinte declaración institucional:
a) As linguas non son só códigos formados por signos abstractos que permiten comunicármonos, senón tamén instrumentos básicos no proceso de aprendizaxe e construcións colectivas que reflicten unha historia comunitaria. É dicir, teñen unha dimensión educativa e social que demanda que a súa utilización escolar se realice desde o maior consenso democrático e desde o rigor científico.
b) O actual contexto histórico e social reclama cidadáns con competencia en varias linguas, pero tamén con capacidade para respectar e valorar a diversidade lingüística, sinaladamente a relacionada  tanto con variedades minoritarias, como coas minorizadas. A responsabilidade das institucións educativas é, polo tanto, dobre: garantir o dominio instrumental deses códigos e formar individuos que asenten o seu comportamento lingüístico sobre valores cívicos e respectuosos dos dereitos lingüísticos.
c) O obxectivo plurilingüe ao que debe aspirar o sistema educativo ten que modularse en función do papel social que a lexislación lle atribúe a cada código e da vinculación que mantén con eles o alumnado. Non é razoable nin realista ningunha meta educativa plurilingüe, aplicable ao conxunto da poboación escolar, que non acepte niveis de competencia diferentes para as linguas ambientais e para as demais.
d) O rango de oficialidade que lle recoñece a lexislación ao castelán e ao galego, co carácter de ‘lingua propia’ para este último, por seren específica creación e construción patrimonial e histórica das xentes de Galicia, compromete aos poderes públicos e ás institucións escolares na consecución dun dominio funcional pleno nos dous idiomas por parte de todos os cidadáns. En troques, a desexable competencia do conxunto do alumnado noutras linguas ten que formularse desde parámetros competenciais máis básicos.
e) Temos que referirnos a dúas dimensións, unha política e unha técnica, que son complementarias. Unha dimensión é a definición dun proxecto lingüístico colectivo, que compete aos representantes políticos, como consecuencia das expresións electorais e a súa concordancia cos mandatos xurídicos constitucionais, e outra a definición do itinerario ou itinerarios para chegar a el, que debe realizarse con criterios científicos e de racionalidade curricular. Trasladar responsabilidades substantivas sobre estas cuestións técnico-didácticas ás familias e aos centros non se xustifica, entón, desde o reclamo dunha aposta democrática pola participación, senón que representa unha inhibición indebida por parte dos poderes públicos, que ademais pode xerar tensións e fracturas sociais inoportunas nas comunidades educativas e nos centros escolares, así como no corpo social galego, dados os usos, as percepcións e a realidade sociolingüística de Galicia.
 f) As linguas apréndense a través do contacto con elas, tanto no contorno escolar coma no extraescolar, o que significa que unha lingua socialmente prevalente dispón de recursos engadidos para ser aprendida. Todos os estudos sociolingüísticos avalan que a lingua hexemónica en Galicia é o castelán, tanto desde o punto de vista da valoración social como desde o da presenza no universo vital dos escolares. En consecuencia, o obxectivo de competencia bilingüe semellante non se pode asentar sobre a filosofía do formal equilibrio e reparto lingüístico na escola, senón que reclama un papel de discriminación positiva para o galego, compensatoria da súa minorizada situación social, como expoñen repetidamente as investigacións e informes internacionais de socio e de psicolingüística, que recomendan programas de inmersión lingüística.
g) O uso vehicular das linguas no currículo favorece a súa aprendizaxe, pero a decisión sobre o momento e a proporción na que se han de empregar debe estar orientada, en conxunción, pola realidade contextual sociolingüística próxima e por principios sociolingüísticos e psicopedagóxicos. Isto é especialmente relevante nos primeiros chanzos da escolarización e na aprendizaxe da lectura e da escritura, polo que deixar estas decisións nas mans das familias podería entorpecer ou ser contraditorio co desexable establecemento dun proxecto lingüístico integrador, e pode provocar desaxustes no proceso de aprendizaxe, alén de indesexables problemáticas socioculturais.
h) A planificación lingüística escolar, como parte dun proxecto de normalización lingüística da lingua propia minorizada e de plurilingüismo de maior alcance, é un instrumento necesario nun sistema educativo plurilingüe; debe estar estritamente atento, por outra parte, ao seu desenvolvemento curricular e didáctico dado que o adecuado e correcto dominio das competencias  lingüísticas precisas só se pode garantir cunha renovación do ensino e da aprendizaxe das linguas e coa colaboración didáctica dentro das áreas lingüísticas. Este é un espazo técnico e menos condicionado polo debate dos proxectos e programas políticos arredor das linguas que a administración educativa debería coidar especialmente.
En función do exposto, esta Xunta de Facultade fai un chamamento ás autoridades educativas e aos grupos políticos galegos para que:
-          Retiren o actual documento de Bases para o uso do galego no ensino por manifestarse inadecuado, distante ou mesmo contrario dos criterios anteriormente sinalados.
-          Traballen por reconstruír o consenso social e político encol da lingua galega e da súa normalización, como prevén as disposicións xurídicas, e a liña progresiva seguida pola normativa existente ata o momento.
-          Separen deste debate o que se refire á aprendizaxe de linguas estranxeiras pois, sendo moi importante, é de natureza claramente diferente.
-          Tratándose dunha toma de decisións políticas  propia da acción de goberno e da actuación dunha administración pública correctamente informada non trasladen ao terreo particular das familias as decisións de índole curricular e de organización institucional escolar.
-          Poñan en marcha medidas eficaces de promoción do uso social e escolar da lingua galega, na liña do sinalado no Plan  de Normalización Lingüística, aprobado por consenso político no Parlamento de Galicia en 2004.